Ir ao contido principal

Minerva - Guía de autoarquivo

Antes de autoarquivar

Iniciar envío

Para iniciar un novo envío, localice primeiramente na estrutura de Minerva a colección á que desexa enviar o traballo. Prema no despregable Novo do menú Xestión localizado na barra lateral esquerda da pantalla. A continuación, seleccione a opción Ítem.

Novo ítem

A continuación abrirase unha ventá para localizar a colección á que enviar o traballo (directamente ou na caixa de busca). Amosaranse aquelas coleccións nas que se teña permiso de depósito.

Escoller colección

Outra forma de enviar documentos é a través da opción O meu Minerva no menú despregable do perfil de usuario.

O meu Minerva: envíos

Abrirase a mesma ventá para a escolla da colección de destino ben arrastrando o documento (ou na opción examinar), ben premendo no botón '+'.

O meu Minerva: examinar

 

Na seguinte pantalla comezará o proceso de descrición do recurso. A información introducida constitúe o rexistro de metadatos, que permitirá aos motores de busca recuperar o documento. Unha descrición o máis completa e detallada posible aumenta as posibilidades de que o traballo sexa atopado.

O envío pode interromperse en calquera momento do proceso, só hai que premer na opción Gardar para máis adiante na parte inferior dereita da pantalla. 

Gardar para máis adiante

Deste modo pódese recuperar a descrición e continuar co proceso no punto en que se abandonou. No espazo de traballo individual O meu Minerva, localice o ítem que quere completar e prema no botón Editar.

Espazo de traballo

Describir o traballo

Na parte superior da pantalla de descrición engada o ficheiro que desexe depositar. Tamén pode cambiar a colección de destino no caso de que estivera errada.

Ficheiro e colección

Elixa no despregable seguinte o tipo de traballo que mellor se axuste ao documento que está a describir. 

Tipo de documento

As equivalencias de tipo de documento en galego son: 

annotation nota de xurisprudencia / anotación / comentario
bachelor thesis traballo de fin de grao / proxecto de fin de carreira
book libro / monografía
book part capítulo de libro / parte de libro
conference output    contribución a congreso
dataset

conxunto de datos / grupo de datos

design deseño
doctoral thesis tese de doutoramento
image imaxe / figura
journal revista / revista científica
journal article artigo / artigo científico
learning object obxecto de aprendizaxe
lecture relatorio / conferencia académica
magazine revista divulgativa
map mapa
master thesis traballo de fin de máster / tese de máster
moving image imaxe en movemento
musical notation notación musical
other outros
patent patente
preprint versión enviada
report informe / estudo
review recensión
software software
sound son
video vídeo
working paper documento de traballo


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Os datos para encher a continuación poden variar en función da tipoloxía documental seleccionada. Algúns campos, os marcados cun asterisco, son obrigatorios. Se algún deles permanece baleiro, o sistema non permitirá avanzar co depósito.

Título* (Campo obrigatorio) 
Introduza o título tal e como se atopa no documento, pero teña en conta as seguintes pautas: empregue maiúsculas só na letra inicial do título e dos nomes propios, inclúa os subtítulos precedidos de dous puntos, e evite o punto final.

Outro título
Introduza as variantes do título, como títulos noutra lingua, acrónimos, etc. Os diferentes títulos deben introducirse cada un nunha caixa de texto e na mesma orde na que aparecen no documento. Prema en Engadir máis para cada novo título que desexe incluír.

Autores/as* (Campo obrigatorio) 

1. Autores/as USC: para o caso do PDI vencellado á Universidade de Santiago de Compostela (incluído no Portal da Investigación), siga estes pasos:

  • Prema na lupa que aparece a continuación da caixa para buscar unha relación existente. 
  • Na ventá que aparece, busque o nome.
  • Seleccione a forma que aparece e prema en Pechar.
  • O nome quedará engadido no formulario de descrición. Para engadir máis autores/as, prema en Engadir máis.

