Ir ao contido principal

BUSC - Procedementos de traballo

Guía para o persoal da BUSC sobre procesos internos de traballo

Fondo patrimonial

O fondo patrimonial da BUSC está constituído por:

  • Manuscritos.
  • Incunables.
  • Impresos anteriores a 1901.
  • Legados e doazóns de especial valor (Valle-Inclán, Duque de Osuna, Parga y Puga, Arcebispo Lago, RSE, Manuel Ventura Figueroa, Felipe de Castro, Valladares, Biblioteca América, etc.).
  • Fondos de carácter unitario e valor histórico para a USC.
  • Facsímiles, exemplares que posúan características singulares (autógrafos ou anotacións dos autores), encadernacións ou ilustracións especiais, primeiras edicións, edicións raras ou únicas, etc.
  • Debuxos, gravados, mapas, fotografías e obxectos de diversa índole.

A Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela ten entre as súas funcións segundo o seu Regulamento:

Facilitar aos usuarios a consulta das coleccións documentais con subxección ao disposto no regulamento... A subministración de copias dos documentos orixinais existentes na Biblioteca Universitaria, dentro do marco das directrices estatais e internacionais sobre os dereitos de autor.

As coleccións que forman o fondo patrimonial están baixo a responsabilidade da Dirección da Biblioteca, así como dos responsables dos Negociados de Mantemento de Fondos e Consulta en Sala, para a súa conservación nos depósitos da biblioteca e a consulta por parte dos investigadores nas salas de lectura da Biblioteca Xeral.

Todo o fondo patrimonial está suxeito a condicións especiais de consulta, conservación e reprodución.

Consulta do fondo patrimonial

Condicións xerais

O fondo patrimonial está excluído do préstamo a domicilio e a súa consulta farase nas condicións indicadas neste documento.

Por norma xeral as obras dixitalizadas só se consultarán baixo este formato. Cando, en circunstancias especiais, sexa necesario ver o formato orixinal, enviarase unha solicitude á Dirección da BUSC, ao enderezo: biblioteca.universitaria@usc.gal.

O persoal ao cargo da atención das persoas usuarias deste fondo deberá velar polo cumprimento das condicións establecidas nestas pautas: 

  • O acceso ao fondo patrimonial da BUSC é libre, co único requisito de estar rexistrado en Alma. A aquelas persoas usuarias que, de xeito puntual, queren facer unha consulta, faráselles previamente un rexistro como persoa usuaria convidada. 
  • A Biblioteca ten un servizo de petición anticipada ou de reserva, tanto dende o propio catálogo Iacobus como a través do enderezo do Servizo: biblioteca.xeral.salainvestigadores@usc.gal, polo que as persoas investigadoras poderán solicitar a reserva de libros, informando das datas nas que se levará a cabo.
  • As reservas a través de Iacobus poden realizarse con ata tres días de antelación. 
  • No estante de reserva da Sala de Investigadores non se poden deixar obras pertencentes ao Fondo de Reserva (caixa forte), xa que deben ser servidas no momento da consulta. A xefatura do Negociado de Lectura en Sala, ou na súa ausencia o persoal auxiliar, contactará coa persoa usuaria interesada para concretar o día da consulta e preparar os exemplares para ese momento.
  • Pódense consultar simultaneamente un máximo de dúas obras (1 obra cando a consulta sexa na Sala de Información), aínda que pola natureza da investigación poderase autorizar un número maior.
  • A consulta realizarase na Sala de Investigadores, baixo o control do persoal desa sala.
  • Fóra do horario de atención na Sala de Investigadores, a consulta  do fondo patrimonial farase na Sala de Información (se fose necesario tamén pode facerse na Sala de Lectura), baixo o control do persoal do mostrador da Sala de Lectura.
  • Quedan excluídos da consulta na Sala de Información (e Sala de Lectura) as obras do Fondo de Reserva (localización na Caixa Forte), agás os facsímiles, así como calquera outro documento que por razóns de valor, conservación, etc determine a Dirección da biblioteca.
  • A BUSC poderá rexeitar as solicitudes de consulta de obras por razóns de conservación, restauración, e calquera outra que a Dirección da biblioteca determine.
  • Para a consulta de fondos de carácter  persoal ou que conteñan información de carácter persoal aplicaranse os requisitos establecidos pola lexislación vixente.


Outras pautas de consulta

  • Ao finalizar a consulta, as persoas usuarias entregarán as obras ao persoal, que revisará o estado do material devolto, con especial coidado se se trata de follas soltas.
  • Non está permitida a introdución de alimentos ou bebidas na Sala de Investigadores e, por extensión, en toda a biblioteca.
  • Os teléfonos móbiles deben estar en modo silencio (extrapolable a todas as persoas usuarias nas salas de lectura).
  • A entrada de libros propios, así como de bolsos, mochilas ou maletíns de gran tamaño deberá ser comunicada ao persoal.
  • O persoal velará polo uso adecuado das obras por parte das persoas investigadoras.
  • Non se permitirá introducir ningún obxecto dentro do libro para marcar as páxinas; no caso de ser necesario empregaranse sinais de papel.
  • Non se pode escribir, calcar, subliñar, etc. sobre as follas ou cubertas dos exemplares.
  • Para a toma de notas é recomendable o emprego de lapis, papel, tableta e/ou portátil.  
  • A Biblioteca facilitará atrís e fíos de chumbo para poder manter abertos correctamente os libros.
  • Pódese recomendar o uso de luvas de algodón para a consulta das obras que así se estableza, especialmente manuscritos e incunables. En todo caso a Biblioteca proporcionará luvas ás persoas usuarias.

