Ir ao contido principal

Sexenios de investigación

Guía de axuda ao PDI para concorrer á convocatoria de sexenios de investigación da CNEAI-ANECA

Requisitos para a avaliación positiva

En xeral, consolídanse os cambios aparecidos na anterior convocatoria de 2023, avanzando na mesma liña:

  • Dáse un maior peso á valía da achega có medio no que se difunde.  
  • Aplicaránse criterios e metodoloxías de avaliación cuantitativas e cualitativas, tendo en conta a narrativa achegada pola persoa solicitante nos indicios de relevancia e impacto de cada aportación.
  • No relativo a Acceso aberto, requirirase o depósito en repositorios institucionais, temáticos ou xeneralistas de acceso aberto das publicacións científicas (versión final acaptada ou versión publicada), códigos, metodoloxías e os conxuntos de datos, que deberán ser FAIR e incluír un identificador persistente (DOI, Handle, ARK, SWHID ou, en xeral, unha URI/URL permanente). Este depósito é de obrigado cumprimento pola Lei Orgánica do Sistema Universitario e a Lei da Ciencia, Tecnoloxía e Innovación.

Recomendamos que o depósito se realice no repositorio institucional da USC, MINERVA, que ademais de dar visibilidade á produción científica da universidade, ten a vantaxe de que a biblioteca do seu centro ofrece o soporte necesario para subir os documentos.

(Ver O repositorio da USC: Minerva).

  • Para poder acadar unha avaliación positiva as achegas deberán supoñer unha contribución ao progreso do coñecemento e presentar impacto científico e social, entendendo este último como os beneficios evidenciables que achega o coñecemento mais aló do ámbito académico.
  • Tomarase como referencia a narrativa achegada pola persoa solicitante nos “indicios de relevancia e impacto” de cada contribución. Neste apartado da solicitude defenderase o impacto científico da achega a través de:
    • citas recibidas contextualizadas excluíndo autocitas
    • da súa proxección nacional e internacional
    • dos proxectos nacionais e internacionais que financiaron a investigación ou que se derivaron desta
    • das traducións da obra
    • do cumprimento de estándares de ética e integridade na investigación
    • dos premios recibidos, entre outros.
  • Tamén a contribución da dita achega á xeración de impacto social evidenciado, por exemplo, a través de contribucións ao deseño e implementación de políticas públicas, contribución ao desenvolvemento de solucións a problemas sociais ou calquera outro aspecto que se considere relevante.
  • No caso das publicacións, a súa indexación nun determinado repertorio bibliográfico ou base de datos pode servir como un argumento complementario na defensa narrativa que se faga da achega, peno non para obter de xeito automático unha valoración positiva sen ter en conta a calidade intrínseca do contido.
  • Co fin de promover a investigación nas linguas oficiais dos territorios, as achegas en español ou noutras linguas cooficiais non poderán considerarse un demérito, máxime cando a súa utilización en distintos campos científicos evidencie a coherencia e o compromiso que son esixibles coas realidades obxeto de estudo. Tampouco poderá considerarse un demérito a presentación de achegas na lingua oficial do país onde se realizou a mesma.
  • Para que unha achega sexa considerada, a persoa solicitante deberá ter participado activamente nos traballos que lle deron orixe, concretando a súa contribución específica a estes nos casos de coautoría ou autoría múltiple. Esta participación deberá de declararse seguindo o esquema da taxonomía CRediT. tamén deberá indicarse o uso de Intelixencia Artificial xenerativa, sempre que afecte ao contido orixinal da aportación.

Os cambios xerais máis importantes nesta convocatoria no que respecta a criterios e baremos son:

  • Só existe un baremo xeral para todos os campos.
  • Elimínanse as métricas e as súas fontes nos criterios específicos de cada campo, sendo substituídos por un apéndice en consonancia con DORA e CoARA. O apéndice incorpora unha lista ilustrativa e non exhaustiva de posibles métricas, fontes e dimensións para evidenciar o valor de cada aportación (ver apéndice ao pé deste apartado).
  • Elimínase o apartado de mínimos orientativos. Elimínanse as referencias mínimas a certas bases de datos.
  • Amplíanse os casos nos que se poden presentar menos aportacións debido a un cambio na resolución en materia de igualdade.

 

PUNTUACIÓN RECOLLIDA NO BAREMO XERAL

Contribución ao progreso do coñecemento na área 10%              
Impacto científico 60%
Impacto social 10%
Contribución á Ciencia Aberta 10%
Achega preferente segundo o campo de coñecemento 10%
Reiteración de publicacións Exclusión das aportacións
Autoría insuficientemente xustificada -15%
Malas prácticas de publicación (reiteración de contidos, plaxio, artigos retractados...)

Exclusión das aportacións

Procesos de revisión non contrastables -25% a -100%
Conflito de interese editorial Exclusión das aportacións

Os Comités asesores e, no seu caso, as persoas especialistas consultadas deberán formular un xuízo técnico sobre as achegas avaliadas á persoa solicitante. O xuízo técnico expresarase en termos numéricos de cero a dez, sendo preciso un mínimo de seis puntos para obter unha avaliación positiva nun tramo de seis anos.

Cada achega valórase entre 0 e 10 puntos. Cómpre, polo tanto, alcanzar un mínimo de 30 puntos (media de 6) para acadar o sexenio.