Ir ao contido principal

Access Medicina

Libros

Access Medicina é unha biblioteca dixital que proporciona acceso á versión máis actualizada de obras de referencia fundamentais no ámbito médico. Inclúe máis de 100 obras en castelán. Ao igual que ocorría na interface de acceso, na páxina principal do recurso libros tamén aparece a barra de busca, onde podedes procurar por palabra clave ou filtrar por título, autor ou ISBN, se coñecedes estes datos. 

Na columna da esquerda é posible filtrar por ramas da Medicina: anatomía, bioloxía molecular, bioquímica, cardioloxía, ciencias básicas, cirurxía ect. 

Os resultados da busca aparecen no panel central onde, como se aprecia na imaxe, tedes o botón azul de "ferramentas", desde o que podedes subscribirvos para recibir avisos por correo electrónico ou ir á páxina de libros arquivados (edicións anteriores). 

No panel lateral están, ademais, as seguintes opcións: consulta das últimas modificacións das obras, con indicación da data e dos capítulos (actualizacións); consulta das edicións anteriores dun libro (libros arquivados) e informes diarios sobre literatura médica do grupo editorial 2 Minute Medicine (2MM).

Cun Perfil Access gratuíto podedes recibir avisos por correo electrónico da incorporación de actualizacións e de novos informes da 2MM. 

Unha vez atopamos o libro do noso interese, unicamente temos que premer nel para entrar na súa páxina dentro de Access Medicina. Nesta páxina imos ver a cuberta do libro e, xusto debaixo, un panel lateral con acceso a información sobre o copyright, as notas, información sobre o autor, prólogo, prefacio etc. 

Na parte central da pantalla, debaixo do título do libro e da autoría, hai unha barra de busca que permite facer procuras dentro do propio libro. Debaixo desta barra aparecen as partes do libro e os capítulos, aos que se pode acceder con só premer nas ligazóns. 

Algúns libros presentan a opción de acceder desde esta pantalla aos contidos de autoavaliación (que veremos máis adiante). Para iso, só tedes que premer no botón que está enriba da barra de busca. 

Os textos contan coa tecnoloxía texto-a-voz ReadSpeaker, que permite que a persoa usuaria escoite o contido con só premer no botón "escoitar". As persoas usuarias poden deter, reanudar, atrasar e adiantar o audio, así como modificar a velocidade de lectura no despregable que aparece cando comeza o arquivo de son. 

Se premedes nas tres liñas que están ao lado da opción de escoitar, atoparedes diferentes posibilidades de configuración, mentres que marcando as estrelas podedes gardar o libro, capítulo ou sección en favoritos (é preciso identificarse cun perfil persoal). 

 

Dentro dos capítulos hai dispoñibles diferentes opcións: seccións, que abre no lateral esquerdo da pantalla o índice do libro; descargar capítulo PDF; ferramentas, desde onde podemos ver a referencia bibliográfica da obra en diferentes estilos bibliográficos e enviala por correo electrónico ou redes sociais; buscar libro, para facer unha busca dentro do propio libro e anotar, opción que, unha vez identificados/as co voso perfil persoal, posibilita facer anotacións.