Autores

Busca de autores/as

Autor no formulario

2. Para autores/as que non pertenzan á USC: encha directamente na caixa o nome na forma 'Apelido Apelido, Nome'. Empregue maiúsculas soamente nas letras iniciais e non esqueza os acentos. Sempre será preferible introducir as formas do nome máis completas para evitar confusións entre homónimos.

Se posteriormente é preciso relacionar unha persoa autora USC a unha forma engadida manualmente, non hai máis que premer na lupa do nome non asignado e abrirase a ventá con esa forma para a busca na base de datos. Seleccione e peche para ver a forma vencellada, coas iconas dos diferentes perfís. Lembre eliminar a forma non relacionada.

No caso de que o número de persoas autoras sexa moi elevado (por exemplo, máis de dez), inclúa o primeiro nome (sexa ou non da USC), aquelas persoas autoras USC intermedias e o último nome (sexa ou non da USC).

Para mover algún nome de orde, pase o rato pola parte esquerda da caixa: aparecerán uns puntos e, cando apareza unha cruz no cursor, prema e mova cara arriba ou cara abaixo para colocar os nomes tal e como aparezan no documento.

Mover orde autores

Editores/as literarios

Introduza os editores/as literarios/as, un por cada liña, na forma 'Apelido Apelido, Nome'.

Centro/Departamento
Se procede, elixa no menú despregable o Centro ou Departamento da USC co que o/a autor/a estea vencellado/a. No caso de varios/as autores/as pode seleccionar novos Centros e/ou Departamentos no botón Engadir máis.

Centro/Departamento

Data de publicación* (Campo obrigatorio) 
É obrigatorio cumprimentar como mínimo o dato do ano. Non é necesario introducir o mes e o día se non se coñecen. No caso dos documentos non publicados previamente introduza a data na que se realiza o depósito.

Título da revista

Cando proceda, encha o nome completo da revista onde se publicou o artigo.

Serie

Encher só cando o documento é un libro que pertence a unha colección ou cando se trata de informes ou documentos de traballo que teñen un número.

Identificadores 
Este campo só debe ser cumprimentado para traballos publicados con anterioridade. Elixa no despregable o identificador máis axeitado, e na caixa de dereita introduza os datos correspondentes, segundo se indica no texto de axuda do formulario.

ISSN/E-ISSN (International Standard Serial Number) para publicacións periódicas.
ISMN (International Standard Music Number) para música escrita.
URI (Universal Resource Identifier) para sitios e páxinas web.
DOI (Digital Object Identifier) introducir sempre que exista. É importante porque sempre dirixe á versión oficial da editorial, independentemente da localización na web.
ISBN (International Standard Book Number) para libros.
Documento oficial (Número de Identificación de Publicacións Oficiais).
Outro: outros tipos de identificador non recollidos nas opcións anteriores, por exemplo un Depósito Legal: D.L. C. 2384-2015.

Versión da editorial

Aplicable a documentos xa publicados, permite enlazar co artigo na web da revista. Algúns editores esixen a presenza deste enlace para permitir o acceso aberto. Introduza a URL da páxina web do/a editor/a onde orixinalmente aparece o documento ou o número DOI do artigo. Non empregue en ningún caso a URL de agregadores de servizos como ScienceDirect, Scopus, etc., xa que non son identificadores permanentes. No caso de empregar o DOI, engada o enlace http://dx.doi.org/ diante do número, sen deixar espazos, por exemplo: http://dx.doi.org/10.1021/acs.organomet.5b00777.

Editorial
Insira o nome oficial da editorial na forma na que apareza na publicación. Se é una entidade subordinada introduza primeiro o nome da entidade principal e, separado por coma, o nome da entidade dependente. Exemplo: Universidade de Santiago de Compostela, Departamento de Matemática Aplicada. No caso de coedición empregue unha caixa de texto para cada editor premendo no botón Engadir.

Volume / Número / Páxina inicial / Páxina final

Consigne estes datos para o caso de artigos publicados.

