Para preparar calquera traballo é necesario que consultemos información xa dispoñible, xa publicada, é dicir, que o documentemos. Pero cando utilizamos esa información allea (un artigo, un libro, unha web, etc.) ao redactar o noso propio texto, tanto se incluímos frases literais coma se resumimos unha idea ou a parafraseamos, debemos declarar de onde a tomamos, é dicir, debemos citar a fonte, a procedencia.
Hai que poñer polo tanto citas das fontes ao longo do texto, e tamén referencias dos traballos e bibliografía ao pé da páxina ou ao final do documento.
Para facelo dun xeito coherente debemos utilizar un dos formatos ou estilos recoñecidos. Para iso pode axudarnos un xestor de referencias bibliográficas.
Plaxiar é utilizar a información sen citala expresamente. Citando evitas o plaxio e respectas os dereitos das persoas autoras, que están protexidos pola Lei de propiedade intelectual.
Citar correctamente permite aos/ás lectores/as saber que documentos utilizaches no teu traballo. Pon de manifesto o teu grao de honradez e de respecto polos dereitos das persoas autoras e outorga fiabilidade ao mesmo. Isto débese ao funcionamento intrínseco da ciencia, que sempre se basea en coñecementos previos para construír novas teorías ou refutar as existentes.
É por iso que, a medida que redactas o teu traballo, debes ir citando aqueles textos que extraes doutras fontes e, ao rematar, presentar a bibliografía correctamente elaborada segundo a norma máis empregada na túa área de coñecemento.
Debes citar sempre:
|
|
Non é necesario citar: | |
|
Debemos ter claro que o dereito de autor/a NON protexe as ideas nin os simples feitos, senón a forma de expresión desas ideas/feitos. Isto significa que pode haber moitas obras sobre a mesma idea (por exemplo, un romance entre dúas persoas de distinta clase social) e todas estarán protexidas polo dereito de autor/a mentres expresen esa idea dun xeito orixinal (seguindo co exemplo, as obras Romeo e Julieta ou Titanic levan de fondo ese argumento, mais son obras diferentes, expresadas de xeito distinto, cada unha no seu formato, etc.)
Para incluír grandes fragmentos da obra, así como para incluír, adaptar ou reproducir táboas e figuras orixinais, é necesario obter o permiso da persoa propietaria dos dereitos de autor/a (copyright, ©) do material.
Todo o que está suxeito a dereitos de autor/a permite incluír fragmentos sempre que estea correctamente citado, pero está prohibido todo tipo de reprodución e reutilización da obra completa sen permiso. Algunhas persoas propietarias ceden certos dereitos patrimoniais (reprodución, distribución ...) a través de licencias copyleft, mais o dereito de recoñecemento da autoría é irrenunciable, o que implica o deber de citar sempre e en todo caso.
Cómpre recordar, ademais, que no caso de fotografías onde aparecen persoas é preciso contar cunha autorización de dereitos de imaxe, especialmente se se trata de menores de idade.
É a remisión, chamada ou vínculo que establecemos no noso texto ás ideas, frases ou documentos alleos. A cita é a técnica ou procedemento pola que enviamos á persoa lectora á fonte de onde tomamos a información prestada. Na práctica pode tratarse de números, asteriscos, notas, claves entre parénteses, calquera forma de remitir ao documento citado, con ou sen reprodución de fragmentos literais.
Exemplo:
“La ciencia en cuanto descripción del mundo es la parte más exacta de la cultura humana”(1).
1. MARTINEZ, LJ. Como buscar y usar información científica: guía para estudiantes universitarios. Santander: E-Lis, 2013
Exemplo:
“La ciencia en cuanto descripción del mundo es la parte más exacta de la cultura humana” (Martínez, 2013).
MARTINEZ, LJ. Como buscar y usar información científica: guía para estudiantes universitarios. Santander: E-Lis, 2013
É unha descrición sucinta e estruturada dun documento, neste caso do documento citado. A referencia identifica de forma inequívoca o documento en cuestión e infórmanos dalgunhas das súas características fundamentais, por exemplo: autor/a, título, data, editorial, lugar, URL, páxinas, formato, etc.
Ex: García Rubio, M. Paz. (1995). Alimentos entre cónyuges y entre convivientes de hecho. Madrid : Civitas.
É a listaxe final que inclúe todas as referencias bibliográficas das fontes que consultaches para elaborar o teu traballo e debe aparecer sempre ao final deste.
De todos os xeitos debes ter en conta que hai estilos como o das normas APA, que veremos a continuación, que só permiten incluír nesta listaxe as referencias das obras que citaches no teu traballo, non de todas as que consultaches.
Exemplo:
García Rubio, M. Paz. (1995). Alimentos entre cónyuges y entre convivientes de hecho. Madrid : Civitas.
MARTINEZ, LJ. (2013). Como buscar y usar información científica: guía para estudiantes universitarios. Santander: E-Lis.