O perfil de Google Académico é un servizo gratuíto no que calquera persoa pode rexistrarse. É preciso ter unha conta de Google e contar como mínimo cunha publicación indexada en Google Académico.
O procedemento de rexistro ten tres pasos: crear o perfil, engadir artigos e configurar a conta. En calquera momento podes editar e modificar os datos.
Antes de rexistrar un perfil comproba que non tiveses creado xa un ou máis baixo diversas contas de correo electrónico. Para eliminar as contas duplicadas ou obter máis información sobre este tema consulta a seguinte sección desta guía: perfil duplicado.
Empeza por rexistrarte aquí (necesitarás a túa conta Google para o rexistro).
Cubre o formulario de rexistro, indicando os datos persoais e tratando de indicar con precisión a forma do nome (indicando o nome e apelido/s, de xeito similar ao nome normalizado ou firma científica).
Indica as áreas de interese. Servirán para buscar outras persoas que traballen no mesmo tema. Utiliza, na medida do posible, termos normalizados.
Ofrece outra información sobre ti e o teu traballo. Por exemplo, engade a URL dunha páxina persoal, rede social ou unha foto.
Universidade de Santiago de Compostela (RoR: 030eybx10)
Ademais de engadir a información da afiliación é importante vincular o perfil co correo institucional. A finalidade é verificar que somos quen dicimos ser. É unha garantía e un exercicio de transparencia para o/a investigador/a e para a institución.
É conveniente engadir o número ORCID e outros sistemas de identificación, xa que sempre contribuirán a mellorar a visibilidade web e reputación dixital. Pode indicarse, entre paréntese, seguido do nome.
A continuación aparecerá unha listaxe de obras extraída en función do nome e apelidos que indicaches anteriormente no rexistro. Marca as casiñas correspondentes aos teus artigos. Unha vez seleccionados todos os que son, preme na frecha azul para continuar o proceso.
Indica como se farán as actualizacións. Se os teus apelidos son frecuentes e hai posibilidade de homonimia é importante que desmarques a opción de "Aplicar actualizaciones automáticamente".
Isto é porque Google, de xeito automático, rastrexa publicacións e as engade ao teu perfil cando detecta apelidos semellantes ao teu.
Por iso é mellor escoller a opción "Enviarme actualizaciones por correo electrónico para que las revise".
Finalmente sinala a opción "Hacer público mi perfil". Só sendo público o teu perfil poderá ser buscado e contribuirá nos rankings e análises da produtividade científica.
Se o teu perfil é público terás acceso ao servizo de alertas por correo electrónico, marcando esta opción no proceso de configuración. Podes escoller estas dúas opcións: