Antes de depositar un artigo nun repositorio, hai que comprobar se a editorial o permite, que versión (preprint, postprint do/a autor/a, postprint da editorial) e en que condicións (embargos, modo de citar). Existen ferramentas de consulta en liña que recollen as políticas de copyright e autoarquivo das editoriais: Sherpa/Romeo (revistas internacionais), Dulcinea (revistas españolas), Mir@bel (revistas francesas).
Ademais destas fontes as propias páxinas web dalgunhas editoriais ou revistas recollen esta información (apartados “Authors”, “FAQ”, “Permissions”, “Policies”, “Web posting guidelines”, “Self-archiving”).
De non atopar información aquí cómpre solicitar autorización á editorial para depositar en Minerva, mencionando expresamente fins e usos, e expoñendo tamén que se fará baixo unha licenza CC.
Minerva xestiona de forma automática os períodos de embargo establecidos polas editoriais, que deben transcorrer entre a publicación dunha obra por vía comercial e a súa difusión en aberto. Unha vez esgotado o prazo de tempo establecido, que vai dende entre os dous e os corenta e oito meses, o sistema libera o texto completo e permite o acceso público ao mesmo.