Segundo MLA, as referencias bibliográficas deben constar dunha serie de elementos que se consideran básicos para que a documentación empregada nun traballo académico poida ser identificada de xeito adecuado.
O esquema de elementos básicos que emprega MLA é o seguinte:
1. Autor/a: é o creador ou creadora principal da obra.
2. Título da fonte: anótase en cursiva e, se consta de subtítulos, sepáranse mediante dous puntos (:). Cando se trata de artigos de revista ou capítulos de libro, o título vai entre comiñas.
3. Título do contedor: Cando a fonte citada forma parte dun recurso máis amplo, p.e. unha revista, unha compilación, unha antoloxía, unha base de datos, un repositorio electrónico, etc., tamén debe anotarse. O título do contedor debe citarse en cursiva e a obra primaria entre comiñas. Pode darse o caso de que exista máis dun contedor, como no caso dunha revista electrónica recuperada a través dun repositorio electrónico. Nese caso, tamén debe anotarse o contedor onde está inserida a revista. Un exemplo:
Bearsley, Patrick. “Augustine and Wittgenstein on Language.” Philosophy, vol. 58, no. 224, 1983, pp. 229–36. JSTOR, http://www.jstor.org/stable/3750655. Consultado 24 xuño 2024.
4. Otros e outras contribuíntes: como p.e. responsables da adaptación, dirección, ilustración, tradución, etc., poden indicarse, de ser preciso, tras o título e precedidos da función correspondente. Por exemplo: Trad. de Agustín García Calvo.
5. Versión: refírese á edición do documento.
6. Número: cando a fonte forma parte dunha secuencia numerada (obras en varios volumes, revista, serie de tv, etc.) debe indicarse na referencia bibliográfica.
7. Editor ou editora: cando apareza na fonte principal de información debe indicarse, como no caso das monografías.
8. Data de publicación: data que figura na fonte de información principal do recurso.
9. Localización: a localización da fonte depende do medio de publicación. Por exemplo:
Fonte da imaxe: MLA
1. A listaxe de referencias bibliográficas recolle ordenadamente os documentos empregados na redacción dun traballo académico.
Hai que diferenciar entre unha listaxe de obras consultadas e unha bibliografía. Unha bibliografía inclúe outras fontes de información que serven para afondar no tema (obras de referencia, dicionarios, enciclopedias, apuntes, algún manual…), pero que non se utilizaron para facer o traballo. É dicir, non se fixo ningunha mención destes documentos, nin textual nin indirectamente. Lembra que as normas MLA requiren obras consultadas, non bibliografía.
O estilo MLA especifica que a lista de obras consultadas estea elaborada a dobre espazo. Cada referencia debe ir con sangría francesa de media polgada (1,25 cm). As referencias bibliográficas deben presentarse ordenadas alfabeticamente, independentemente do seu soporte, polo apelido do autor ou autora ou do primeiro autor ou autora (no caso de que sexan tres ou máis), pola entidade responsable do documento (no caso de que sexa autora do documento) ou polo título (no caso de obras sen autoría coñecida).
No caso de ter empregado varias obras dun mesmo autor ou autora, tense en conta o título á hora de alfabetizar coa fin de ordenar adecuadamente as referencias. O apelido do autor ou autora aparecerá só na primeira entrada. Nas seguintes, deberá colocarse no seu lugar unha serie de tres guións seguidos de punto (———.) [no teclado Alt+0151]. Se un autor ou autora, do que se citan varias obras, exerce máis dunha función nos documentos citados, engádese esta función a continuación dos tres guións precedida de coma (p. ex.: ———, tradutor/a ; ———, editor/a). No caso de múltiples obras de varios autores ou autoras, séguese a mesma regra que para as obras dun mesmo autor ou autora, excepto se os mesmos autores ou autoras aparecer en diferente orde. Neste caso, ordenarase tendo en conta tal e como aparecen.
No caso das referencias que comecen por título, os artigos non alfabetizan.
2. Para evitar repeticións innecesarias cando se citan dúas ou máis fontes que se atopan en coleccións de obras tales como compilacións ou antoloxías, MLA establece o uso das referencias cruzadas. As referencias cruzadas relacionan obras independentes coa publicación na que aparecen. Consígnanse anotando o apelido e nome do autor ou autora e o título da súa obra. A continuación anótase a referencia á publicación da que procede, que adoita a consistir nos nomes cos que comeza a entrada. Por último, anótase a localización.
Un exemplo:
Garber, Klaus, e Ludger Rehm, eds. Global Benjamin: Internationaler Walter-Benjamin Kongreß 1992. Fink, 1999. 3 vols.
Raulet, Gérard, e Uwe Steiner, eds. Walter Benjamin: Ästhetik und Geschichtsphilosophie. Peter Lang, 1998.
Rochlitz, Rainer. The Disenchantment of Art: The Philosophy of Walter Benjamin. The Guilford Press, 1996.
____. “Drei Ästhetik-Paradigmen bei Benjamin”. Garber e Rehm 1:161-187.
____. “Théorie esthétique et stratégie critique”. Raulet e Steiner, pp. 63-78.