Ir ao contido principal

Exposición 8 mulleres galegas que moveron os marcos

Elisa Patiño Meléndez (Pontevedra, 1890-1919)  

Elisa Patiño Elisa Patiño, tamén coñecida como “Chichana”, foi unha pioneira na aviación. Filla dos Duques de Patiño, Albino Patiño e Rosa Meléndez, recibiu unha educación propia dunha persoa de elevada clase social, cunha vasta e diversa formación artística. A súa formación musical foi moi ampla, destacando como pianista, violinista e cantante. Desde moi nova amosou interese polas causas sociais e filantrópicas, atendendo aos feridos da 1ª Guerra Mundial traídos por mar ao Porto de Vilagarcía. Practicou deportes pouco comúns para as mulleres da época, como o tiro con arco e o ciclismo; neste último recibiu recoñecemento por percorrer en solitario un tramo de seis quilómetros, de Sanxenxo ao Pazo de Revel en Vilalonga. A faceta na que destacou foi a de aviadora. Uniuse profesionalmente a José Piñeiro, mestre e amigo, coñecido como o “Rei dos aires”. Aprendeu a pilotar xunto a el e para iso modificaron o Blériot 50CV do aviador, que pasou de ser un monopraza a un bipraza. O 12 de outubro de 1913, con vinte e tres anos, Elisa Patiño pilotou por primeira vez a nave, feito que foi recollido pola prensa local co titular “Una señorita por los aires”. En 1916 casou e un ano despois naceu a súa filla Lucía, pero a gripe española afectouna gravemente. Enferma durante meses, finalmente faleceu o 12 de abril de 1919 con só 29 anos de idade. Patiño foi unha das pioneiras europeas en pilotar unha avioneta e a primeira muller piloto de España e Galicia.

Referencias

Escolma bibliográfica sobre Elisa Patiño Meléndez

  • Rodríguez Rodríguez, Anaír, e Alba Castillo. Pioneiras 2 : galegas que abriron camiño. Vigo: Xerais, 2019

Outros recursos