Open access ou acceso aberto é aquel que permite o libre acceso aos recursos dixitais derivados da produción científica ou académica sen barreiras económicas ou restricións derivadas dos dereitos de copyright sobre os mesmos. Esta produción engloba non só artigos publicados en revistas, senón tamén outro tipo de documentos como obxectos de aprendizaxe, imaxes, datos, documentos audiovisuais, etc. O acceso é en liña a través de Internet e, agás limitacións tecnolóxicas e de conexión, non debería estar restrinxido por outro tipo de imposicións (Peter Suber, 2006).
Para acadar o acceso aberto, adoitamos falar de distintas vías:
- Vía dourada ou publicación en revistas de acceso aberto, con lectura gratuíta e retención de dereitos para os autores. Adoitan establecer un custo por publicación (as chamadas APC).
- Vía verde ou difusión a través de repositorios (temáticos, institucionais, etc.).
Estas dúas vías serían complementarias e non incompatibles. Son as representadas na Declaración De Budapest (2002). Ademais:
- Vía diamante: difusión a través de revistas cuxo sistema de publicación é Open Access, sen custo para publicación nin lectura. Adoitan estar financiadas por institucións académicas, sociedades científicas, etc.
- Vía bronce: baixo esta etiqueta englobamos artigos e outras publicacións que podemos atopar en diversas páxinas de editores, pero que non exhiben unha licenza explícita.
- Vía híbrida: propón unha mestura entre as revistas académicas tradicionais e o acceso aberto. Para publicar en OA as axencias de financiamento pagarían unhas taxas como na vía dourada.