LISTAXES DE ALUMNADO APTO
Unha vez rematado o curso farase pública -a través da Aula virtual do curso-, a listaxe provisoria de alumnado apto. (Ver apartado Publicar as listaxes de alumnado apto).
O alumnado disporá dun prazo de 7 días naturais para formular as alegacións oportunas. Transcorrido ese prazo, a listaxe elevarase a definitiva, incorporando as modificacións que corresponda. (Ver apartado Foro de novas / Mensaxes tipo / Listaxes de aptitude).
MATERIAS CO CURSO CI VINCULADO
No caso de que o curso estea vinculado a unha materia de grao, a listaxe definitiva será remitida ao profesorado da devandita materia para ser tido en conta na súa avaliación. (Ver apartado Xestión das cualificacións / 4. Preparar a listaxe de cualificacións para o profesorado)
O CRÉDITO ECTS
Tanto a cualificación final do curso (Apto/Non apto) como o crédito ECTS serán integrados no expediente do alumnado de grao de forma automática para a maioría das titulacións, salvo Medicina, por petición desta.
A imputación faina a área TIC unha vez pechado o periodo de actas dos cursos CI (en bloque).
Non se recoñecerá o crédito a aquelas persoas que realicen un curso de competencias en información que non sexa o propio da súa titulación ou que volvan a realizar o mesmo curso no que xa obtiveron o apto.
O DIPLOMA
A BUSC emitirá un diploma acreditativo da superación deste curso, que será remitido de oficio por correo electrónico ao alumnado apto, unha vez finalice a actividade. Isto tamén se aplica ao alumnado de Posgrao.
Unha vez asinadas as actas oficiais pola Dirección da BUSC os coordinadores de cada actividade formativa recibirán un documento en PDF que contén todos os diplomas do alumnado apto na actividade respectiva. Este documento debe ser desagregado para individualizar os diplomas de cada alumno ou alumna.
Pódese facer seleccionando como impresora Adobe PDF e premendo en imprimir de 2 e 2 páxinas. Cada ficheiro resultante será nomeado como Apelido1 Apelido2_Nome de cada estudante.
Unha vez extraídos os ficheiros haberá que comprimilos nunha carpeta .zip e subilos ao Portasinaturas, para seren asinados pola Dirección da BUSC. Se o número de diplomas supera os 50, haberá que crear (e enviar) unha carpeta .zip para cada grupo de 50 diplomas, para evitar problemas no portasinaturas.
1) Imos ao PORTASINATURAS
2) Engadimos o arquivo .zip e cubrimos os campos que se ven na captura.
3) En DESTINATARIOS cubrimos o seguinte formulario co correo da directora da BUSC (Mª Isabel Casal Reyes), eliximos como tipo de sinatura a de "empregado público", e prememos en Aceptar.
Unha vez asinados, a persoa que enviou o ficheiro recibirá o aviso no seu enderezo institucional para descargalos e envialos por correo ao alumnado (esta última tarefa pode ser delegada no persoal auxiliar). (Ver apartado Foro de novas / Mensaxes tipo / Listaxes de aptitude).
MODELO DE CORREO PARA O ENVÍO DE DIPLOMAS PARA O CURSO BÁSICO
Asunto: Certificado curso Competencias en Información para Alumnado de Grao. Nivel Básico. 1ª Ed. [BUSC.2425.1] [2024/2025]
Texto: Bo día,
remitimos o certificado de ter superado o curso de Competencias en Información para Alumnado de Grao. Nivel Básico. 1ª Ed. [BUSC.2425.1] [2024/2025]. Se detectas algún erro ou incidencia podes comunicalo á coordinadora do curso: mluisa.iglesias@usc.es.
O crédito ECTS será imputado de oficio no teu expediente, agás se cursas o Grao en Medicina. Se é este o teu caso, terás que solicitar a imputación a través da Secretaría Virtual, en Outros Trámites, a través do modelo T30. Se tes calquera dúbida co procedemento, consulta na UXA.
Importante!! É recomendable que o alumnado bolseiro do Grao en Medicina espere ata o último ano do grao para solicitar a imputación co fin de evitar problemas na concesión da bolsa.
Un cordial saúdo.
MODELO DE CORREO PARA O ENVÍO DE DIPLOMAS DO CURSO AVANZADO
Asunto: Certificado curso Competencias en Información, nivel avanzado. XXX
Texto: Bo día, remitimos o certificado de ter superado o curso de Competencias en Información, nivel avanzado. XXX. Se detectas algún erro ou incidencia podes comunicalo á coordinadora do curso: XXXX@usc.es.
O crédito ECTS será imputado de oficio no teu expediente, agás se cursas o Grao en Medicina. Se é este o teu caso, terás que solicitar a imputación a través da Secretaría Virtual, en Outros Trámites, a través do modelo T30. Se tes calquera dúbida co procedemento, consulta na UXA.
Importante!! É recomendable que o alumnado bolseiro do Grao en Medicina espere ata o último ano do grao para solicitar a imputación co fin de evitar problemas na concesión da bolsa.
Un cordial saúdo.