Ir ao contido principal

Citar en estilo APA

Guía descritiva das recomendacións para a elaboración de citas e referencias bibliográficas en estilo APA

Citas directas

Citas directas

Unha cita directa ou textual reproduce as palabras textuais dunha obra. Dependendo da súa extensión, o formato dunha cita directa ou textual pode variar. Sempre debemos indicar o número de páxina. As citas directas ou textuais distínguense pola súa extensión:

  • Citas textuais curtas: de menos de 40 palabras
  • Citas textuais longas: igual ou superior a 40 palabras
lonxitude citas textuais

(APA, 2021, punto 8.25)

Tipos de citas directas

Citas textuais curtas

As citas textuais curtas van delimitadas por comiñas. Podemos citar a fonte de dous xeitos:

  1. Empregando unha citación parentética: inmediatamente despois da cita ou ao final da oración.
"Os procesos educativos en entornos virtuais permiten abordar novos xeitos de aprendizaxe á hora de afianzar ou adquirir coñecementos” (Gómez, 2013, p.32).
  1. Empregando unha citación narrativa: incluíndo na oración o nome da persoa autora, o ano e o número de páxina(s).
Gómez (2013) sinala que “os procesos educativos en entornos virtuais permiten abordar novos xeitos de aprendizaxe á hora de afianzar ou adquirir coñecementos” (p. 32).

(Manual APA, 2021, punto 8.26)

Citas textuais longas

As citas textuais longas non van entre comiñas. Para realizalas seguindo o estilo APA:

  • Inicia unha cita textual longa nunha nova liña e emprega sangría en todo o bloque a 1,27 cm da marxe esquerda.
  • Pon a cita en bloque a dobre espazo. Non engadas espazo extra antes ou despois da cita.
  • En ningún caso poñas punto despois da paréntese final.

Podemos citar a fonte de dous xeitos:

  1. Entre parénteses, despois do punto final da cita.
Para a articulación funcional dos obxectivos previstos establécense dous niveis de actuación: os servizos sociais comunitarios (básicos e específicos) e os servizos sociais especializados. Os servizos sociais comunitarios básicos teñen un carácter local, aberto e polivalente constituíndo a canle normal de acceso ao sistema de servizos sociais, mentres que os servizos sociais comunitarios específicos -sen prexuízo da orientación polivalente e preventiva do nivel comunitario- oriéntanse a colectivos con problemáticas identificadas e singulares, procurando a súa normalización e reincorporación social ou servindo como espazo de tránsito a un servizo especializado. (Varela, 2017, p. 12)
  1. Mencionando á persoa autora e o ano na narración antes da cita, e colocando só o número de páxina entre parénteses despois do punto final da cita.
Varela (2017) afirma que:

 

Para a articulación funcional dos obxectivos previstos establécense dous niveis de actuación: os servizos sociais comunitarios (básicos e específicos) e os servizos sociais especializados. Os servizos sociais comunitarios básicos teñen un carácter local, aberto e polivalente constituíndo a canle normal de acceso ao sistema de servizos sociais, mentres que os servizos sociais comunitarios específicos -sen prexuízo da orientación polivalente e preventiva do nivel comunitario- oriéntanse a colectivos con problemáticas identificadas e singulares, procurando a súa normalización e reincorporación social ou servindo como espazo de tránsito a un servizo especializado. (p. 12)

 

(APA, 2021, punto 8.27)