Ir ao contido principal

Manual Alma - Servizos

Manual de xestión do servizo de circulación da BUSC en Alma-ExLibris: usuarios, solicitudes, préstamos e bibliografías recomendadas

Tipoloxía e definición de persoas usuarias na BUSC

Persoas usuarias da comunidade universitaria

A tarxeta universitaria de identidade da USC (TUI) é o elemento de identificación dos membros da Comunidade Universitaria ("Regulamento da Tarxeta de Identidade da USC", aprobado polo Consello de Goberno do día 28 de decembro de 2022). É un documento de identificación persoal e intransferible.

A TUI ten carácter obrigatorio para os seguintes colectivos da USC:

  • Alumnado de títulos oficiais: grao, máster e doutoramento.
  • Alumnado de títulos oficiais impartidos en centros adscritos, nos termos fixados no convenio.
  • Alumnado de mobilidade e intercambio con destino na USC.
  • Persoal docente e investigador.
  • Persoal técnico, de xestión, de administración e servizos.
  • Persoal investigador.
  • Persoal emérito e ad honorem.

A TUI tamén pode ser solicitada polos seguintes colectivos:

  • Alumnado de títulos propios.
  • Alumnado de IV Ciclo.
  • Alumnado de titulacións interuniversitarias oficiais nas que participe a USC, nos casos en que realizasen a súa matrícula noutra universidade.
  • Alumnado de centros vinculados, nos termos fixados no convenio.

 

Incidencias e caducidade da TUI

As incidencias sobre a expedición da TUI serán xestionadas a través do correo tui@usc.gal.

As incidencias de carácter tecnolóxico tramitaranse a través do correo do CAU: cau@usc.gal.

 

Antigos membros da USC (Alumni)

(Ex-alumnado, ex-PDI e ex-PTXAS), unha vez finalizada a súa relación coa USC, pasan á categoría de Grupo de Usuarios/as Alumni na súa conta externa en Alma. Nunha conta interna no caso de Alumni sen credenciais na USC.

 

Persoas usuarias externas á Comunidade Universitaria

Poderán solicitar a carta de lector/a da BUSC en calquera biblioteca e concederáselles directamente, sen facer ningunha solicitude (previa acreditación da súa pertenza a algún destes grupos), aos seguintes solicitantes:

  • Persoas Licenciadas/Diplomadas/Graduadas universitarias.
  • Alumnado doutras universidades.
  • PTXAS doutras universidades.
  • Profesorado e persoal investigador doutras universidades.
  • Alumnado do Bacharelato Internacional.
  • Membros de institucións coas que a USC teña asinados convenios.

Estas tarxetas terán vixencia dun ano.

No momento da expedición da carta de lector/a da BUSC, as persoas usuarias deberán cubrir un impreso no que darán a súa conformidade para que os seus datos persoais sexan incluídos no ficheiro de usuarios/as da biblioteca, de acordo coa actual lexislación sobre protección de datos persoais. Este impreso deberá ser escaneado e achegado ao rexistro de usuario/a.

As persoas non encadradas nestas tipoloxías deberán facer unha petición por escrito ou correo-e (que debe ser escaneada e subida ao rexistro de usuario/a unha vez aprobado), dirixida á dirección da BUSC (biblioteca.universitaria@usc.gal), indicando os estudos e/ou traballos que realizan na actualidade e as razóns polas que desexan facer uso da BUSC. A data límite do carnet será a que se lles conceda.

O alumnado matriculado no Centro de Linguas Modernas non se considerará como usuario propio da BUSC. A carta de lector/a se lles concederá en función de que poidan ser asimilados/as a algunha das categorías de usuario/a establecidas pola BUSC.

Aquelas persoas que aínda reunindo estes requisitos non sexan residentes en Galicia ou manifesten a necesidade dun uso ocasional da BUSC, poderán solicitar unha tarxeta temporal de usuario/a invitado/a, polos días que dure a súa estancia, para facer uso dos servizos da BUSC, agás o préstamo a domicilio.

Cando a resposta a unha solicitude de carta de lector/a sexa negativa, valorarase a pertinencia de facer unha carta de lector/a como usuario/a invitado/a, que poderá concederse dúas veces ao ano, como máximo, á mesma persoa.

As tarxetas de lector/a teñen como período de vixencia un ano académico. Cando a estancia dos/as usuarios/as sexa inferior a un ano, a carta de lector/a terá como data de vencemento 15 días antes de que finalice a súa estancia na USC.

As cartas de lector/a poden ser renovadas se as persoas usuarias seguen cumprindo os mesmos requisitos para tela. No momento de renovar unha tarxeta, deberán modificarse no rexistro de usuario/a os datos que cambiaran respecto do ano anterior.

As persoas usuarias externas e invitadas con tarxetas caducadas non poderán facer uso do Servizo de Biblioteca da USC.

Identificación de persoas usuarias en Alma

Tipos de persoas usuarias

En Alma existen dous tipos de persoas usuarias:

  • Usuarios/as con contas externas: Alma considera usuarios/as con contas externas a aqueles/as que se cargan dende outros sistemas á plataforma. Son os/as usuarios/as da comunidade universitaria, persoas con vinculación coa USC, actual ou pasada (PDI, alumnado e PTXAS estables e temporais e Alumni). Estas persoas usuarias son cargadas de xeito periódico pola área TIC da USC. Dende os mostradores non se poden dar de alta estes/as usuarios/as.
  • Usuarios/as con contas internas: Alma considera usuarios/as con contas internas a aquelas persoas que damos de alta directamente na plataforma dende a BUSC (non os carga o ATIC). Son os/as usuarios/as sen credenciais USC e con dereito a tarxeta de lector/a da BUSC, que non pertencen á comunidade universitaria (usuario/a externo/a e usuario/a invitado/a, e Alumni sen credenciais da USC).

 

Grupos de persoas usuarias

As persoas usuarias, en función das tarefas que poden realizar en Alma, á súa vez poden ser:

  • Persoal da BUSC: cada membro do persoal da BUSC terá asignados roles específicos en función das tarefas que teña asignadas na plataforma.
  • Público: usuarios/as en xeral da biblioteca.
  • Contacto: provedores (xeralmente para adquisicións de material bibliográfico).

 

Roles de persoas usuarias

Os roles de usuarios/as indican as autorizacións do persoal para traballar en cada sección de Alma. Os roles agrúpanse en perfís, ou colección de roles.

Por exemplo, o perfil de Operador del mostrador de circulación inclúe varios roles: operador/a de inventario físico, operador/a de ordes de traballo, operador/a de solicitudes, operador/a do mostrador de circulación.