O movemento Ciencia Aberta implica unha maior transparencia e accesibilidade aos resultados da investigación das actividades financiadas con recursos públicos. Isto reflíctese en diferentes políticas, tanto a nivel nacional coma europeo.
- A Lei 14/2011, do 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, modificada pola Lei 17/2022, do 5 de setembro, establece no artigo 37 Ciencia Aberta: O persoal de investigación do sector público ou cuxa actividade investigadora estea financiada maioritariamente con fondos públicos [...] deberá depositar unha copia da versión final aceptada para publicación e os datos asociados a estas en repositorios institucionais ou temáticos de acceso aberto, de forma simultánea á data de publicación.
- A Estratexia Nacional de Ciencia Aberta (ENCA) 2023-2027 do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades pretende acadar no ano 2027 que os procesos de financiación, execución, comunicación e avaliación da investigación científica en España incorporen os principios da ciencia aberta nas súas seis dimensións: acceso aberto a resultados de investigación, poñer a disposición da comunidade investigadora datos, protocolos e metodoloxías abertos, desenvolver e manter plataformas dixitais de código aberto, revisión por pares aberta da actividade científica, fomentar a ciencia cidadá e determinar novas formas de medir o rendemento da investigación.
- Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación (PEICTI), baseado nos principios da ENCA, artella a política de I+D+i coas políticas científicas da Unión Europea.
- Horizonte 2020 fomenta a apertura dos resultados da investigación, tanto das publicacións coma dos datos. Por tanto, os proxectos financiados en Horizonte 2020 deben depositar nun repositorio de acceso aberto tanto os resultados de investigación coma os datasets. Horizonte Europa (Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea para o período 2021-2027) é a prolongación do programa Horizonte 2020. Trátase da iniciativa principal da UE para o fomento da investigación e a innovación desde a fase conceptual ata a introdución no mercado, con medidas claras de apoio ás prácticas en ciencia aberta.
Infografía de REBIUN
FOSTER Plus (Fostering the practical implementation of Open Science in Horizon 2020 and beyond) é un proxecto financiado pola Unión Europea cuxo obxectivo é contribuír a un cambio no comportamento dos investigadores europeos e que adopten as prácticas da Ciencia Aberta. O portal recolle guías de recursos por disciplinas.
EOSC, a nube europea de ciencia aberta, polas súas siglas en inglés, ten como un dos seus obxectivos crear unha federación de infraestruturas de datos de investigación.
|