Táboa de contidos
O 27 de decembro de 1935 saíu do prelo o libro Seis poemas galegos de Federico García Lorca, editado a iniciativa de Eduardo Blanco Amor polo impresor Ánxel Casal.
Dous dos protagonistas da historia desta obra e da súa primeira edición pola editorial Nós -o poeta granadino e o editor galego- foron asasinados oito meses despois polos partidarios do golpe de estado de xullo de 1936.
É posible que parte dos exemplares desta edición, de tiraxe reducida, desaparecese como consecuencia da situación en que quedou a imprenta de Ánxel Casal tras a detención deste. O mapa de bibliotecas posuidoras de exemplares que presentamos nesta mostra dá fe da historia e destino dalgúns dos que sobreviviron, ofrecendo testemuño do nome e relevancia de antigos posuidores.
A presente exposición quere evidenciar non só a importancia da edición de Nós, senón tamén as persoas e circunstancias que dun xeito ou outro contribuíron a facer posible este prodixio que é a obra galega de Lorca, froito da súa especial relación con Galicia e a súa literatura.
Dos Seis poemas galegos, únicos versos que o poeta escribiu nunha lingua que non fose o castelán, tense dito que é o maior testemuño desde os cancioneiros medievais do uso da nosa lingua como ferramenta lírica internacional.
|

