Anaír Rodríguez é a autora do libro Pioneiras (Xerais, 2018) e Pioneiras 2 (Xerais, 2019), ilustradas respectivamente por Nuria Díaz e Abi Castillo. Nos seus libros visibiliza a figura de destacadas mulleres galegas, algunhas delas presentes na mostra "8 mulleres galegas que moveron os marcos".
- Como xorde a idea de Pioneiras?
A idea do libro xorde nun momento persoal, cunha filla de catro anos, en que estou especialmente sensibilizada cos tipos de referentes femininos que reciben as mulleres desde nenas e descubro que no panorama editorial internacional se estaban publicando nese momento libros moi visuais e moi atractivos sobre mulleres que desempeñaron papeis importantes ao longo do tempo.
Cando coñecín esas obras pensei nas mulleres galegas que tamén fixeron historia en Galicia e fóra de Galicia e no pouco coñecidas que eran, e de aí xurdiu o libro.
- No prólogo do libro indica que moitas outras mulleres como Antonia Ferrín ou María Cardarelly tiveron que quedar fóra. Cal foi o criterio para a escolla destas 24 mulleres galegas?
O primeiro volume de Pioneiras (que nun principio ía ser o único), contén soamente 12 relatos, polo que a escolla das mulleres foi difícil, e inevitablemente quedaron moitas fóra.
O que intentei na selección foi que a mostra fose o máis diversa posible atendendo a diferentes criterios: un deles, é que fosen as primeiras mulleres galegas que conseguisen algún logro. Por outro lado, quería que fosen mulleres de diferentes épocas históricas, e todas do pasado, porque me interesaba moito transmitir a idea de que é falso que as mulleres non participasen nos grandes logros da historia, senón que foron totalmente invisibilizadas.
Por último, quería que fosen mulleres de ámbitos sociais diversos: desde o académico e profesional, ao ámbito do deporte e da cultura, pero tamén contar historias máis ligadas ao ámbito cotián e á conquista de dereitos: como o caso da primeira muller que conduciu un camión ou as primeiras mulleres que casaron entre elas.
- Na preparación da nosa exposición “8 mulleres galegas que moveron os marcos” atopámonos coa dificultade de que, a pesar de ser mulleres brillantes e con traxectorias moi destacadas, apenas hai información sobre elas. Como foi o proceso de documentación para o libro?
A busca de información partiu de dúas obras fundamentais: o fantástico proxecto Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, que se pode consultar en liña, e o Dicionario de mulleres galegas da investigadora Aurora Marco, que é un referente na divulgación da historia das mulleres en Galicia. A partir destas fontes fundamentais, afondei máis nalgunhas biografías a través de publicacións máis específicas.
- Vostede traballa no sector do libro educativo, aínda é difícil atopar mulleres nos temarios?
Traballei durante anos na edición educativa e fun autora de materiais educativos e penso que si, sen dúbida aínda hoxe en día a presenza de mulleres nos currículos segue a estar infrarrepresentada, malia que tamén hai que destacar que na última década a puxanza do feminismo está obrigando a revisar os currículos educativos neste sentido.
- Os libros publicáronse en 2018 e 2019, anos de efervescencia do movemento feminista con manifestacións masivas e a folga do 8 de marzo. Ve en perigo os logros acadados nos últimos anos coa vaga reaccionaria na que estamos inmersas?
Nos lugares onde a extrema dereita está chegando ao poder, a perda de dereitos xa é un perigo real para as mulleres e outros colectivos. En España, nos EEUU, na Arxentina… a ultradereita xa está facendo políticas en contra dos dereitos das mulleres ou influíndo no debate político con posturas reaccionarias e negacionistas. As mulleres non debemos baixar a garda, porque os dereitos non son inamovibles, en calquera momento se poden perder e non podemos permitir que haxa ningún retroceso.