Ir ao contido principal

Manual CI : actualización curso 2025/2026

Deseño do banco de preguntas

Dado que os cuestionarios deben ser homoxéneos para todo o alumnado (medir as mesmas competencias, cun mesmo nivel de dificultade) e, a un tempo, adaptados ás súas necesidades específicas, nos cuestionarios teremos preguntas que son comúns a todos os itinerarios, e outras que haberá que modificar para adaptar a cada titulación.

Así, o procedemento será o seguinte:

a. No banco de preguntas da aula modelo crearemos unha categoría "madre" que identificaremos co nome da aula e nivel (no exemplo da imaxe: AULA MODELO CI. NIVEL BÁSICO). Crearemos unha subcategoría por cada actividade (no exemplo, M7A_Citar en estilo...), e dentro de cada unha delas, unha subcategoría de preguntas comúns e tantas outras como itinerarios necesitemos (ver na imaxe as subcategorías da actividade M7A).

Neste exemplo, a actividade M7A_Citar en estilo... consiste nun cuestionario de 10 preguntas, onde 7 delas son comúns a todo o alumnado, e as 3 restantes son especificas para o estilo de citación que se usa nas distintas titulacións:

Exemplo banco de preguntas

b. Unha vez organizado o banco de preguntas, para elaborar as preguntas hai 2 opcións:

1) Crear as preguntas desde cero, directamente no banco de preguntas, asignándolle a categoría correcta. Despois poderemos inserilas no/s cuestionario/s desexado/s mediante a opción "Engadir do banco de preguntas".

2) Crear un cuestionario e dentro del as preguntas. Ao seleccionar a opción "Engadir unha pregunta" vai pedir como primeiro campo que se escolla a categoría adecuada.

Para recueprar unha pregunta que xa tiñamos noutra aula, podemos ir copiando e pegando o texto desde o cuestionario desa outra aula ao da nova (non debemos esquecer asignar a porcentaxe 100% á resposta correcta).

CUESTIONARIOS REPETIDOS (ITINERARIOS)

A maioría das probas son idénticas para todo o alumando, mais aquelas relacionadas cos recursos de información e cos estilos de citación serán forzosamente distintas, xa que hai que adaptalas ás necesidades das diferentes titulacións da USC.

Nestes casos os cuestionarios terán a mesma configuración (axustes, nº intentos, límite de tempo, nº preguntas, restricións...). É por isto que o máis eficaz será crear un cuestionario e configuralo, engadindo as preguntas que servirán de base, dado que a maioría serán preguntas comúns a todos os itinerarios.

Feito isto, replicaremos o cuestionario tantas veces como itinerarios necesitemos, tendo en conta que:

  1. As preguntas que conteñen as réplicas do cuestionario aparecen unha soa vez no banco de preguntas, na categoría que lles asignamos ao crealas. Se modificamos unha pregunta desde un cuestionario, modificarase no banco e, polo tanto, en todas as réplicas do cuestionario.
  2. Debemos conservar as preguntas comúns a todos os itinerarios, que non deberán ser modificadas. En caso de atopar erros, débense comunicar á coordinación de FUBUSC.
  3. As preguntas "específicas" de cada itinerario deberán incorporarse desde o banco de preguntas:
    1. Podemos eliminar estas preguntas desde o cuestionario propio (desenganchalas), e elaborar as propias tamén desde o cuestionario, asignándolles a categoría adecuada, tal como vimos no apartado anterior.
    2. Ou ben, se xa as creamos no banco de preguntas no paso previo, abonda con eliminar do cuestionario as que sobren (non pertencentes ao noso itinerario) e traer do banco as adecuadas.

EXPORTAR O BANCO DE PREGUNTAS

Pode haber ocasións nas que queiramos empregar o banco de preguntas -ou parte del- dunha aula noutra, normalmente da modelo á aula replicada.

Por exemplo, sucede nas aulas de nivel avanzado xa que dun ano para o outro empregamos a aula dunha das áreas de coñecemento como aula modelo para facer as actualizacións para o ano seguinte (por exemplo a de CC Sociais). Así, na aula que usamos como modelo (CC Sociais) faltarán os cuestionarios que se elaboraron como itinerarios propios das outras áreas de coñecemento.

Nesta aula modelo (CC Sociais) podemos importar só as categorías dos bancos de preguntas das aulas que nos faltan (resto das áreas de coñecemento), e unicamente as subcategorías que conteñan as preguntas específicas de cada itinerario (por exemplo, as dos estilos de citación de Vancouver, Harvard...).

Con isto garantimos que na aula modelo estarán todas as preguntas que imos necesitar para os cuestionarios, pero non os cuestionarios en si. Estes temos que replicalos desde aqueles que viñeron coa importación da aula de CC Sociais (por exemplo, o de APA), tantas veces como itinerarios necesitemos (un para ISO, outro para VAncouver...), dentro deles eliminar as preguntas que conteñan, e seleccionar do banco de preguntas as correspondentes a eses estilos de citación.

PASOS

  1. Acceder ao Banco de preguntas da aula da que queremos exportar as preguntas (no exemplo, 2ª ed. aula CC Sociais).
    1. Sección do menú superior da aula Máis / Banco de preguntas.
  2. No botón superior esquerdo, seleccionar Exportar
    1. Formato GIFT (é o máis completo, recomendado polo CV)
    2. Elixir no despregable a categoría que se desexa exportar. Premer en exportar preguntas no ficheiro, e gardalo na carpeta Descargas do noso PC.
  3. Acceder á aula á que queremos importar as preguntas (no exemplo, aula modelo).
    1. Acceder ao banco de preguntas.
    2. No botón superior esquerdo, seleccionar Importar.
    3. Escoller o ficheiro que exportamos á carpeta Descargas.
    4. Comprobar que as categorías e preguntas foron importadas á aula modelo.

MANTEMENTO DO BANCO DE PREGUNTAS

Para garantir que as importacións entre as aulas CI funcionen da mellor maneira posible e evitar erros, cómpre manter limpo os nosos bancos de preguntas. Para iso, en cada aula:

  1. Crearemos unha categoría "madre" que sempre levará no nome a indicación do curso académico (por exemplo, Aula de probas Básico_2526).
  2. Crearemos tantas subcategorías como cuestionarios esteamos empregando nesa aula (para as tarefas non é necesario). Na denominación levará o número do módulo que o contén e o curso académico (p.ex., M3B_2526).
  3. Moveremos todas as preguntas dos cuestionarios que estamos usando a estas subcategorías.
  4. Comprobaremos en cada cuestionario, que cada pregunta está na categoría/subcategoría que corresponde.
  5. Eliminaremos as categorías que sobren:
    1. As categorías que teñen preguntas non se poden eliminar directamente. ai que recolocar as preguntas nunha categoría intermedia que chamaremos BORRAR.
    2. Unha vez movidas todas as preguntas a esta categoría BORRAR, podemos eliminar todas as categorías baleiras.
    3. Finalmente, entraremos na categoría BORRAR, seleccionaremos todas as páxinas, todas as preguntas, e eliminaremos. 
    4. Eliminadas as preguntas, poderemos eliminar a categoría BORRAR.