Ir ao contido principal

Manual Alma - Servizos

Manual de xestión do servizo de circulación da BUSC en Alma-ExLibris: usuarios, solicitudes, préstamos e bibliografías recomendadas

Tipos de rexistro de persoas usuarias

Contas externas e internas

Como sinalamos no apartado Usuarios/as, dependendo da forma na que sexan incluídas en Alma, existen dous tipos de conta de persoas usuarias: as contas de usuarios/as externos/as, que son as cargadas dende unha base de datos externa polos servizos informáticos da USC, e as contas internas, que son as creadas polo persoal bibliotecario.

  • As contas externas corresponden ás persoas usuarias relacionadas coa comunidade universitaria. Están importadas e xestionadas polo Servizo ATIC-CAU da USC. Os seus principais identificadores proveñen do sistema externo e non se poden cambiar. Son os/as usuarios/as que teñen TUI ou que poden obtela e Alumni con credenciais USC.
  • As contas internas son as que pertencen a aquelas persoas usuarias que non teñen relación coa USC. Son totalmente xestionadas polo persoal bibliotecario en Alma. Corresponden a usuarios/as que teñen unha carta de usuario/a externo/ ou carta de usuario/a invitado/a creada pola BUSC. Tamén están en contas internas os/as Alumni que non dispoñen de credenciais da USC.

Tanto na TUI como na carta de lector/a ou carta de usuario/a invitado/a ten que aparecer un código de barras, que é o identificador primario do/a usuario/a.

 

Estado dos rexistros

Os rexistros poden estar activos ou vixentes ou non activos ou caducados. No caso das contas internas, supón un axuste manual.

Na BUSC a caducidade dos rexistros de usuarios/as en contas internas vén determinada pola data de caducidade do rexistro. No caso das contas externas, a caducidade depende da vixencia das credenciais de autenticación, e polo tanto da sincronización externa realizada pola ATIC. 

Buscar rexistros de persoas usuarias

Podes acceder ao rexistro de usuario/a de dúas formas, con dúas visualizacións iniciais distintas:

  1. Dende a barra de busca permanente disposta na parte superior de cada páxina accedemos á visualización: Detalles del usuario.
  2. Dende Servicios al usuario/Gestionar servicios al usuario/Identificación del usuario accedemos á visualización: Servicios del usuario.

Na primeira opción, recuperamos o perfil completo da persoa usuaria cos seus datos persoais, os seus roles, o historial, etc.. mentres que dende a segunda opción a información preséntase priorizando a actividade da persoa usuaria en Alma. Esta última é a interface que utilizamos para xestionar os préstamos, as reservas e as devolucións. 

 
1. Busca dende a barra de busca permanente

Para acceder á información da persoa usuaria, selecciona Usuarios no primeiro despregable. No segundo despregable poderemos elixir campos concretos do rexistro de usuario/a: Apelido, Identificador primario (código de barras), Identificadores (núm. do DNI sen letra), Correo electrónico, etc. ou por calquera palabra ou número seleccionando Todos

Temos que ter en conta que Alma non atopa coincidencias parciais co número do DNI ou co correo electrónico, polo que temos que escribilos completos.

Unha vez introducido o termo ou termos e premer intro, o sistema mostrará a relación de todas as contas que coinciden coa busca realizada. Sobre os resultados de busca, mostraranse catro pestanas que permitirán limitar segundo os tipos de persoas usuarias establecidos: Persoal, Público, Contacto e Todos

Tamén se pode filtrar por:

  • Conta: Usuarios internos, Usuarios externos, Internos con usuarios de autenticación externa, Todos. 
  • Rol: O rol determina os permisos que ten a persoa usuaria para operar en Alma. Todas as persoas usuarias teñen o rol de Usuario, pero ademais o persoal da BUSC ten os seus propios roles en ALMA. 
  • Estado: Todos, Activo ou vixente, Non activo ou caducado 

 

 

Se premes na pequena ficha xunto ao nome do/a usuario/a abrirá unha ventá cos seus datos básicos. 

Premendo sobre o botón dos tres puntos podemos editar os datos dos rexistros. Tamén o podemos facer premendo no nome do/a usuario/a. En ámbolos dous casos abrirá a vista do rexistro de usuario/a chamada Detalles del usuario. Temos que premer en Abrir para actualizar para editar esta información. No caso das contas externas, coas limitacións existentes. 

