Táboa de contidos
VIDAS DE EXEMPLARES
A EDICIÓN PRÍNCEPS DE SEIS POEMAS GALEGOS DE FEDERICO GARCÍA LORCA
Se a obra galega de Lorca foi cualificada de "misterio", "prodixio" ou "milagre", a historia do destino dos exemplares da súa primeira edición presenta aspectos non menos enigmáticos. Algunhas pistas espalladas aquí e acolá permiten debuxar un panorama que é, así e todo, confuso.
Unha delas é a dedicatoria que escribiu Eduardo Blanco Amor a Guillermo de la Torre -quen había ser o editor literario da obra de Lorca na editorial Losada de Bos Aires en 1938- nun exemplar da edición de Nós dos Seis poemas galegos (Gutiérrez Viñuales 2015: 92). Nela dáse unha indicación moi precisa respecto do número de copias da tiraxe e o seu destino. Na anotación sinálase que da obra imprimíronse unicamente douscentos exemplares, que vinte deles foron enviados a Lorca e que outros doce levounos o propio Blanco Amor para Bos Aires. O resto, segundo a mesma nota do autor de A esmorga, foron confiscados polos fascistas.
A información que proporciona Blanco Amor respecto do destino dos exemplares semella algo inexacta. Luís Pérez Rodríguez, na súa monografía dedicada á obra galega de Lorca (Pérez Rodríguez 2011), considera que algúns destes libros deberon ser vendidos e outros distribuídos entre amigos no tempo anterior ao peche da imprenta. O selo estampado no volume da edición de 1935 que posúe actualmente a British Library -indicativo, segundo nos comunicaron desde a propia institución, dunha adquisición por compra-, así como a data deste selo -27 de xullo de 1936- é unha boa proba de que se venderon exemplares con anterioridade ao desmantelamento da imprenta de Ánxel Casal. Sabemos, ademais, que polo menos outro volume ingresou en abril de 1936 na Biblioteca Nacional de España enviado polo impresor, tal e como ordenaba a lei de propiedade intelectual da época. E consta tamén que a Biblioteca Provincial de Ourense adquiriu un exemplar en marzo de 1936 con cargo aos “Fondos Pro Biblioteca”, conformados por doazóns en metálico de institucións e particulares destinadas a recuperar e enriquecer a colección, danada por causa dun incendio en 1927.
Os exemplares dos Seis poemas galegos foron expostos nada máis saír do prelo na vitrina da librería Niké de Santiago de Compostela, propiedade de Xoán Xesús González e Arturo Cuadrado (Landeira Yrago 1986: 68) e considerando a relevancia do poeta granadino naquela altura, non é impensable que tivesen unha boa acollida entre o público.
A estes datos certamente imprecisos sobre o posible destino dos exemplares da edición de 1935 cabe engadir, para completar o cadro, os relativos á historia da propia imprenta nos meses que seguiron o golpe militar.
Así, a data anotada a lapis nun informe remitido por un membro da Garda Civil de Santiago de Compostela ao Goberno Civil da provincia en febreiro de 1937 permite pensar que a imprenta foi pechada en setembro de 1936 (Souza 2003: 398). E por dous expedientes do Xulgado Municipal de Santiago, iniciados ambos os dous en outubro de 1936, sabemos que o propietario do local que ocupaba Nós na Rúa do Vilar iniciou un trámite de desafiuzamento do mesmo e, días despois, solicitou o embargo preventivo dos bens que contiña, na sospeita de que, de madrugada, se estaban a retirar libros, maquinaria e outro material (Arias Chachero e Mascato, 2024) . En relación con estas visitas clandestinas á imprenta, Isaac Díaz Pardo afirmaría, anos despois, que nelas interveu o crego e membro do Seminario de Estudos Galegos Xesús Carro, co obxecto de rescatar, entre outros, os pregos impresos do Códice Calixtino, do que Ánxel Casal estaba a preparar a edición.
