O obxectivo principal da xestión dos números soltos e dos duplicados de publicacións periódicas está orientado á consecución de coleccións completas nun único centro, de acordo cos intereses de cada biblioteca.
Non deben integrarse nas coleccións de revistas títulos con números soltos, salvo excepcións xustificadas polo seu valor ou singularidade.
Xestión de números soltos
No caso de exemplares de números soltos recibidos na biblioteca o procedemento a seguir é:
- Comprobar se existe a publicación nalgún centro da BUSC e se teñen o número recibido. De non telo, consultar ao centro para saber se lle interesa.
- Se non lle interesa, valorar se pode ser de interese para a nosa biblioteca:
- Comprobar se se atopa nalgunha das bibliotecas do catálogo de Rebiun, na Biblioteca Nacional e, de tratarse de contido vencellado a Galicia, revisar se se atopa na Biblioteca de Galicia. Así mesmo, verificar se o material está dixitalizado e/ou en aceso aberto. Este paso é de utilidade para estimar a necesidade de integrar a publicación nos nosos fondos ou desbotala porque xa existe acceso dende outras fontes.
- Valorar o tipo de publicación e a súa relevancia (contido, calidade, previsión de uso, adecuación á colección...).
- De ser finalmente unha publicación de interese, gardar o número ante a posibilidade de recibir máis exemplares. Transcorrido un tempo prudencial, comprobar se segue a ser un número solto ou xa temos máis volumes.
- Se despois dun período de tempo razoable non se reciben máis exemplares, desbotar o número solto.
- Se temos máis exemplares de interese para a biblioteca contactar co provedor para valorar unha doazón estable.
Xestión de números duplicados
A política de aceptación de números duplicados de publicacións periódicas na BUSC é restritiva.
O procedemento de actuación é:
- Se o duplicado corresponde a unha publicación que se atopa noutros centros, comprobar se dispoñen do número. De non contar con el, consultar co centro se están interesados en recibir o exemplar que completa os seus fondos.
- Se a publicación só a temos nós desbotar o exemplar (no caso das subscricións, se fose o caso, haberá que devolvelo ao provedor).
- No caso da biblioteca Xeral, gardarase un duplicado de todas as publicacións periódicas GA: obras de tema galego, en calquera idioma, escritas en galego con independencia do lugar de publicación e todas as obras de autores/as galegos/as e/ou editadas en Galicia, prestando especial atención ao fondo retrospectivo.