Minerva é o repositorio institucional da Universidade de Santiago de Compostela. Creado para albergar, difundir en acceso aberto e preservar os documentos derivados da actividade institucional, científica e docente dos membros da comunidade universitaria, inclúe tamén a dixitalización do patrimonio documental da USC.
Minerva inscríbese no marco do movemento internacional coñecido como Acceso Aberto ou Open Access. Esta iniciativa promove o acceso libre e gratuíto á literatura científica e académica como medio para mellorar o sistema de comunicación científica e o acceso ao coñecemento.
Entre os seus obxectivos destacan:
- Facilitar a difusión dos resultados da investigación realizada na USC.
- Incrementar o impacto e a visibilidade das publicacións e traballos de investigación da USC.
- Garantir a preservación e conservación a longo prazo da produción intelectual da Universidade.
- Promover e fomentar as iniciativas de comunicación científica en acceso aberto.
- Incentivar o uso da produción científica propia.
- Ofrecer á comunidade científica servizos de valor engadido a través do emprego de estándares internacionais, estatísticas de consulta e URL permanentes.