Depósito do fondo patrimonial

  • O acceso ao depósito da Biblioteca, que alberga o fondo patrimonial, está restrinxido ao persoal autorizado.
  • Os valores de temperatura e humidade deben manterse constantes entre 14 - 22º e entre 45 - 50%, respectivamente.
  • O depósito dispón dun sistema de ventilación e dun sistema de iluminación artificial. Os puntos de luz non están próximos aos libros.
  • É recomendable non almacenar na zona do depósito destinada ao fondo patrimonial, nin sequera con carácter provisional, materiais ou documentos que non pertenzan a dito fondo.
  • As características do depósito deben garantir a correcta colocación e conservación dos libros:
    • A separación entre os andeis ten que ser suficiente para non danar o canto superior dos libros.
    • Os libros de formatos especiais colocaranse deitados co lombo cara a fóra nos estantes reservados para iso.
    • Os folletos deben gardarse en caixas pechadas de material non acedo.
    • Os gravados, láminas, debuxos, fotografías etc., deben gardarse en arquivadores específicos para estes tipos de material.
  • Dentro do depósito hai unha caixa forte para os exemplares máis valiosos, de acceso controlado e restrinxido, no que se deposita o Fondo de Reserva da BUSC.
  • A limpeza das zonas do depósito destinadas ao fondo patrimonial, recomendable polo menos unha vez ao ano, debe facerse baixo supervisión do persoal, sen empregar líquidos e usando os procedementos que menos danen os fondos.  
  • Non se deben introducir comidas ou bebidas nas zonas do depósito destinadas a albergar o fondo patrimonial.
  • A Biblioteca, en coordinación cos servizos de seguridade da Universidade de Santiago de Compostela, dispón dun Plan de Emerxencias, que inclúe actuacións para as zonas de depósito de libros, que conta con dispositivos de detección e extinción de incendios.

Manexo de libros do fondo patrimonial polo persoal da biblioteca

  • O persoal da Biblioteca velará pola conservación dos libros e documentos, comunicando aos responsables dos negociados de Mantemento de Fondos e Lectura en Sala calquera incidencia.
  • Os libros extraeranse dos estantes apoiando os dedos sobre os cantos superiores e desprazando o libro cara a adiante, de modo que poida ser asido polo lombo. En ningún caso se tirará da cabeceira.
  • Os exemplares pesados e de gran formato deben manterse en posición horizontal e non apilarse.
  • Non se debe escribir sobre os libros, nin nas tapas nin no interior dos mesmos.
  • Non se debe pegar nada sobre os libros, nin utilizar ningún tipo de papel ou material adhesivo para a súa reparación.
  • O persoal das salas de lectura debe ofrecer consello na manipulación do fondo patrimonial ás persoas usuarias cando estean a consultar obras deste fondo.
  • O persoal da sala debe ofrecer ás persoas usuarias atrís, fíos de chumbo, luvas e calquera outro material necesario para unha correcta consulta do fondo patrimonial.

Reprodución do fondo patrimonial

A reprodución é un instrumento imprescindible para o acceso ás fontes escritas, aínda que a súa utilización ha de supeditarse á salvagarda da integridade do documento e ao que estableza a lexislación vixente:
 

  • A autorización para a reprodución do fondo patrimonial da BUSC está condicionada polo estado de conservación do exemplar e polos posibles danos que poida sufrir, evitándose calquera procedemento que entrañe manipulación mecánica e que poida ter, a xuízo dos técnicos da Biblioteca, efectos negativos.
  • A reprodución de obras que non sexan de dominio público só se autorizará para uso privado do solicitante e exclusivamente con fins de docencia e investigación, de acordo co establecido na lexislación vixente.
  • As persoas usuarias poden solicitar a dixitalización de libros do fondo patrimonial. A reprodución deste fondo será sempre da obra completa e, de acordo coa lexislación de Propiedade Intelectual vixente, poderá ser aloxada no Repositorio Institucional Minerva da Universidade de Santiago de Compostela ou en outras plataformas que aloxen fondos dixitais da BUSC.
  • As persoas usuarias poden solicitar dende o catálogo Iacobus reproducións parciais de libros ou documentos excluídos do préstamo (sempre que as condicións do exemplar o permitan). As solicitudes dende o catálogo inclúen o fondo histórico, agás o Fondo de Reserva da Biblioteca Xeral. A quen o solicite proporcionaránselle reproducións dixitais (previo abono do importe da reprodución no caso de persoas usuarias externas, conforme ás tarifas vixentes aprobadas polo Consello de Goberno da USC e accesibles na páxina web da Biblioteca).
  •  As persoas usuarias poden facer unha solicitude para obter imaxes dixitais de libros do fondo patrimonial, con equipo de dixitalización propio, sempre que non estean suxeitos a restricións e iso non prexudique a integridade dos mesmos, e co compromiso de facer un uso privado das imaxes así obtidas e de non publicalas sen autorización expresa da Biblioteca.  
  • Cando o resultado das consultas e/ou reproducións do fondo patrimonial da USC derive na publicación dun traballo de investigación, con uso de imaxes ou materiais da biblioteca, o autor está obrigado a citar a BUSC como provedora deses documentos.