En palabras de Ana Boullón Agrelo na presentación do Día das Letras na páxina web da RAG "A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica)".
As mulleres mencionadas constitúen a punta do iceberg do colectivo moito máis amplo das cantareiras, protagonistas da transmisión oral da poesía popular en Galicia.
Como cada ano, a Biblioteca universitaria participa activamente na difusión das figuras homenaxeadas neste Día coa elaboración dunha bibliografía específica baseada non seus fondos. Neste caso, a bibliografía dedicada a cantareiras e pandeireteiras é sucinta -e aínda máis escasa no que atinxe ás figuras das seis cantareiras seleccionadas-, se ben cómpre recordar que os nomes e datos sobre moitas delas poden localizarse espallados en varios dos cancioneiros galegos publicados.
A bibliografía que se inclúe nesta guía organizouse, por esta razón, en tres apartados: o primeiro contén traballos sobre cantareiras e pandeireteiras; o segundo reúne cancioneiros galegos xunto con outras contribucións que ofrecen mostras da poesía galega de tradición oral; e no terceiro ofrécese unha escolma de traballos que versan sobre a poesía popular oral.
Proporcionamos na guía algúns recursos complementarios, como o repositorio dixital do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego (APOI), que brinda a posibilidade de acceder axilmente ás persoas informantes e ás composicións rexistradas en diversas coleccións, como o Cancioneiro popular galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. A recensión das bases de datos quere contribuír a paliar a precariedade bibliográfica que afecta en particular ás cantareiras.
Ofrecemos, finalmente, unha serie de recursos audiovisuais que dan testemuño da vitalidade e relevancia onte e hoxe da poesía oral e do mundo das cantareiras e pandeireteiras.