Cita bibliográfica
Para a elaboración da cita bibliográfica pódense empregar diferentes sistemas (norma ISO 690, APA, MLA, etc.). Minerva, seguindo as indicacións das Directrices DRIVER 2.0, recomenda a utilización do estilo APA, pero sen incorporar estilos tipográficos como grosas, cursivas, etc.

  • Artigos de revista: Apelido(s), Nome. (Ano). Título do artigo. “Título da publicación seriada”, volume, número, páxinas.

Exemplo: Romero, M.I., Amigo, J. (2009). Una nueva Commelinaceae invasora en Galicia. “Nova Acta Científica Compostelana (Bioloxía)”, vol. 18 , 111-113

  • Capítulos de libros: Apelido(s), Nome. (Ano). Título do capítulo. En: Editor(es) da obra completa. “Título da obra” (páx. do capítulo). Lugar de publicación: Editorial.

​Exemplo: Álvarez de la Granja, M. (2008). Os antropónimos figurados valorativos. Caracterización e uso (I). En: “Cada palabra pesaba, cada palabra medía : homenaxe a Antón Santamarina” (pp.55-64). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela

  • Comunicacións presentadas en congresos, conferencias, etc. Apelido(s), Nome. (Ano). Título da achega. En.: “Título do Congreso”. Número de edición. (páx. da contribución). Lugar de publicación: Editorial.

Exemplo: García Santiago, J. (1992). O padroado da cultura galega. En: “Congresso Internacional de Língua Galego-Portuguesa na Galiza”, (Vigo, 1990) (pp. 153-156). A Coruña: AGAL

Idioma* (Campo obrigatorio) 
Seleccione do menú despregable a lingua principal do texto.

Resumo 
Introduza na caixa de texto unha breve descrición do contido do documento na lingua principal do mesmo. Non hai un límite de lonxitude, pero entre 150 e 300 palabras sería o adecuado. Pode incorporar o resumo noutras linguas: aínda que non é obrigatorio, multiplica as posibilidades de recuperar o documento. Cada resumo debe aparecer nunha caixa de texto (utilice o botón Engadir máis para cada novo resumo que desexe incluír).

Descrición
Este é un campo de texto libre onde pode recoller información que non ten cabida noutros epígrafes, pero se considera de interese. Por exemplo:

  • Descrición física do documento (nº de páxinas, ilustracións, gráficos, material complementario).
  • Información adicional sobre a/s Persoa/s autora/s.
  • Información sobre a presentación do traballo (nome, lugar e data do congreso, conferencia, xornada, seminario, etc.).
  • Requirimentos de software.
  • Información sobre o título, ou sección do libro ao que pertence o traballo.
  • Fórmula sobre copyright definida polo editor cando así o esixe a súa política de permisos, por exemplo.: “This is the author’s version of the work. The definitive version was published in [title, vol., n., date], available online at: http://doi.acm.org/10.1145/nnn.nnn”.

Palabras chave
Introduza todas as palabras chave precisas para describir o contido do documento. É moi importante elixir axeitadamente estes termos, xa que son a base para a busca por materias. Cantos máis termos se utilicen máis posibilidades hai de que se atope o documento. Pode introducir as palabras chave na lingua que desexe ou en varias linguas, pero cada palabra debe ir nunha caixa de texto. Para engadir máis cadros de texto prema en Engadir máis. Empregue maiúsculas só para as letras iniciais.

Clasificación da UNESCO

Seleccione os termos un a un. Prema na caixa de busca e abrirase unha ventá onde localizar cada materia a partir da árbore xerárquica que se amosa.

Clasificación UNESCO

Tipo de versión
Elixa no despregable o valor correspondente á versión ou situación do traballo no proceso de publicación: se o artigo foi enviado ao/á editor/a (preprint), se inclúe as modificacións propostas polas persoas revisoras (postprint), ou se é a versión final publicada polo/a editor/a.

As equivalencias en galego dos termos en inglés son:

Versión do documento

Revisión por pares
Para traballos publicados previamente e que pasaron avaliación por parte de persoas expertas elixa a opción 'Si' no despregable. En caso de versións preprint de artigos, seleccione 'Non'.

