Cando citamos un texto entre comiñas temos que establecer un medio para relacionar o texto citado coa referencia bibliográfica da que procede. Existen dúas formas de establecer esa relación: directamente e mediante mencións parentéticas.
A mención directa introduce o nome do autor ou autora na mesma frase que o texto que se cita entre comiñas. Para establecer a referencia, hai que engadir, ao final, o número de páxina onde se atopa a frase citada.
A mención parentética prodúcese cando se cita un texto entre comiñas e, cara ao final da cita, insértase a súa procedencia mediante o apelido do autor ou autora e o número de páxina onde se atopa o texto referenciado.
Estas anotacións ao final de frase son as que nos remiten ao número de páxina de onde se extraeu o texto e, tamén, á listaxe de referencias bibliográficas que temos que situar, ordenada alfabeticamente, cara ao final do noso traballo.
Segundo MLA, cando se emprega a cita directa consígnanse no corpo do texto os nomes completos dos/as autores/as, organizacións ou títulos, mais cando se mencionan entre parénteses cara ao final da frase, débense consignar do xeito máis conciso posible. Por exemplo:
Respecto á puntuación obrigatoria nas mencións parentéticas:
Á hora de citar un texto, se este non ten máis de catro liñas, incorpórase de xeito natural ao fluxo do texto entre comiñas. Mais se o texto ten máis de catro liñas de lonxitude, denomínase cita bloque e deberase consignar en parágrafo á parte sen comiñas e cunha caixa de texto máis reducida que o texto principal.
Fonte da imaxe: “Block Quote | Format, Usage & Examples - Lesson.” Study.Com, https://study.com/academy/lesson/when-how-to-block-quote-format-example.html. Consultado 26 xuño 2024.
O sistema MLA emprega as citas parentéticas co fin de manter a atención do lector ou lectora no texto. Porén, a miúdo, é preciso empregar notas para facer precisións ou engadir comentarios. As notas en MLA poden ser de dous tipos: bibliográficas e de contido.
1. As notas bibliográficas axudan fundamentalmente a evitar digresións e explicar o uso das fontes. Por exemplo, permiten consignar bibliografía adicional cando esta é abundante sobre un tema en particular, permiten ademais indicar prácticas documentais referentes ao uso de edicións estándar cando se trata de autores/as sobre os que existe unha práctica común establecida e, por último, permiten facer precisións sobre as traducións e edicións empregadas. As referencias citadas nas notas ao pé de páxina deben recollerse tamén na listaxe final de obras empregadas no traballo.
Exemplo: Sobre este particular, véxase tamén Graetz 290, Derrida 46 e Foucault, especialmente, o cap. 7. De xeito similar: Bataille 85, Caillois 36, Maus 71 e Otto 53 fan referencia a esta problemática.
En moitas ocasións, cando se escribe sobre obras ou autores e autoras do canon, é preciso especificar a edición ou edicións que se están a empregar de entre todas as dispoñibles. Este particular debe expresarse en nota. Polo demais debe terse en conta que estes autores ou autoras e obras cítanse tamén dun xeito especial polo que hai que ter presente que a edición sexa consistente coa práctica estándar. Para isto, basta con observar cal é a edición máis empregada polos e polas especialistas.
Exemplo: Respecto ao texto de Lucrecio, cítase a tradución de Agustín García Calvo, salvo indicacións en contrario.
2. As notas de contido empréganse con diversas finalidades: chamar a atención sobre un detalle importante, explicar a elección da terminoloxía, xustificar o alcance do estudo, proporcionar exemplos adicionais, identificar ou comentar alusións, identificar temas para futuras investigacións ou recoñecer relacións indicadas por outros lectores ou lectoras do texto.
En MLA, as notas poden estar situadas ao pé da páxina ou situadas nunha sección de notas ao final do traballo, antes da listaxe de referencias bibliográficas. En ambos casos, a presenza dunha nota indícase no texto mediante un superíndice que se debe situar ao final de frase.