Concepción estudou pedagoxía na Escola Normal de Santiago. Con só vinte anos vai a Portas como mestra nacional. Alí coñece a Amador Méndez, co que casará e terá un fillo, ao que chaman Nemesio. Concepción ou Dona Concha, como a coñecían, enviúva dez anos despois do seu matrimonio, pois a epidemia da gripe de 1918 lévase ao seu home. Tras 18 anos como mestra propóñenlle ser concelleira do seu pobo. O 9 de xaneiro de 1925 acepta o nomeamento; no pleno no que isto acontece dimite o alcalde, Don Cesáreo Belsol, e Concepción resulta elixida alcaldesa con seis votos a favor e un en branco. A súa elección é acollida con entusiasmo pola veciñanza, que a recibe coas bandas de música de Poza e de Lantaño. Dona Concha ocupa o cargo de alcaldesa ata o 23 de xaneiro de 1930, momento en que todos os concellos, con motivo da caída de Primo de Rivera, foron reestruturados e todo o persoal ao servizo dos mesmos cesado. Durante estes cinco anos como alcaldesa os seus intereses centráronse nas obras públicas, a fin de mellorar as comunicacións cos lugares veciños, na construción de catro edificios escolares con habitación para os mestres e as mestras, e en aspectos sanitarios, convocando prazas para practicante e matrona. Segundo don Andrés Barco, compañeiro seu no concello, Concepción era “unha verdadeira dama, culta, formal, relixiosa, de carácter afable, con dotes de mando e excelentemente relacionada. Todas estas calidades foron a causa de que se fixaran nela as autoridades gobernativas daquela época e a destinaran para presidir a Corporación”. Tras rematar a súa etapa de alcaldesa continúa a exercer como mestra da escola de nenas de Portas, ata que é trasladada á escola de Guadalupe de Santiago. Morre en Lantaño, xunto a Portas, aos 58 anos.
Escolma bibliográfica sobre Concepción Pérez Iglesias
Outros recursos