Institucións de educación superior e axencias de financiación da investigación de varios países teñen desenvolvido iniciativas para crear infraestruturas que posibiliten a reutilización dos datos de investigación con políticas que promovan o acceso aberto e a accesibilidade dos datos a longo prazo.
É importante citar os datos axeitadamente para facilitar unha correcta identificación e a súa recuperación e reutilización, e tamén para favorecer a transparencia da investigación científica e validar o impacto e métrica dos datos de investigación.
Como norma xeral, os requisitos mínimos para citar datos son unha referencia bibliográfica completa e un identificador unívoco e permanente. Recoméndanse os seguintes formatos:
Autoría (Data). Título. [Tipo de recurso]. Versión. Editor/Repositorio. Identificador permanente (DOI, Handle)
Exemplo: López-Vázquez, J., Rodil, R., Álvarez, E., Alomar, C., Cela, R., Miró, M., Deudero, S., & Quintana, J. B. (2024). HRMS files obtained from the analysis of polyethylene microplastics exposed to the Mediterranean Sea for 8 weeks [Dataset]. Versión v1 do 29 de febreiro de 2024. Zenodo. https://doi.org/10.5281/zenodo.7974647
Desde Zenodo, unha vez depositados e descritos os datos de investigación, pódese exportar a cita en varios estilos: APA, Harvard, MLA, Vancouver, Chicago e IEEE. Paralelamente, DataCite ofrece o servizo DOI Citation Formatter, que constrúe automaticamente as citas segundo o estilo que se escolla a partir do DOI asignado aos datos.
Esta Joint Declaration of Data Citation Principles (Declaración Conxunta dos Principios de Citación de Datos) é unha lectura adicional na que se salienta a importancia da citación dos datos de investigación. |