Dereitos de acceso* (Campo obrigatorio)
Este campo fai referencia aos permisos de acceso aos ficheiros, e debe elixirse a opción axeitada en cada caso.
- Seleccione a opción “open access” cando o texto completo que se vai depositar permite a súa lectura, descarga, enlace e impresión.
- Seleccione a opción “embargoed access” cando a versión que o/a editor/a permite depositar no repositorio está suxeita a un período de embargo e polo tanto o PDF debe estar oculto durante algún tempo. O arquivo será accesible automaticamente unha vez superada a data límite do embargo.
- Seleccione a opción “restricted access” no caso de que os dereitos de propiedade intelectual foran cedidos indefinidamente.

IMPORTANTE: Teña en conta que para establecer unha data de embargo ao ficheiro, e que permaneza oculto, debe introducila na sección de edición de arquivos do formulario. Explícase o procedemento no apartado Subir arquivos.

Dereitos de uso 
Cando o documento xa está publicado e os dereitos de explotación pertencen a terceiras persoas é preciso informar desta circunstancia. Introduza información sobre o/a propietario/a dos dereitos. 

Exemplo: © 2024 The Authors. Ecology and Evolution published by John Wiley & Sons Ltd. This is an open access article under the terms of the Creative Commons Attribution License, which permits use, distribution and reproduction in any medium, provided the original work is properly cited.

Se non ten os dereitos cedidos é conveniente que os protexa cunha licenza Creative Commons. Pode construíla nos últimos apartados do formulario, antes de completar o envío. Se selecciona unha licenza CC non é necesario que encha o campo Dereitos de uso, que quedará cuberto coa información que proporcione no apartado correspondente.

Patrocinadores/as
Introduza o nome da persoa ou institución que financia ou patrocina o desenvolvemento do traballo. Prema en Engadir máis para cada novo/a patrocinador/a que desexe incluír.
Proxectos de investigación
Este campo é obrigatorio cando o proxecto foi financiado por algún programa da Comisión Europea ou polo Goberno de España (FP7, H2020, ERC, AEI, MINECO, etc.). Este dato permite tamén verificar o grao de cumprimento dos traballos afectados por mandatos de acceso aberto e ser recollidos pola plataforma da Comisión Europea OpenAire e pola da FECYT.

Minerva permite recuperar o nome formal do acordo en caso de que estea rexistrado en OpenAIRE ou na FECYT. Introduza o número de acordo (na sección de agradecementos -Acknowledgments- ou de financiación -Funding- do documento) e escolla a opción que corresponda entre os resultados que devolve Minerva. Prema en Engadir máis para cada novo proxecto que desexe incluír. 

Proxectos de investigación

No caso de que non se poida recuperar de xeito automático haberá que redactalo tal e como indican as instrucións que aparecen baixo a caixa, co seguinte formato:

  • Comisión Europea: info:eu-repo/grantAgreement/EC/FP7/number of agreement.
  • Comisión Europea: info:eu-repo/grantAgreement/EC/H2020/number of agreement.
  • Goberno de España: info:eu-repo/grantAgreement/AEI/Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2017-2020/PID2019-108624RB-I00/ES/HERRAMIENTAS BASADAS EN METALES PARA SU USO EN QUIMICA BIOLOGICA Y BIOMEDICINA. DESARROLLO DE NUEVAS ESTRATEGIAS ANTICANCER.
  • Goberno de España: info:eu-repo/grantAgreement/AEI/Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2017-2020/PID2019-110385GB-I00/ES/NUEVOS METODOS DE SINTESIS QUIMICA MEDIANTE LA FUNCIONALIZACION DE ENLACES C-H CON CATALIZADORES METALICOS.

Políticas Sherpa

Nesta sección pode consultar a política editorial asociada ao ISSN da revista na base de datos Sherpa Romeo. Para lanzar a consulta, ten que estar cuberto o campo ISSN do formulario.

Se non existisen datos asociados ao ISSN consultado amosarase a mensaxe No results found. Os datos actualízanse dinamicamente (requírense varios segundos), mais podemos relanzar a consulta sobre a base de datos premendo no botón Refrescar.

