Este procedemento é parte do compromiso da Biblioteca coa difusión das actividades de BUSC. A creación de guías en LibGuides asegura que o contido das exposicións físicas non se limite ao espazo temporal da súa exhibición, ampliando a súa utilidade e accesibilidade para toda a comunidade universitaria e público interesado.
Por isto é obrigatorio para o persoal responsable dunha exposición física na Biblioteca universitaria elaborar unha guía en LibGuides sobre a mesma, co obxectivo de proporcionar acceso permanente á información, aos recursos e aos materiais relacionados coa exposición, ampliando así o seu alcance e garantindo o acceso dixital para toda a comunidade universitaria.
Este procedemento está restrinxido a aquelas exposicións, mostras,... que afecten á BUSC en xeral, tanto polas coleccións expostas, como pola súa temática, os seus obxectivos ou alcance.
Non se elaborarán guías para exposicións pequenas cun alcance limitado a unha biblioteca de centro, salvo excepcións relacionadas coa calidade da exposición que serán valoradas de xeito individual.
Para garantir a uniformidade e a calidade das guías, utilizarase o padrón previamente creado en LibGuides para este fin.
Este padrón inclúe os seguintes elementos (obrigatorios ou opcionais, segundo o caso):
Breve descrición, que permita entender a importancia e o interese da exposición.
Pode incluír aspectos como: título e subtítulo: frase breve que resuma o espírito da exposición ou mostra, explicación sinxela sobre o enfoque principal, obxectivo: que busca transmitir ou lograr a mostra, relevancia, datas, horario, lugar...
É recomendable que a guía se publique inmediatamente despois da inauguración da exposición física. É responsabilidade da persoa ou equipo organizador garantir que a guía se atope dispoñible.
Unha vez completada a guía, esta deberá ser revisada pola persoa designada para supervisar o contido das LibGuides. O obxectivo é asegurar a calidade e a adecuación do contido antes da súa publicación.
Ao finalizar a exposición, é recomendable revisar o contido da guía, e se fose necesario incorporar nova información recollendo datos sobre o número de visitas, imaxes posteriores a inauguración,....
Estas guías publícanse co status de "Privadas" para que non aparezan na listaxe alfabética de reBUSCa. A biblioteca conta coa guía Exposicións da BUSC, na que aparece a listaxe cronolóxica deste tipo de actividades. Unha vez revisada a guía dunha exposición debe enviarse un correo-e ás Subdireccións da BUSC para que a agreguen a esta listaxe, proporcionando: o título da mostra, as datas nas que tivo lugar, e a URL amigable da guía.
Para facilitar a elaboración destas guías, ofrecerase formación periódica sobre o uso de LibGuides ao persoal implicado. Ademais, o equipo técnico da BUSC en LibGuides estará dispoñible para resolver dúbidas ou proporcionar asistencia técnica no proceso de creación.
A BUSC ofrece, asimesmo, unha Guía de uso de reBUSCa e un Manual de estilo, de consulta recomendada antes de realizar calquera guía de LibGuides.
