A xestión da publicación académica en revistas científicas xa está ben definida dende hai tempo, pero era necesario especificar as bases para a publicación formal dos datos científicos. Xa que os datos están a ser considerados como a principal produción da investigación científica e é precisa a súa publicación e reutilización para garantir a súa validez, reproducibilidade e para que conduza a novos descubrimentos, tense traballado por mellorar a infraestrutura de apoio á reutilización de datos académicos e no deseño dun conxunto de directrices para a correcta xestión dos mesmos.
Este traballo concretouse na definición dos Principios de Datos FAIR, un requisito esencial para publicar datos abertos útiles e de calidade.
Actualmente, estes principios aparecen en guías de xestión institucional, políticas públicas e proxectos de diversa índole. Xa falamos de FAIRificación dos datos, metadatos e infraestruturas. No contexto español, a Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario, no seu artigo 12, tamén incide nestes Principios. A Estratexia Nacional de Ciencia Aberta aborda a necesidade de dotar aos datos dos atributos FAIR, necesarios para garantir a súa transparencia e reproducibilidade.
Na seguinte sección detállanse os Principios FAIR, que supoñen a un tempo un estado desexado para a ciencia (xusto, equitativo, imparcial) e tamén o acrónimo dos catro principios fundamentais para orientar tanto a creadores como a editores de datos: Findable, Accesible, Interoperable, Reusable.