Ir ao contido principal

Datos de investigación

Explicación da xestión dos datos de investigación e o depósito en repositorios abertos

O depósito en Zenodo

Para acceder a Zenodo hai que premer no menú superior en "Log in", que nos levará ao menú de acceso e rexistro. Hai varias formas de identificación, mais recomendamos o acceso a través de ORCID.

Zenodo - Login

Na barra superior aparecerá o noso nome o o botón "+" para engadir o novo rexistro do dataset:

Zenodo - New upload

O primeiro que hai que facer é seleccionar a comunidade onde depositalo, a través dun buscador que se activa no botón "Select a community". Tecleamos 'Universidade de Santiago de Compostela' e prememos na lupa para seleccionar a nosa comunidade en Zenodo:

Zenodo - Community

Unha maneira alternativa sería localizar primeiro a comunidade da USC en Zenodo e despois premer no botón "New upload":

Zenodo - New upload

O seguinte paso é engadir os arquivos, cun límite de 100 ficheiros e 50 Gb por conxunto:

Zenodo - Add files

Para unha correcta utilización dos datos de investigación recoméndase a creación e depósito dun ficheiro de texto plano denominado 'Readme', no que se inclúa información sobre a autoría, título, metodoloxía, breve descrición do conxunto de datos, dereitos de uso, etc. Débese publicar en inglés, para asegurar un maior alcance dentro da comunidade investigadora. Achégase un modelo para a súa redacción elaborado polo Consorcio Madroño para o depósito en e-cienciaDatos e unha guía para redactar estes ficheiros da Cornell University.


A partir de aquí comeza o proceso de introdución dos metadatos ou descrición do dataset para poder identificalo correctamente.

En "Basic Information" introducimos os seguintes campos (os marcados con asterisco son obrigatorios):

Digital Object Identifier*: no caso de ter xa un DOI para o conxunto, por estar depositado noutro repositorio ou publicado nunha revista ou outra fonte, copiamos o sufixo deste na caixa; se non, marcamos "No" e o sistema reservará un DOI para o conxunto.

Resource type*: no menú despregable escollemos a opción 'dataset'.

Title*: enchemos o campo e, se é preciso engadir máis títulos, prememos no botón "Add titles" para introducir o título adicional, a súa tipoloxía e, no seu caso, o idioma.

Zenodo - Descrición - Title

Publication date*: por defecto, aparece a data en que se engade a Zenodo; no caso de que o conxunto xa fose publicado, introducimos esa data no formato AAA-MM-DD ou ben só AAAA.

Creators*: hai que premer en "Add creator" e abrirase unha nova xanela para localizar os autores persoais ou institucionais, ou ben para crealos e engadir os seus datos de identificación e afiliación. Prememos en "Save and add another" no caso de ter que introducir varios autores.

Zenodo - Descrición - Creator

Description: introducimos unha descrición xeral do recurso; se prememos en "Add description" poderemos seleccionar o tipo de información a engadir (resumo, táboa de contidos, métodos, notas, etc.).

Zenodo - Descrición - Additional Description

Licenses: por defecto, ofrécese unha licenza internacional Creative Commons 4.0. Pódese cambiar ou ben engadir unha nova, por exemplo para o caso de incorporar software. Facemos clic en "Add license" e o sistema amosa os tipos de licenza listados polos recomendados e os adecuados para conxuntos de datos e para software.

Zenodo - Descrición - Licenzas

Na seguinte sección "Recommended information" introducimos:

Contributors: engadimos os colaboradores do mesmo xeito que no campo "Creators".

Keywords and subjects: introducimos na caixa de busca cada termo para que se amosen os suxeridos e escoller un destes do menú despregable ou ben engadilo.

Languages: buscamos na caixa o(s) idioma(s).

Dates: introducimos calquera outra data relevante diferente á data de publicación do conxunto.

Version: segundo o menú de axuda de Zenodo, acéptase calquera formato mais recoméndase un versionado semántico segundo semver.org.

Publisher: por defecto, amósase Zenodo como o editor.

Continuamos co apartado "Funding", co campo:

Awards: no botón "Add award" abrirase unha xanela para localizar os datos da entidade financiadora ou ben introducilos en "Add custom".

Nas seccións seguintes:

Alternative identifiers: prememos en "Add identifier" para engadir un novo identificador segundo un dos esquemas que se amosa no menú despregable (Handle, DOI, ARK, etc.).

Related works: localizamos e engadimos, a partir dos seus identificadores persistentes, aqueles traballos relacionados co conxunto de datos que estamos describindo, a súa relación e o esquema utilizado e, opcionalmente, o tipo de recurso do que se trate:

Zenodo - Descrición - Related works

References: engadimos aquela información bibliográfica que usásemos na elaboración do conxunto de datos nun formato normalizado.

 

Para finalizar o depósito, no menú lateral dereito debemos seleccionar se concedemos ou non acceso aos ficheiros, marcando "Public" ou "Restricted" (se seleccionamos esta última opción tamén podemos engadir un período de embargo).

Zenodo - Visibility

Nese mesmo menú lateral, na sección "Draft" marcamos "Save draft" ou "Preview" segundo queiramos visualizar a descrición ou gardala para continuar noutro momento e, se rematamos co proceso, seleccionaremos "Submit for review" para enviar o ítem á Biblioteca Universitaria, que revisará os metadatos e publicará o conxunto na comunidade da USC en Zenodo.

Zenodo - Submit

Desde o apartado "My dashboard" do menú superior, poderemos visualizar todos os envíos realizados, retomar os que están pendentes de envío para editar, e recuperalos por filtros segundo o estado ou o tipo de recurso, por exemplo.

 

Titorial: Como publicar un dataset ou un plan de xestión de datos en Zenodo (Biblioteca da Facultade de Economía e Empresa, UDC).