Ir ao contido principal

Minerva - Guía xeral

Contidos

Minerva alberga toda clase de materiais dixitais: artigos científicos (versións preprint, postprint e publicada), achegas a congresos, materiais docentes, revistas e monografías editadas pola USC, teses de doutoramento, traballos académicos, documentos institucionais, científicos e fondos históricos impresos ou manuscritos.

Os contidos que se depositen en Minerva deberán cumprir os criterios de calidade que se determinen, e en todo caso cumprir cos seguintes requisitos:

  • Que a titularidade sexa da universidade ou que exista consentimento do titular ou titulares para a súa difusión.
  • Que os contidos sexan orixinais dos autores.
  • Que os contidos sexan de natureza exclusivamente académica, docente ou científica.
  • Que non sexan ofensivos ou atentatorios contra a dignidade das persoas.
  • Que non vulneren a Constitución ou o ordenamento xurídico. O autor ou autores responderán, en calquera caso, de que os contidos depositados son orixinais e sobre eles non existen contraídos gravames nin compromisos que vulneren os dereitos de autor. A coordinación de Minerva, tanto a través do seu coordinador como a través da súa comisión, proporcionará aos autores medios técnicos e asesoramento relativos á información e xestión dos dereitos de contidos non editados pola Universidade de Santiago de Compostela.

PDI e Investigadores

1. O PDI e o persoal investigador, coas súas credenciais da USC, accederá á súa páxina persoal do repositorio, previa solicitude remitida ao coordinador do repositorio.

2. Unha vez seleccione a comunidade ou, de ser o caso, subcomunidade que considere máis axeitada á natureza e contido do traballo, procederá ao depósito tanto dos arquivos en si coma dunha proposta de metadatos. Xa depositados, os arquivos quedarán pendentes de difusión en aberto.

3. O coordinador do repositorio, ou os responsables que para tal efecto estableza a Comisión de Repositorio, revisarán o correcto depósito dos arquivos, dos seus metadatos, a axeitada clasificación do traballo na comunidade elixida, e revisarán a admisión de contidos en base ao artigo

4. Unha vez revisados estes aspectos, procederase á difusión en aberto dos arquivos.

Os investigadores beneficiarios de proxectos financiados por determinados organismos como a Comisión Europea (CE), o Consello Europeo de Investigación (ERC) ou o Ministerio de Economía e Competitividade están obrigados, segundo as condicións establecidas nos acordos de subvención, a permitir o acceso aberto á versión final dos artigos resultantes da investigación. O depósito en Minerva permite cumprir cos requisitos das axencias financiadoras sen pasar necesariamente por unha opción de pago para publicar en aberto nas revistas.

Para aproveitar as políticas editoriais que permiten o depósito en repositorios é imprescindible coñecer cal das versións do documento aptas para cumprir as obrigas de acceso aberto está permitido autoarquivar.

A consulta de plataformas como Sherpa-Romeo e Dulcinea resulta moi eficaz.

 

 

Teses de doutoramento

1. O/a doutor/a entregará no Centro de Posgrao a tese en formato electrónico e demais documentación, consonte o sinalado na presente normativa.

2. O Centro de Posgrao revisará toda a documentación entregada e dará traslado da mesma ao Servizo de Publicacións.

3. O Servizo de Publicacións incorporará a tese na comunidade correspondente do repositorio, incluíndo tanto o arquivo en si coma os metadatos. A tese quedará nese momento publicada en aberto.

En cumprimento do artigo 14.5 do Real Decreto 99/2011 de 28 de xaneiro que regula as ensinanzas oficiais de doutoramento, modificado polo Real Decreto 576/2023, de 4 de xullo, todas as teses defendidas na USC a partir de 2011 deben ser depositadas en acceso aberto no Repositorio Institucional Minerva previa autorización do autor.

O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC (SPIC) é o responsable de aloxar no repositorio os arquivos das teses que recibe directamente do Centro de Posgrao.

Coa presentación da tese, os doutorandos deberán asinar o documento Declaración para o arquivo e difusión da tese en Minerva. Toda a información na páxina web da Escola de Doutoramento Internacional da USC.

