Unha cita bibliográfica é unha mención abreviada a unha contribución dentro do texto. No estilo da American Psychological Association (APA) sempre ten que corresponderse cunha referencia bibliográfica completa ao final do traballo de investigación.
Unha referencia bibliográfica é o conxunto mínimo de datos (autor/a, data, título...) que permite a identificación dun documento (libro, revista...) ou dunha parte do mesmo (capítulo, artigo...).
Cada obra utilizada no traballo de investigación elaborado debe ter dúas partes: unha cita no texto e a correspondente entrada na listaxe de referencias.
(American Psychological Association [APA], 2021, punto 8.10)
Hai dous estilos de citación que se poden aplicar aos diversos tipos de citas (directas, indirectas): o estilo parentético e o estilo narrativo.
(APA, 2021, punto 8.11 )
No estilo parentético aparece entre paréntese o nome da persoa autora e a data, separados por unha coma. Unha cita parentética pode aparecer dentro ou ao final dunha oración.
(APA, 2021, punto 8.11 )
Se queremos citar múltiples traballos entre paréntese, temos que colocar as citas en orde alfabética separadas por punto e coma:
(Álvarez et al., 2019; Salgado & Rodríguez, 2015; Vega, 2017)
(APA, 2021, punto 8.12 )
No estilo narrativo a persoa autora aparece como parte do texto e a data aparece entre paréntese, inmediatamente despois do nome da persoa.
(APA, 2021, punto 8.11 )