Ir ao contido principal

Manual Autoridades

Manual de Autoridades

Elección do nome preferido de persoa

O nome preferido dunha persoa é aquel que a identifica e constitúe a base para a construción do punto de acceso autorizado que a representa. Como norma xeral, se un individuo ten máis dunha identidade debe crearse un nome preferido para cada identidade.

Para establecer o nome preferido dunha persoa a regra básica é elixir aquel baixo o cal a persoa é máis coñecida. A fin de tomar esa decisión RDA prescribe o uso das seguintes fontes, en orde de preferencia :

a) fontes preferidas de información de recursos producidos pola persoa (na lingua e escritura do contido orixinal)

b) outras mencións formais que aparecen en recursos asociados coa persoa

c) outras fontes, incluíndo fontes de referencia e catálogos de autoridade 

Todas as variantes coñecidas do nome da persoa deben rexistrarse como accesos adicionais no rexistro de autoridade (RDA 9.2.3.5). Tamén deben citarse adecuadamente todas as fontes consultadas durante o proceso de elección do nome preferido. (RDA 8.12.1.3)

Diferentes formas do mesmo nome

Para determinar o nome preferido dun individuo que é coñecido por máis dunha forma do mesmo nome ter en conta as pautas RDA relativas á integridade ou completeza do nome, ás formas en escrituras non preferidas, á ortografía e á lingua. As formas non elixidas rexistraranse como variantes do nome en campos MARC 400.

  • Integridade: se a forma varía na súa completeza elixir a máis comunmente atopada.

Manuel Jabois e non Manuel Jabois Sueiro

Se ningunha forma predomina, elixir como preferida a máis recente. En caso de dúbida sobre cal é a forma máis recente, elixir a forma máis completa.

  • Nomes atopados nunha escritura non preferida: nestes casos transcribir o nome de forma transliterada. Se o nome da persoa se atopa en máis dunha forma transliterada nos recursos asociados coa persoa, elixir a forma máis frecuente. Rexistrar as outras formas como variantes do nome.

Solzhenitsyn, Aleksandr Isaevich e non Солженицын, Александр Исаевич

  • Ortografía: se atopamos ortografías diferentes do nome dunha persoa e estas diferenzas non son o resultado de transliteracións diferentes, elixir a forma do nome do primeiro recurso recibido. Rexistrar as outras diferenzas ortográficas como variantes do nome.

Katharine McGregor (a forma atopada no primeiro recurso consultado debe ser seleccionada como o nome preferido), aparece noutros recursos como Katherine McGregor ou Catherine McGregor, estas formas estableceranse como variantes.

  •  Lingua: se o nome aparece en diferentes formas lingüísticas en recursos asociados coa persoa elixir a forma correspondente á lingua da maioría dos recursos. 

Nunes Brións, Andrea, 1984- e non Nuñez Briones, Andrea, 1984-

pero se o nome non aparece en recursos asociados á persoa, elixir a forma máis frecuente atopada nas fontes de referencia do país de residencia ou actividade da persoa.

Knef, Hildegard e non Neff, Hildegarde

Se a persoa non escribe na lingua do seu país de orixe, respectarase a forma da súa lingua de escritura

Conrad, Joseph e non Konrad, Józef

CASOS ESPECIAIS:

  • Formas gregas e/ou latinas: elixir como nome preferido a forma máis común nas fontes de referencia.

Hugo Grotius e non Hugo de Groot

Giraldus, Cambrensis e non Gerald, de Barri

Abelardo, Pedro e non Petrus Abelardus

En caso de dúbida, elixir a forma grega ou latina para persoas activas antes de 1400 d.C. e a forma da lingua vernácula ou adoptada para persoas activas despois desa data.

Petrus, Cellensis (século XII) e non Pierre, de Celle ou Pedro, Cellensis

Bade, Josse (século XV) e non Badius, Jodocus

  • Cando as persoas son identificadas polo seu nome de pila debe empregarse a forma galega, sempre que exista unha forma ampliamente establecida en fontes de referencia en galego. Con carácter xeral este é o caso de santos, beatos, papas, emperadores, reis, príncipes reinantes e tamén dos clásicos gregos e latinos.

Tomé, de Aquino, Santo e non Tomás, de Aquino, Santo

Guillerme I, Rei de Inglaterra e non William I ou Guillermo I

Xoán Paulo II e non Juan Pablo II ou Giovanni Paolo II ou Wojtyla, Karol

Hexesias e non Hegesías ou Ἡγησίας   Ver:  LISTA DE CLÁSICOS GREGOS E LATINOS

Diferentes nomes para a mesma persoa

  • Cambios de nome: cando unha persoa cambia de nome como resultado dun nomeamento, coroación, adopción dun termo de nobleza ou razóns similares, elixir a forma máis recente como nome preferido.

Jacqueline Kennedy Onassis e non Jacqueline Bouvier ou Jacqueline Kennedy

Excepcionalmente, se hai razón para creer que a persoa é máis coñecida por un nome que non é o máis recente, elixir ese nome como o preferido.

  • Pseudónimos: no caso de empregar varios pseudónimos unha mesma persoa pode ter máis dun punto de acceso autorizado aceptado.

"Eubensei" e o pseudónimo de "Beiras, Manuel", cada un deles ten o seu propio rexistro de autoridade, asociado coas súas respectivas obras, e os dous rexistros estarán relacionados entre si a través dun campo 500 e o designador de relación apropiado para especificar a relación

100 1# $a Beiras, Manuel, $ d1942-2016

500 0# $w r $i Identidade alternativa: $a Eubensei, $d 1942-2016

100 0# $a Eubensei, $d 1942-2016

500 1# $w r $i Identidade real: $a Beiras, Manuel, $ d1942-2016

Pero se unha persoa utiliza só un pseudónimo, e non o seu nome real, elixir o pseudónimo como nome preferido e o nome verdadero como alternativo

100 1# $aCaballero, Fernán

400 1# $a Böhl de Faber, Cecilia

En caso de pseudónimos colectivos, é dicir aqueles que ocultan a identidade de varios autores, debemos manter como formas aceptadas tanto a identidade bibliográfica colectiva como os nomes reais dos integrantes, sempre que publiquen en solitario cos seus nomes, e establecer as relacións necesarias entre os rexistros de autoridade creados.

100 1# $a Mola, Carmen

500 1# $w r $i Identidade real: $a Mercero, Antonio, $d 1969-

500 1# $w r $i Identidade real: $a Díaz, Jorge, $d 1962-

500 1# $w r $i Identidade real: $a Martínez, Agustín, $d 1975-

Rexistro de autoridade relacionado:

100 1# $a Mercero, Antonio, $d1969-

500 1# $w r $i Identidade alternativa: $a Mola, Carmen