Antes da difusión no repositorio é moi importante comprobar que se posúen os permisos dos propietarios dos dereitos de posibles recursos incluídos na tese que non sexan de elaboración propia como imaxes, fotografías, táboas, etc. Isto cobra particular relevancia no caso de teses por compendio de publicacións: os artigos publicados previamente que forman parte da tese poden estar suxeitos a contratos editoriais que non permitan a difusión en aberto e que é preciso respectar. É aconsellable que os autores contacten cos editores das publicacións afectadas para obter, por escrito,  a autorización pertinente para a difusión no repositorio.

Os autores de teses lidas en cursos anteriores á entrada en vigor da normativa tamén poden solicitar a incorporación en Minerva contactando co administrador de Minerva ou co persoal técnico do SPIC.

Por defecto, agás indicación contraria, a tese estará amparada por unha licenza Creative Commons do tipo Atribución-Non comercial-Non derivadas. As cláusulas desta licenza establecen que: 

  • sempre debe recoñecerse a autoría da obra
  • non se permite o uso comercial da obra orixinal nin a xeración de obras derivadas

As teses de autores que non autorizan á súa difusión figuran no catálogo da biblioteca e poden consultarse nas correspondentes salas de lectura con fins de investigación. 

Traballos de Fin de Máster, Fin de Grao, Fin de Carreira e outros

1. A comisión académica realizará a proposta de inclusión do traballo no repositorio e a remitirá á Secretaría do seu centro.

2. Pola súa parte, os autores dos traballos propostos pola comisión entregarán na Secretaría do seu centro o traballo en formato electrónico e demais documentación conforme o sinalado na presente normativa.

3. Completada a documentación, o traballo en formato electrónico será remitido ao persoal da biblioteca do centro que procederá ao seu depósito en Minerva.


A partir de 2015, en aplicación do artigo 12 da Normativa de Minerva, a Biblioteca asume a incorporación a Minerva dos Traballos Académicos que en función da súa calidade, en particular os cualificados con matrícula de honra, resulten seleccionados polas correspondentes Comisións Académicas. Os autores dos traballos propostos, co visto e prace do titor, deberán asinar unha autorización de difusión en Minerva na que declaren que se trata dun traballo orixinal, e que non está, en todo ou en parte, suxeito a restricións, tales como co-titularidade, dereitos de propiedade industrial ou cláusulas de confidencialidade con empresas.

Se os traballos non poden ser difundidos por estar suxeitos a dereitos de propiedade industrial ou intelectual non serán obxecto de comunicación pública en Minerva ata que sexan realizadas as oportunas proteccións ou venza o prazo de confidencialidade.

Por defecto, agás indicación contraria, os traballos estarán amparados por unha licenza Creative Commons do tipo Recoñecemento-Non comercial-Compartir igual. As cláusulas desta licenza establecen que:

  • sempre debe recoñecerse a autoría da obra
  • non se permite o uso comercial da obra orixinal nin das posibles obras derivadas
  • a distribución das obras derivadas debe facerse baixo a mesma licenza que a da obra orixinal.

 

Outros depósitos

1. Fóra dos casos anteriormente descritos, poderá acordarse a inclusión dun traballo no repositorio, sempre que cumpra cos criterios desta normativa.

2. As propostas dirixiranse ao presidente da Comisión do Repositorio. A Comisión determinará a aceptación da inclusión do traballo ou traballos propostos.

​3. En caso de aceptación, o coordinador do repositorio tramitará o seu depósito segundo corresponda.


Minerva pretende tamén a difusión e preservación do rico e valioso patrimonio bibliográfico da USC. As dixitalizacións de coleccións de manuscritos, incunables e impresos do s. XVI ao XIX están accesibles de forma libre e gratuíta.

O emprego de estándares internacionais como OAI_PMH permite que estes fondos sexan tamén accesibles a través do agregador español HISPANA e que poidan ser recolectados pola Biblioteca Dixital Europea Europeana.