Ir ao contido principal

Prepara o TFG/TFM

Planifica a túa tarefa

  • Traballa sobre un tema do teu interese, que sexa atractivo para ti. Desenvolve a túa creatividade, espíritu crítico e pensamento propio. 
  • Ten en conta as túas limitacións de tempo, coñecementos previos, dominio de linguas, etc.
  • Organiza o tempo.
  • Faite coas ferramentas apropiadas para xestionar toda a información que vaias recompilando. Tamén coas relacionadas co proceso de redacción.
  • Busca modelos a seguir. Consulta para iso o repositorio Minerva, arquivo dixital da USC onde se gardan e difunden os traballos con cualificación de sobresaínte ou que teñen un particular interese. Búscaos no apartado Docencia e Innovación e escolle a túa área temática.
  • Consulta sempre á túa titora ou titor. Axudaráche coa orientación do tema e a organizar o tempo de traballo.

Busca un tema

  • Pensa que calquera traballo académico pretende dar resposta a un problema. Intenta poñer por escrito a pregunta á que pretendes dar solución e formula unha hipótese.
  • A hipótese debe ser: clara, verificable, obxectiva e ben enunciada. Pode ser certa ou non: será comprobada e xustificada no proceso do TFG/TFM.
  • Na formulación por escrito da hipótese, irán as palabras clave, os conceptos esenciais que servirán para o proceso de busca posterior.
  • Probablemente terás que reformular o tema. Unha vez que te adentres nel terás unha visión diferente que deberás ir reaxustando.