A mostra “8 Mulleres galegas que moveron os marcos” presenta oito personalidades galegas, de nacenza ou adopción, que foron pioneiras dalgún xeito naqueles eidos nos que desenvolveron a súa actividade. Son mulleres con moi diversas traxectorias vitais, cuxo denominador común é ter sido quen de internarse en territorios reservados, polo común, aos homes.
Unha gaiteira, unha actriz e unha aviadora camiñan á par dunha matemática e dunha xornalista. E non por azar son mestras tituladas as outras tres mulleres do grupo, aínda que as sendas que transitaron leváronnas máis alá dese espazo profesional xa permitido ás mulleres do seu tempo.
As protagonistas da mostra son:
Na exposición exhíbese un mínimo botón de mostra documental da intensa actividade dalgunhas destas mulleres, pero doutras apenas se puideron reunir unhas poucas imaxes e algunha breve noticia nun xornal, de tal xeito que o espazo reservado a estas últimas nas vitrinas actúa tamén como testemuño do esquecemento ao que foron relegadas.
En contrapartida, a elaboración de oito paneis dedicados a cada unha destas pioneiras quere contribuír a poñer en pé de igualdade as súas figuras. Xustifícase o seu papel de precursoras cunhas breves pinceladas biográficas e mediante citas textuais. Estas ilustran algunha faceta da súa personalidade cando reproducen as propias palabras da muller, e son testemuño da recepción contemporánea cando se trata de textos escritos sobre elas nos que, nalgúns casos, se transluce inevitablemente a mentalidade machista imperante.
O obxectivo da presente guía virtual da exposición é proporcionar unha pintura máis detallada destas pioneiras que a que ofrecen os paneis a elas dedicados, tótems en sentido estrito e figurado que materializan exemplarmente o carácter reivindicativo da mostra.