Ir ao contido principal

Manual de Formación en Competencias en Información da BUSC

Manual FUBUSC

O Programa de Formación en CI

A BUSC ofrece á comunidade universitaria un plan de formación dirixido a afondar no coñecemento dos servizos bibliotecarios e dos recursos de información, así como ofrecer ferramentas de aprendizaxe para localizar, seleccionar, utilizar e difundir de forma adecuada todo tipo de recursos de información (competencias informacionais).

O Acordo do Consello de Goberno do 5 de xullo de 2016 (modificado en 2018) regula o recoñecemento de créditos nas titulacións de grao pola adquisición de competencias en información a través dos cursos que estableza a Universidade con base no programa de formación proposto pola Biblioteca Universitaria.

A BUSC ofrece formación en CI desde o curso 2008-2009 -formando parte do grupo UNICI2 desde 2010-, pero non foi ata o 2018-2019 que a USC aprobou a Resolución Reitoral que faría posible o recoñecemento de créditos ECTS por esta actividade transversal. Desde entón, cada curso académico apróbase unha resolución reitoral coa programación anual de actividades CI da BUSC.

O calendario de accións formativas pódese consultar na sección de Formación en CI / Datas e tramitación da web da BUSC.

 

POR QUE A BUSC ASUME ESTA FORMACIÓN?

O Plan estratéxico 2011-2020 da USC establece o obxectivo de potenciar a orientación dos servizos académicos á mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe, para o que determina converter a BUSC nun centro de recursos para a docencia, a aprendizaxe e a investigación (CRAI).

A Biblioteca Universitaria recolle o mandato da USC e establece, como un dos seus obxectivos estratéxicos, “contribuír á adquisición de competencias informacionais na comunidade Universitaria”.

 

RECURSOS DE INTERESE

A quen vai dirixida a formación CI?

As Competencias en Información son unha competencia transversal.

A BUSC contribúe á súa adquisición impartindo Cursos de Formación dirixidos a todos os membros da comunidade universitaria.

Para o alumnado, ofértanse 3 niveis:

  •     Básico, dirixido ao alumnado de primeiros cursos de grao, pero aberto a todo o alumnado de grao.
  •     Avanzado, dirixido ao alumnado dos últimos cursos do grao pero aberto a todo o alumnado, esta enfocado na realización do TFG.
  •     Experto, dirixido ao alumnado de posgrao.

* Non se require o apto no nivel inferior para acceder ao seguinte nivel.

O PDI e o PAS teñen acceso á formación en competencias en información a través dos plans de formación que a USC oferta para cada colectivo.

O formato dos cursos é en liña (a través do Campus Virtual da USC), aínda que adoitan levar consigo clases presenciais e prácticas para reforzar a adquisición das competencias.

Que competencias se traballan?

A UE integra as CI dentro da competencia dixital, e define esta como unha das oito competencias chave que todo estudante debe ter adquirido ao rematar a súa formación académica.

O documento europeo DIGCOMP establece 21 competencias dixitais, repartidas en 5 Áreas:

Área 1: Información e tratamento de datos

    C1. Navegación, procura e filtrado de información, datos e contidos dixitais.
    C2. Avaliación de información, datos e contidos dixitais.
    C3. Xestión de información, datos e contidos dixitais.

Área 2: Comunicación e colaboración

    C4. Interacción mediante tecnoloxías dixitais.
    C5. Compartir mediante tecnoloxías dixitais.
    C6. Participación social mediante tecnoloxías dixitais.
    C7. Colaboración mediante tecnoloxías dixitais.
    C8. Netiqueta.
    C9. Xestión da identidade dixital.

Área 3: Creación de contido dixital

    C10. Desenvolvemento de contidos dixitais.
    C11. Integración e reestruturación de contido dixital.
    C12. Dereitos de autor e licenzas.
    C13. Configuración e personalización de aplicacións e programas informáticos.

Área 4: Seguridade

    C14. Protección de dispositivos.
    C15. Protección de datos persoais e privacidade.
    C16. Protección da saúde e o benestar.
    C17. Protección da contorna.

Área 5: Resolución de problemas

    C18. Resolución de problemas técnicos.
    C19. Identificación de necesidades e respostas tecnolóxicas.
    C20. Usar a tecnoloxía dixital de forma creativa.
    C21. Identificación de lagoas na competencia dixital.

Como se mide a adquisición das CI?

A DOCUMENTACIÓN MARCO

A Comisión europea presentou, en 2012, o documento “Marco común de Competencia Dixital”, como parte do proxecto DIGCOMP, iniciado en 2010, e do que resultou, á súa vez, o documento marco “DIGCOMP: A framework for developing and understanding dixital competence in Europe” (2013).

No contexto educativo universitario español, a Comisión Sectorial das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) e REBIUN (Rede de Bibliotecas Universitarias) desenvolven, ao amparo do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e o deseño dos novos Graos nas Universidades, o proxecto CI2 (2009), co obxectivo de incorporar as competencias informáticas e informacionais nas universidades españolas (https://www.rebiun.org/lineas-estrategicas/aprendizaje-investigacion/competencia-digital/evolucion).

Este proxecto evoluciona, -a partir do modelo DIGCOMP e do documento "Marco Común de Competencia Dixital Docente v.2.0"-, no “Marco de competencia dixital para estudantes de Grao” ​(REBIUN, 2016)​, que pretende establecer uns contidos formativos mínimos que sirvan de marco referencial ao conxunto das universidades españolas.

A Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, -BUSC-, toma como referencia estes documentos para elaborar o seu Programa de Formación en Competencias Informacionais (2017), adaptándoo ás necesidades dos usuarios aos que vai dirixido e dotándoo da flexibilidade requirida por unha actividade en constante evolución, como é a alfabetización informacional.

 

OS INDICADORES

Tras unha análise comparativa das competencias, niveis e indicadores determinados nos documentos marco existentes e, dado que ningún deles ofrece conxuntamente estes 3 elementos (algúns recollen as competencias, outros os niveis, e outros os indicadores), o grupo de FUBUSC Avaliación determinou 32 indicadores para o nivel básico e 28 para o nivel avanzado.

Para establecer os resultados da aprendizaxe, é dicir, o que cada “estudante debe saber, comprender e ser capaz de facer tras culminar con éxito un proceso de aprendizaxe” (SEPIE, 2015, p. 10) tomáronse como referencia, ademais destes documentos marco, a Guía da ANECA (2013) e a adaptación da taxonomía de Bloom á era dixital.

Unha vez determinados estes parámetros, e en estreita colaboración co grupo FUBUSC Contidos, deseñáronse as actividades e exercicios necesarios para avaliar se o alumnado adquire tales habilidades e en que grao, mantendo unha orientación cara á práctica e a autoaprendizaxe. Para a posta ao día das tarefas que se esixe ao alumnado, cómpre ter sempre presente os indicadores e as actualizacións da documentación marco.