A solicitude de embargo preventivo de outubro do 36 deu lugar a unha orde xudicial prescribindo a realización dun rexistro escrito dos bens. No inventario resultante, datado en abril de 1937, incluíuse unha lista de libros . Pero nesta lista non figuran os Seis poemas galegos. Os libros deste inventario, ofrecidos en poxa pública, comprounos un libreiro de Vigo e, segundo lle relatou Xesús Carro por carta a Luís Seone en 1959, cando chegaron á cidade olívica "uns mociños, locindo unhas camisas do seu idealismo, puxéronlle fogo aos caixóns" (Arias Chachero e Mascato, 2024).
Á luz destas informacións, cabe conxecturar que en abril de 1937, cando se realizou o inventario, non había no local da Rúa do Vilar exemplares da obra galega de Lorca, nin estaban, polo tanto, entre os que puideron ser destruídos en Vigo.
A hipótese de que se vendera a totalidade da tiraxe en apenas sete meses parece pouco probable. É difícil imaxinar, polo tanto, cal puido ser o destino dos exemplares daquela tiraxe única que non se regalaron nin se venderon nos escasos meses de vida comercial da edición antes da sublevación militar.
A falta de datos máis certeiros que os proporcionados por Blanco Amor e o que cabe deducir do coñecemento que temos sobre o infortunado final da imprenta de Ánxel Casal, desde a Biblioteca Universitaria propuxémonos obter información de diversas bibliotecas e institucións de todo o mundo respecto da eventual custodia de exemplares da edición de Nós. Coa presentación dos localizados, así como dos datos que nos foron proporcionados relativos ao método de adquisición ou á personalidade de antigos posuidores no caso de seren estes coñecidos, quixéramos contribuír a deitar algunha luz suplementaria sobre a historia da edición prínceps de Seis poemas galegos.
No mapa virtual que se presenta nesta guía e no Anexo que segue ao mapa ofrecemos as referencias froito das nosas pescudas. Se a cifra proporcionada por Blanco Amor é correcta e da primeira edición só se tiraron 200 exemplares (algo verosímil, pois o número coincide co das tiraxes doutras obras de Nós) teríamos localizados neste traballo un 18% do total (36 volumes, pois aos 33 custodiados en institucións engadimos no devandito anexo tres máis dos que tivemos noticia, en posesión de particulares). Por outra parte, se tal e como se ten especulado -aínda que tamén cuestionado (Souza 2003)- houbo unha destrución de libros en Santiago realizada por partidarios da sublevación militar, e se entre os libros estaban volumes da editorial Nós (Pérez Rodríguez: 1991,154), ou se realmente se produciu algunha incautación de exemplares polos fascistas como a que menciona Blanco Amor, a cifra podería ter incluso maior relevancia.
Entre os posuidores de exemplares cuxa referencia compilamos figuran dous estreitos amigos galegos de Lorca (Carlos Martínez Barbeito e Eduardo Blanco Amor) así como outros persoeiros galegos dos que nos consta a súa relación directa co poeta, ben por convivir con el en Madrid (Jesús Bal y Gay), ben porque o frecuentaron nas súas viaxes a Galicia (Carvalho Calero, Francisco Fernández del Riego, Domingo García Sabell, Xosé Filgueira Valverde). Na nómina de posuidores figuran tamén dous galegos contemporáneos de Federico dos que non nos consta relación directa con el (Isidro Parga Pondal e Ben-cho-Sey). O noso censo inclúe tamén exemplares procedentes das bibliotecas de coñecidos intelectuais españois vinculados persoalmente co poeta granadino (Jorge Guillén, Juan Ramón Jiménez, José María de Cossío, Guillermo de la Torre, Enrique Díez Canedo). Cabe sinalar, finalmente, a presenza de tres críticos literarios (José López Prudencio -coetáneo de Lorca-, Enrique Moreno Báez, e Dámaso Santos).
A nosa intención é ofrecer a modo de "work in progress" o noso traballo sobre os exemplares da edición de 1935 , animando a quen posúa información sobre algunha copia que nós non localizamos a que nolo comunique, co fin de que poidamos darlle visibilidade, enriquecer asemade o presente recurso e, con el, o coñecemento sobre a edición prínceps de Seis poemas galegos.
|
REFERENCIAS
|
