A UE inclúe as CI dentro da competencia dixital, e define esta como unha das oito competencias chave que todo/a estudante debe ter desenvolvido ao rematar o ensino universitario.
O alumnado asume que saber xestionar información é unha práctica transversal que debe completar o seu proceso de formación na universidade, que lle facilita o estudo, lle axuda a investigar e a realizar traballos académicos cunha metodoloxía científica.
Seguindo o documento de Rebiun, “Definición de Competencias en Información (CI)”, o alumnado adquire, a nivel avanzado, as seguintes habilidades e destrezas:
CINFO1 – Buscar información: recoñecer unha necesidade de información, coñecer os recursos nos que esta información se pode localizar e realizar estratexias de busca de maneira eficaz e eficiente.
CINFO2 – Avaliar a información: avaliar a información e as súas fontes de forma crítica e incorporar a información seleccionada á súa propia base de coñecemento e ao seu sistema de valores.
CINFO3 – Organizar e xestionar a información eficazmente: organizar e xestionar eficazmente a información reunida.
CINFO4 – Usar, publicar e difundir a información respectando as normas éticas e legais: usar a información e publicar e difundir o novo coñecemento xerado respectando a lexislación e normas éticas aplicables.
CINFO5 – Manterse ao día e compartir información en rede: coñecer e utilizar os diferentes servizos de actualización de información científica ou especializada e compartir información usando as ferramentas de traballo en rede de forma cívica e segura.