Se na base de datos existe información asociada ao ISSN consultado, nesta sección amosaranse varios apartados:

En Información da Publicación temos os datos identificativos (Título, Editor, URL, etc.).

Sherpa Romeo - información da publicación

No primeiro apartado Política editorial amósase información sobre a política editorial asociada ao título consultado. Para expandir ou contraer a información de cada subapartado, prema na icona despregable correspondente.

Política editorial

É recomendable consultar tamén as ligazóns proporcionadas para ampliar información (no exemplo: Self-Archiving Policy e Accepted manuscript terms of use) antes de continuar co envío.

No segundo apartado Política editorial amósase información adicional sobre a política editorial asociada ao título consultado. Pode expandir a información na icona despregable.

Política editorial 2

É recomendable consultar a ligazón dispoñible neste apartado (no exemplo: Open Choice) antes de continuar co envío.

No apartado Información do rexistro están os datos do rexistro asociado ao ISSN consultado, incluída a URI desde a que se pode consultar toda a información anterior directamente na base de datos Sherpa Romeo.

Sherpa Romeo - Información do rexistro

IMPORTANTE: De non atopar información nesta fonte (ou trala consulta en Dulcinea para revistas españolas), é preciso solicitar autorización expresa á editorial para depositar o traballo en Minerva, mencionando explicitamente fins e usos, e expoñendo tamén baixo que licenza CC se pode realizar a súa difusión no repositorio. Achegamos formularios de solicitude en galego, castelán e inglés.

Lembre que se é coautor ou coautora dun traballo precisa do permiso dos/as demais coautores/as para depositalo no repositorio. Pode descargar un formulario modelo, tamén en galego, castelán e inglés.

Subir arquivos

Na sección Subir arquivos verá os ficheiros xa incorporados, ou pode engadilos se non o fixo cando iniciou o depósito. Tamén pode incorporar material adicional, simplemente arrastrando e soltando en calquera lugar da páxina do formulario.

Desde este menú pode introducir unha data de embargo ao ficheiro. Para iso, prema no botón de edición.

Editar ficheiro

Na seguinte pantalla debe activar primeiro un Tipo de condición de acceso no menú despregable. Elixa a opción "embargo" e estableza a data a partir da cal o ficheiro poderá ser consultado en Permitir acceso desde.

Embargo

Introduza o valor '9999-01-01' se o ficheiro non está dispoñible para a súa consulta.

Cando un/ha usuario/a non ten permisos de lectura sobre un ficheiro, amósase un cadeado asociado a este na páxina de visualización do ítem. Pode poñerse en contacto co/a autor/a do traballo para solicitar unha copia privada se preme no cadeado e enche o formulario que se abre a continuación.

Solicitar copia

Solicitar copia

Licenzas e completar envío

ASIGNAR LICENZA CREATIVE COMMONS

Se vostede é titular dos dereitos ou ten autorización expresa do/a titular pode elixir una licenza Creative Commons para protexer os seus dereitos de autor/a e indicar como desexa compartir a información, as condicións de uso e de distribución. Seleccione as opcións que correspondan para construír a licenza:

CC

Para que a licenza quede asociada ao documento marque a opción Otorgou a licenza de arriba.

 

ACEPTAR LICENZA DE DEPÓSITO

Para finalizar o envío hai que aceptar a licenza que permitirá distribuír publicamente a través de Minerva o documento depositado. Coa concesión desta licenza non exclusiva, as persoas autoras continúan a ter todos os dereitos de autoría e, polo tanto, poden facer uso do traballo depositado como estimen oportuno (difundir noutros repositorios, publicar en medios comerciais, etc.). 
Lea as condicións da licenza e marque a opción Confirmo a licenza para completar o envío.

 

COMPLETAR ENVÍO

Cando complete todos os metadatos prema no botón +Depositar para finalizar o envío.

Botón Depositar

O sistema informará se faltasen campos obrigatorios por encher.

Faltan campos