Ir ao contido principal

Lorca e Galicia : 90 aniversario da primeira edición de Seis poemas galegos

Colaboradores directos na xénese dos Seis poemas galegos e na edición de 1935

É posible que na redacción do "Madrigal á cidade de Santiago", publicado xa en 1932, actuasen como asesores lingüísticos de Lorca os seus amigos Francisco Lamas e Luís Manteiga. Na creación dos outros cinco poemas nos anos seguintes, e na súa publicación, xogaron un papel clave tres personaxes: 

Ernesto Pérez Guerra, máis coñecido como Ernesto Guerra da Cal (Ferrol, 1911-Lisboa, 1994). Escritor e filólogo especialista en literatura portuguesa. Criouse de neno no Val de Quiroga (Lorca chamábao "Ernesto do Sil") e trasladouse cando mozo estudar a Madrid, onde coñeceu Federico 1931. Tras a guerra desenvolveu a súa carreira académica no exilio, nos Estados Unidos. Guerra da Cal, considerado o máis influínte entre os amigos galegos de Lorca, asesorouno na escrita no noso idioma dos poemas. 

Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897 - Vigo, 1979). O escritor e xornalista, afincado en Arxentina desde 1931, coñeceu persoalmente Lorca por mediación de Guerra da Cal nunha das súas estancias en España, entre 1933 e 1935, sendo correspondente do diario bonaerense La Nación. Acompañouno en varias ocasións á súa casa en Granada, onde realizou algunhas das máis coñecidas fotografías do poeta. Blanco Amor encargouse de fixar o texto dos poemas galegos a partir dos manuscritos -autógrafos e apógrafos- que Lorca lle proporcionou. 

Ánxel Casal (A Coruña,1895-Teo, 1936). Foi o fundador da editorial que publicou a primeira edición dos poemas galegos de Lorca. Mantivo a imprenta Nós xunto coa súa muller, María Miramontes, na Coruña primeiro e, a partir de 1931, en Santiago de Compostela, cidade na que chegaría a ser alcalde entre febreiro e xullo de 1936. Galeguista e republicano, foi asasinado tras a sublevación militar, dise que o mesmo día -o 19 de agosto- en que mataron o poeta de Granada. 

Poster Colaboradores directos na xénese dos Seis poemas galegos na edición de 1935 (I)

Poster exposición

Poster Colaboradores directos na xénese dos Seis poemas galegos na edición de 1935 (e II)

Poster exposición