A plataforma ofrece varios métodos para engadir publicacións desde o propio perfil, estean estas en WoS ou non. Entrando na sección "Mis registros" en "Publicaciones":
a) Publicacións suxeridas: Desde WoS pode utilizar o seu nome e enderezo de correo electrónico para facer buscas e reclamar as publicacións que bote en falla no seu perfil (desde "Añadir a mi perfil de investigador" botón de "Exportar").
b) Importación mediante identificadores: WoS permite agregar publicacións manualmente unha a unha ingresando un dos seguintes identificadores: DOI, número de acceso de Web of Science, arXiv ou PubMed ID.
c) Subir arquivo: Tamén pode incorporar o seu historial de publicacións desde outra plataforma cargando un arquivo exportado en formato RIS, CSV ou BibTex.
d) Sincronizar co ORCID mediante o axuste da importación de ORCID na configuración do seu perfil.
Se engadiu accidentalmente unha publicación ao seu perfil e quere eliminala, pode facelo a través da páxina "Mis registros de publicaciones". Desde aquí faga clic en "Eliminar" na publicación e logo confirme. É importante ser coidadoso neste proceso, porque os documentos eliminados por erro só poderán ser recuperados mediante solicitude por correo electrónico ao equipo de soporte nunha xestión que non é inmediata.
A opción "Enviar unha corrección", na esquina superior dereita, permite repasar a lista de publicacións e eliminar as que non sexan correctas usando un formulario en tres pasos.
É bastante frecuente atopar diferentes perfís para un mesmo autor. Cando o sistema non atopa nas publicacións elementos suficientes para confirmar que se trata da mesma persoa (ás veces por erros, cambios na sinatura ou na afiliación, etc.), crea novos perfís. Estes non levan a marca de perfil verificado e, cando se abren, conteñen a nota "Este es un registro de autor generado algorítmicamente".
WoS permite fusionar varios rexistros nun único perfil verificado, unha vez comprobado que se trata da mesma autoría. Selecciónanse os rexistros (un deles, e non máis dun, ten que ser un perfil verificado) e actívase o botón "Fusionar registros". Ábrese entón un formulario en tres pasos.
O primeiro é completar os datos de contacto. No segundo paso aparecerán as publicacións acumuladas dos perfís seleccionados nunha única lista. Será o momento de revisala, eliminando, de ser necesario, os que non se correspondan coa autoría.
Confirmados os cambios e enviada a solicitude, o propietario do perfil recibirá unha notificación por correo electrónico. As modificacións serán visibles na web aproximadamente nunha semana.
Nas páxinas de Clarivate pode atoparse máis información vencellada co ResearcherID.