Ir ao contido principal

ACADEMIA: Programa de acreditación do profesorado universitario funcionario

Guía de axuda para obter a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes de Profesorado Titular de Universidade, ou Catedrática/o de Universidade.

Por onde empezar?

É preciso ter en conta as distintas ferramentas que a USC pon a disposición do seu persoal investigador:

  1. Portal da Investigación: contén a produción científica dos investigadores/as da Universidade, así como os indicios de calidade.
  2. Minerva: repositorio institucional que recolle, difunde e preserva os documentos derivados, entre outros, da actividade científica dos membros da comunidade universitaria.

É moi importante non confundir estas dúas ferramentas: o Portal reúne nun único punto toda a información sobre a produción científica xerada polo persoal investigador da USC, incluídas as súas métricas de visibilidade e impacto, mentres que Minerva proporciona acceso ao texto completo dos traballos mediante ligazóns permanentes.

Na sección inferior Guías da BUSC ofrecemos unha infografía para aclarar conceptos.

Segundo o Procedemento para a obtención da acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios, ANECA requirirá o uso de repositorios institucionais ou temáticos, así como de agregadores recoñecidos internacionalmente, en acceso aberto como forma de acceso preferente ás publicacións científicas e outros resultados de investigación.

 

GUÍAS DA BUSC

O Portal da Investigación da USC

O Portal da Investigación recolle a produción científica da Universidade de Santiago de Compostela, dando visibilidade á súa actividade investigadora a través dos resultados e da análise do seu impacto.

Ofrece indicadores bibliométricos globais da institución, dos grupos de investigación, departamentos e tamén a nivel de investigador e de publicación. Isto convérteo nunha ferramenta de gran utilidade para o persoal investigador á hora de localizar e seleccionar as achegas que desexe someter a avaliación para acadar o sexenio.

Páxina de inicio do Portal de Investigación da USC

 

Accedendo ao seu perfil pode ver os indicadores de toda a súa produción científica:

Acceso aos indicadores nun perfil de autor do Portal de Investigación da USC

 

 

Tamén pode consultar os indicadores que recolle o Portal da Investigación de cada un dos documentos:

Relación de indicadores que mostra o Portal para cada documento

 

Desde Informes pode facer unha descarga de toda a súa produción, ou ben de parte dela:

 

Na descarga deberá seleccionar Datos bibliográficos + Indicadores e o formato de descarga desexado:

 

Unha vez finalizada a descarga xérase un ficheiro no que o investigador pode filtrar os documentos que lle interesen para seleccionar as achegas:

Indicadores descargables desde o Portal da Investigación da USC

 

Ademais de editar información do seu perfil, solicitar á biblioteca que inclúa novas publicacións da súa autoría, textos completos ou datos de investigación, o/a autor/a pode realizar distintos tipos de descargas desde o seu perfil:

  • Descarga das súas publicacións e de indicadores en distintos formatos.
  • Descarga, por parte da persoa responsable dun grupo de investigación, da produción do grupo. Están dispoñibles dúas descargas diferentes: documentos e documentos máis indicadores.
  • Descarga do seu Impacto Normalizado.
  • Descarga do seu CVN.

Ver QUE PODE DESCARGAR O INVESTIGADOR/A?

O repositorio da USC: Minerva

Minerva alberga toda clase de materiais dixitais a texto completo:

  • artigos científicos (versións preprint, postprint e publicada),
  • achegas a congresos,
  • materiais docentes,
  • revistas e monografías editadas pola USC,
  • teses de doutoramento,
  • traballos académicos,
  • documentos institucionais e científicos
  • e fondos históricos impresos ou manuscritos.

O persoal docente e investigador da USC pode depositar a súa produción científica en Minerva de forma autónoma a través do autoarquivo, ou ben mediante o aquivo delegado (en caso de ter dificultades técnicas deberá contactar coa biblioteca do seu centro).

Antes de comezar co depósito dos traballos é necesario comprobar:

  • Que o documento non se atopa xa no repositorio: debe facerse unha busca en Minerva para verificar isto.
  • A política editorial con respecto ao autoarquivo nun repositorio para os traballos publicados previamente nunha revista ou monografía: confirmar que versión do documento se autoriza ou se existe algún período de embargo. Para isto, pódense consultar as bases de datos Open Policy Finder (antes Sherpa Romeo, para revistas internacionais) ou Dulcinea (revistas españolas), que recollen información dos principais editores sobre estes permisos, ou na sección Rights & Permissions da páxina web da revista/editor. De non atopar información aquí, débese solicitar autorización á editorial para depositar en Minerva, mencionar expresamente fins e usos e expoñer tamén que se fará baixo unha licenza CC.

A biblioteca ofrece un modelo de solicitude destes permisos para as obras de autoría compartida e aquelas cuxos dereitos foron cedidos a unha editorial (acceso ao pé deste apartado).

É importante respectar en todos os casos a xestión de dereitos de autoría amparada polo marco legal vixente no momento da publicación.

O PDF editorial poderá depositarse sen impedimento algún no caso de artigos en revistas de acceso aberto, en publicacións con licenza Creative Commons ou cando o autor pagou para publicar en aberto.

MÉTRICAS DE USO DAS ACHEGAS EN MINERVA

Minerva permite a consulta de datos sobre visitas e descargas dos documentos. Débese acceder ao rexistro de cada traballo e premer no botón "Ver Estatísticas de uso", situado na columna da dereita da pantalla.

Ofrécense as visualizacións a nivel rexistro, a nivel ficheiro e desagregación por países.

Estatíticas de Minerva

 

MODELOS DE SOLICITUDE DE PERMISOS AOS PROPIETARIOS DE DEREITOS DE AUTOR