Ir ao contido principal

Sexenios de investigación

Guía de axuda ao PDI para concorrer á convocatoria de sexenios de investigación da CNEAI-ANECA

Que son?

Un sexenio de investigación é o recoñecemento da actividade investigadora do persoal docente e investigador, funcionario e interino, de Universidades públicas e de organismos públicos de investigación da Administración Xeral do Estado (AXE), durante un período de 6 anos, consecutivos ou non.

Esta avaliación realízase a través da CNEAI, Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora, integrada na ANECA (Agencia Nacional de Evaluación de Calidad y Acreditación).

Para a avaliación das solicitudes a CNEAI solicita o asesoramento da comunidade científica, a través de Comités asesores e persoas especialistas por campos científicos, cuxa relación se publica cada ano. (Véxase: Composición dos comités 2023)

A obtención de sexenios resultado da avaliación positiva ten beneficios:

  • económicos, coa correspondente remuneración,
  • de redución da carga docente. 

Como se obteñen?

As persoas aspirantes deben cumprimentar a correspondente solicitude, -e anexos, de ser o caso-, e cursala  a través da sede electrónica da ANECA. A convocatoria realízase anualmente e publícase no BOE, determinando o período de solicitude e requirimentos.

Na presente convocatoria (2023) deberá achegarse a seguinte documentación:

  1. Impreso de solicitude xerado e asinado pola persoa solicitante. 
  2. Currículo xerado ao cumprimentar a solicitude, con ata un máximo de CINCO ACHEGAS, seleccionadas pola persoa candidata para someter a avaliación. (Ver Selección de achegas).
  3. Currículum vitae normalizado -CVN- (recoméndase o modelo da FECYT), incluíndo exclusivamente os anos obxecto de avaliación. 
  4. Folla de servizos orixinal actualizada e referida ao período cuxa avaliación se solicita, e con data de expedición posterior á publicación da convocatoria no BOE.

Cómpre asegurarse do cumprimento dos requisitos e da correcta presentación da documentación para evitar subsanacións administrativas por parte da ANECA, co fin de evitar retrasos no procedemento.

Quen pode solicitar o recoñecemento de sexenios?

Poderán solicitar a avaliación da actividade investigadora:

  • os/as funcionarios/as de carreira ou interinos/as (a data 31 de Decembro de 2023) dos seguintes corpos docentes:
    • Catedráticos/as de Universidade ou Escola Universitaria.
    • Profesorado titular de Universidade ou Escola Universitaria.
  • o persoal investigador que teña a condición de funcionario de carreira no momento de presentar a solicitude, e estea en situación de servizo activo -ou equivalente-, das seguintes escalas científicas dos Organismos Públicos de Investigación da Administración Xeral do Estado:
    • Profesoras/es de investigación.
    • Investigadoras/es científicas/os.
    • Científicas/os titulares.

** O  PDI funcionario con dedicación a tempo parcial poderá solicitar a avaliación, aínda que os efectos económicos devengaranse cando preste adicación a tempo completo. 

** Para saber máis sobre a posibilidade de convalidación de avaliacións positivas previas e sobre as excepcións para o persoal que se atope en certas situacións de excedencia e permisos, deberá consultarse o texto da convocatoria.

OUTROS REQUIRIMENTOS

O PDI que solicite un tramo de investigación deberá atoparse nalgunha das seguintes situacións: 

a) Que o seu último tramo avaliado positivamente rematara o 31 de decembro de 2017 ou en anos anteriores. 

b) Que nunca se tivera presentado, e á data do 31 de decembro de 2023 teña un mínimo de seis anos avaliables.

c) Que non tivera recoñecido o seu último tramo de avaliación normal, e este terminara o 31 de decembro de 2020 ou en anos anteriores. As persoas solicitantes que se atopen nesta situación poderán construír un novo período de seis anos, con algún dos anos xa avaliados negativamente no último tramo de investigación presentado e, polo menos, tres anos posteriores ao mesmo.

En caso de avaliación negativa anterior de dous ou máis tramos presentados conxuntamente, o novo sexenio formarase unicamente con anos propios do último tramo de investigación.

**As achegas que se presenten a un sexenio de investigación non poderán presentarse a unha posterior convocatoria de sexenios de transferencia.

AVALIACIÓN DA ACTIVIDADE INVESTIGADORA DO PROFESORADO CONTRATADO DA USC

A Universidade de Santiago de Compostela ten asinado un convenio de colaboración coa ANECA, a través do cal se formaliza unha encomenda
de xestión entre os dous organismos coa finalidade de que a CNEAI avalíe a actividade investigadora do profesorado contratado que a USC determine na súa convocatoria, do mesmo xeito, cos mesmos criterios e no mesmo prazo en que se realiza a avaliación do profesorado dos corpos docentes universitarios.

A Resolución da USC para 2023, determina que terán dereito a solicitar a avaliación da súa actividade investigadora o profesorado que, a 31 de decembro de 2023, teña subscrito contrato coa USC nalgunha das seguintes categorías:

  • Profesorado permante laboral
  • Profesorado contratado doutor
  • Profesorado colaborador fixo con título de doutor
  • Profesorado axudante doutor
Unha vez presentada a solicitude na sede electrónica da ANECA, o profesor ou profesora deberá enviar unha copia do xustificante da solicitude (copia da solicitude asinada e xustificante coa data de rexistro) por correo electrónico ao Servizo de Planificación de PDI (spdocente@usc.gal). A falta desta comunicación impedirá que se poida realizar a avaliación.

Para máis información, recomendamos consultar o texto da Resolución.

Os tramos a avaliar

Os sexenios recoñecen tramos de investigación de 6 anos (naturais) que poden ser consecutivos ou non. As fraccións superiores a oito meses considéranse anos naturais.

A persoa candidata debe indicar, en todo caso, o ano no que comeza o tramo sometido a avaliación.

PODE SOLICITARSE MÁIS DUN TRAMO NA MESMA CONVOCATORIA?

Pódese dar o caso de que alguén queira solicitar máis dun tramo na mesma convocatoria. Debe terse en conta que, de producirse unha avaliación negativa, nas vindeiras convocatorias só poderá recuperar un máximo de 3 anos do último tramo denegado, polo que non poderá volver usar en futuras convocatorias ningunha das publicacións dos tramos anteriores.

Por iso o máis recomendable é solicitar só un tramo en cada convocatoria.

No caso de traballos xa aprobados en sexenios denegados, recoméndase incluir a puntuación recibida no seu momento pola ANECA.

Formalizar a solicitude

A aplicación da ANECA adoita dar problemas á hora de gravar os distintos pasos que require a formalización da solicitude. É por iso que recomendamos:
  1. Preparar toda a documentación, incluido o borrador da solicitude aparte, antes sequera de iniciar o proceso. 
  2. Contar cun medio de identificación electrónica (é imprescindible para acceder á aplicación da ANECA): DNIe, Cl@e, Certificado dixital...
  3. Premer en gardar constantemente durante o proceso, xa que pode bloquearse e perder toda a información introducida ata ese momento. Isto xa o advirte a ANECA na súa plataforma. 
  4. Elixir un horario que poida ter menos concorrencia (a primeira ou última hora do día). 
  5. No caso de que as dificultades persistan, contactar con ANECA.
Desde a Biblioteca non podemos facer nada respecto do sistema de presentación telemático de solicitudes de sexenios da ANECA.