Ir ao contido principal

Sexenios de investigación

Guía de axuda ao PDI para concorrer á convocatoria de sexenios de investigación da CNEAI-ANECA

Os indicios de calidade

BIBLIOMETRÍA NARRATIVA

A nova convocatoria do CNEAI presenta novidades importantes á hora de redactar os indicios de calidade das achegas. A intención é mellorar na calidade da avaliación introducindo elementos cualitativos xunto cos cuantitativos de acordo coa San Francisco Declaration on Research Assessment (DORA) e os acordos e principios da Coalition for Advancing Research Assessment (CoARA).

Menciónase expresamente a bibliometría narrativa como o xeito de artellar a “redacción, presentación, justificación y contextualización rigorosa de evidencias e indicios relacionados con la visibilidad, diseminación e influencia de los resultados de la investigación científica desarrollada en el período objeto de evaluación.” (BOE-A-2023-25537).

No Material da sesión formativa para o PDI -ao pé deste apartado- ofrécense exemplos para elaborar a narrativa de defensa da calidade das achegas sometidas a avaliación.

ÁMBITOS DE APLICACIÓN

A convocatoria divide os indicios de calidade en tres ámbitos de aplicación: ao nivel da achega, ao nivel do medio de difusión e ao nivel da contribución científica en aberto.

  • Os indicios de calidade ao nivel da achega tratan de determinar a importancia dunha publicación no contexto da súa disciplina. Para iso, establecen catro dimensións diferentes: a dimensión das citas, a dimensión do uso e a lectura, a dimensión da influencia ou adopción social, e, por último, a dimensión da visibilidade social.
  • Os indicios de calidade ao nivel do medio de difusión tratan de proporcionar información sobre o impacto ou importancia da revista ou da editorial que publica a achega no contexto do seu ámbito do saber, así como información sobre a calidade dos seus procesos editoriais e o seu grao de internacionalización.
  • Por último, os indicios de calidade no contexto da ciencia aberta valoran o depósito das achegas en repositorios de acceso aberto e as achegas realizadas en colaboración e coa implicación activa da cidadanía en todo ou parte do proceso de investigación.

A información contida na táboa (ver abaixo deste apartado) de posibles métricas, fontes e dimensións das achegas, presente no Apéndice da convocatoria, debe considerarse como un recurso orientativo sobre métricas e fontes dispoñibles.

As métricas citadas non son as únicas aplicables. A ausencia de certas métricas e fontes no apéndice da convocatoria non invalida o seu uso nos indicios de relevancia e impacto das achegas.

Non é obrigatorio presentar evidencias de todas e cada unha das dimensións propostas para as achegas.

Segundo as preguntas máis frecuentes publicadas pola ANECA respecto aos sexenios 2023, as persoas solicitantes poderán presentar as métricas que mellor reflictan a relevancia e valor da achega nunha ou varias das súas dimensións para permitir que a avaliación sexa o máis completa posible.

Tampouco é preciso empregar todas as ferramentas para a descoberta e xustificación dos indicios de visibilidade e impacto, só os que acheguen información dabondo para a correcta defensa da contribución.

Mais abaixo, na sección Modelo de recollida de indicios das achegas, ofrecemos un modelo máis completo que reúne máis métricas e fontes para achegar indicios de calidade.

 

**NOVO RECURSO

Uso das bases de datos

O acceso ás bases de datos citadas máis abaixo pode requirir autenticación como no caso de Dimensions

O acceso ás bases de datos de Scopus e Web of Science está dispoñible dende a web da FECYT, mais recomendamos á comunidade universitaria da USC convertir nunha boa práctica o acceso a todas as fontes ás que ten acceso a BUSC a través de reBUSCa, a súa plataforma de recursos electrónicos, co fin de evitar problemas de identificación que impidan a súa consulta.