Táboa de contidos
|
“Llevo a Galicia en el corazón, porque en ella he vivido y soñado mucho: para mí es mejor soñar que vivir” Federico García Lorca |
Primeira viaxe: a descuberta da paisaxe
En outubro de 1916 un novísimo Lorca pisa por primeira vez terras galegas acompañado de catro compañeiros da Universidad de Granada e o seu mestre, Martín Domínguez Berrueta.
O grupo chega en tren desde Castela a Ourense para visitar despois Santiago, A Coruña e finalmente Lugo. En Compostela, ademais de visitar a Universidade e ser recibido polas autoridades académicas, percorre as principais rúas e monumentos, visita o hospital psiquiátrico de Conxo e o hospicio de Bonaval. A pegada desta viaxe reflectirase no único libro en prosa publicado polo autor granadino, Impresiones y paisajes.
Segunda viaxe: unha camelia para Rosalía
En maio de 1932, dezaseis anos despois da primeira viaxe, Lorca regresa a Galicia xa como poeta recoñecido. Visitará Vigo, Coruña e dúas veces Compostela.
En Santiago, inaugura o ciclo de charlas do Círculo de Cooperación Intelectual (CCI) coa conferencia titulada "Paraíso cerrado para muchos, jardín abierto para pocos (Granada y su poeta del siglo XVII)". Alí, o público puido escoitar por primeira vez algún dos versos que formarían parte do libro Poeta en Nueva York.
Terceira viaxe: La Barraca
En agosto do 1932, Lorca regresará coa súa compañía de teatro La Barraca, co obxectivo de achegar a cultura ás clases populares, en consonancia co ideario reformista da Segunda República.
Foron sete as cidades galegas elixidas para as representacións: A Coruña, Santiago, Vigo, Baiona, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Ribadeo. Nelas representará obras de Cervantes e Calderón.
Cuarta viaxe: primeiro poema galego
Pontevedra e Lugo serán os destinos da derradeira estancia de Lorca en novembro de 1932. En Pontevedra visitará a redacción da revista Cristal e dará unha conferencia sobre María Blanchard no Cine Coliseum, invitado polo CCI. Na súa estancia en Lugo, entrega á revista Yunque o primeiro dos seus poemas galegos “Madrigal á cidade de Santiago”.
Quinta viaxe: a diáspora
En 1933 visita Bos Aires e Montevideo e é recibido con entusiasmo pola comunidade galega. Será na capital arxentina onde se xeste outro dos seus poemas galegos: “Cantiga do neno da tenda”, reflexo da desarraigamento e da melancolía propia das persoas migrantes.