Unha vez dentro da visualización Detalles del usuario, se prememos en Gestionar actividades y servicios al usuario podemos acceder directamente á vista de Servicios al usuario

 
2. Busca dende Servicios al usuario/Gestionar servicios al usuario/Identificación de usuario

Neste segundo caso, podemos realizar a busca tecleando na caixa de busca os apelidos, o nome o código de barras ou o DNI (sen letra). 

Dende esta busca accedemos á vista Servicios al usuario. Nesta vista priman fundamentalmente os datos de préstamo. solicitudes e devolucións da persoa usuaria, e é a utilizada para a xestión dos servizos. Dende aquí temos acceso á xestión rápida dos datos de usuario/a en Editar información del usuario, para modificar información de contacto. 

Se prememos no identificador da universidade (o DNI) podemos acceder á vista Detalles del usuario e tamén editala. No caso das contas externas coas limitacións existentes. 

Xestionar rexistros de persoas usuarias

O rexistro de usuario/a

O rexistro de usuario/a na visualización Detalles del usuario presenta a información estruturada en pestanas. A punta dobrada de cor azul na esquina dereita dunha pestana indica que teñen contido. Imos describir cada unha das pestanas:

 

 

  • Información xeral: contén os datos básicos do/a usuario/a e os seus roles. No caso de contas externas aparecen campos sombreados que non se poden modificar, xa que proveñen da sincronización realizada pola ATIC.
  • Información de contacto: enderezos, correos e teléfonos. Nesta pestana podemos facer modificacións nas contas externas. Engadir datos, nunca eliminar ou modificar os creados polo ATIC.
  • Identificadores: son os identificadores engadidos pola área TIC. O University ID é o número do DNI e o Additional ID e o correo da USC. Nas contas externas non se poden modificar.
  • Notas: as notas son de texto libre. Poden ser visibles para o/a usuario/a na súa conta de Primo-Iacobus e tamén emerxentes para que aparezan ao realizar calquera transacción ao/á usuario/a. As notas da ATIC non se deben borrar. 
  • Sancións: dende esta pestana pódense activar sancións xeradas polo sistema sobre as normas de préstamo e tamén crear sancións manualmente. Para poder facelo requírense roles específicos.
  • Multas/Cuotas: recolle información sobre os exemplares perdidos que foron aboados polo/a usuario/a. (Non se usa na BUSC)
  • Estatísticas: permite consultar a vinculación das persoas usuarias ao centro, titulación, departamento ou biblioteca en que está matriculado/a ou traballa.
  • Adxuntos: historial das mensaxes enviadas ao/á usuario/a. Inclúe tanto notificacións que se enviaron ao/á usuario/a de xeito automatizado polo sistema sobre reservas ou cancelación de solicitudes como mensaxes personalizadas de texto libre enviadas ao seu enderezo de correo electrónico. 
  • Proxy para: unha persoa usuaria pode ser proxy para outras, é dicir, pode representar a outras persoas usuarias á hora de tomar libros en préstamo, pero o préstamo cárgase a aqueles. Aquí aparecerá o nome ou nomes dos/as usuarios/as dos que é proxy e os seus correos electrónicos. 
  • Historial: aparece o historial de modificacións realizadas no rexistro de usuario/a e as súas sancións.  

Xestionar contas externas

Os usuarios/as con contas externas sincronízanse con Alma utilizando o Perfil de integración de usuario. Esta integración realízaa exclusivamente a ATIC-CAU. A BUSC non pode engadir contas externas.

A ATIC carga os seguintes datos:

No caso de PDI e PTXAS:
  1. Nome e apelidos.
  2. Identificador principal (código de barras da TUI).
  3. Correo electrónico da USC.
  4. University ID (DNI ou pasaporte).
  5. Additional ID (enderezo do usuario/a da USC:  ----- @usc.gal).
  6. Grupo de usuario/a (PTXAS, Profesorado/Persoal Investigador).

O dato Categoría de la tarea  para o grupo Persoal da BUSC  non pode modificarse dende os mostradotes de préstamo. Os erros detectados deben comunicarse o enderezo: busc-alma-usuarios@grupos.nube.usc.gal

 
No caso de Alumnado da USC (grao, máster, doutoramento, erasmus...):
  1. Nome e apelidos.
  2. Identificador principal (código de barras da TUI).
  3. Correo electrónico da USC.
  4. Teléfono.
  5. University ID (DNI ou pasaporte).
  6. Additional ID (enderezo do/a usuario/a da USC:  ----- @rai.usc.gal).
  7. Grupo de usuario/a (Alumnado de grao e 4º ciclo, posgrao-máster, alumnado de doutoramento...).
  8. Estatística: Titulación na que está matriculado/a o alumno/a.
 
No caso dos Alumni do grupo alumnos/as (ex-alumnado da USC):
  1. A ATIC actualiza o grupo de usuario/a.
  2. Incorpora o dato de Estatística correspondente: Alumni>Alumno/a.

Estes datos cargados pola ATIC non poden modificarse dende os mostradores. Para corrixir erros  relacionados cos datos cargados pola ATIC hai que enviar unha solicitude ao enderezo: busc-alma-usuarios@grupos.nube.usc.gal

 
Datos a completar polos operadores/as dos mostradores de préstamo

 

  • Información de contacto:

De xeito obrigatorio na información de contacto debe figurar un correo electrónico e preferentemente un número de  teléfono.

No caso dos alumnos, o enderezo electrónico e o teléfono inclúeo o ATIC.  Para o PDI e PTXAS estes datos engádense dende a BUSC (calquera mostrador de préstamo). Poden engadirse enderezos electrónicos e teléfonos alternativos, ademais de enderezos postais, nunca eliminar ou modificar a información cargada pola ATIC.

É importante verificar os datos de contacto no caso de Alumni e usuarios externos.

  • Estatísticas: Por regra xeral unha estatística por usuario. Debe cubrirse de xeito obrigatorio. Consultar o apartado Categorías estatísticas
  • Cambio de grupo de usuario/a: O cambio de grupo de usuario pode facerse dende os mostradores de préstamo, tendo en conta que este cambio implica actualizar tamén o apartado de Estatísticas e cando é o caso a información de contacto da persoa usuaria.

Se houbese erros de campos non editables dende os mostradores debe solicitarse o cambio enviando un correo ao enderezo: busc-alma-usuarios@grupos.nube.usc.gal

.

Xestionar contas internas

 

As contas internas son creadas e xestionadas pola BUSC en ALMA, dende os mostradores de préstamo. Debemos crear contas internas para as persoas usuarias que non teñen relación coa comunidade universitaria,  indicadas no apartado Usuarios/as externos/as á comunidade universitaria. Estas contas son totalmente editables polo persoal bibliotecario en ALMA. Consulta o apartado Crear usuarios/as para saber como crear e modificar estas contas. 

 

Actualización e mantemento de rexistros de usuarios

 

  • Alumnos/as-Alumni:

A actualización de datos das contas externas faise unha vez á semana para o alumnado, e unha vez ao mes para os/as Alumni (dende a ATIC cambian a Alumni o estudantado que deixa de ter matrícula activa na USC). Os/As usuarios/as que activen a TUI ao longo da semana cargaranse en Alma no día como alumnado de grao. A seguinte fin de semana, coa actualización de datos, pasarán ao grupo de usuarios/as correspondente de acordo coa súa matrícula (grao, master ou doutorando).

  • Profesorado/Persoal investigador:

O mantemento dos rexistros de usuario/a do grupo "PDI" é responsabilidade de cada biblioteca de centro ou intercentro. Polo menos unha vez ao ano débese comprobar a vinculación de cada PDI coa USC, e se é o caso modificar os datos de "grupo de usuario/a", información de contacto e estatísticas ou calquera outro campo que sexa preciso cambiar.

  • PTXAS e Persoal da BUSC:

O mantemento destes rexistros é responsabilidade da Biblioteca Xeral. Os datos estatísticos e a información de contacto pode tamén ser actualizada dende os mostradores de préstamo.

  • Persoas usuarias externas ou invitadas:

Cada biblioteca de centro/intercentro debe manter actualizados os datos dos rexistros de usuarios/as externos/as da súa competencia. O borrado masivo e purga deste tipo de rexistros corresponden a B. Xeral.

Táboa resumo