Ir ao contido principal

Letras Galegas 2025 - As cantareiras e a poesía popular oral

BASES DE DATOS

 

ARQUIVO DO PATRIMONIO ORAL DA IDENTIDADE (APOI). Museo do Pobo Galego

O Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), do Museo do Pobo Galego, permite acceder a documentos sonoros e visuais procedentes das coleccións de patrimonio inmaterial do Museo así como a unha completa información sobre cada un deles. Desde a pestana Explorar pódense recuperar as persoas informantes e acceder as pezas asociadas con elas. As pezas poden ser recuperadas tamén por Coleccións, entre as cales salienta, polo número de rexistros asociados, a colección Schubarth-Santamarina. Desde a pestana Información, apartado Biografías, pódese acceder a información biográfica das informantes, e, polo tanto, a datos biográficos sobre multitude de cantareiras.

 

MAPA SONORO DE GALICIA. Consello da Cultura Galega

O Mapa Sonoro de Galicia é un proxecto do Consello da Cultura Galega que ofrece "unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras xa custodiadas pola institución ou por outras entidades e particulares".

No Mapa Sonoro poden localizarse xeograficamente pezas recollidas en diversos cancioneiros galegos así como información máis detallada que inclúe letras, partituras ou informantes de cada unha das pezas.

 

FONS DE MÚSICA TRADICIONAL, FMT. CSIC-Institució Milá i Fontanals de Recerca en Humanitat, Barcelona)

A plataforma dixital FMT permite acceder aos fondos dixitalizados do arquivo físico da Institució Milà i Fontanals de Recerca en Humanitats (IMF-CSIC) de Barcelona, con máis de 25.000 melodías copiadas en papel, recompiladas entre 1944 e 1960 por toda España a través de 65 “misións folclóricas”, así como a 62 cadernos recollidos a través de concursos organizados polo antigo Instituto Español de Musicología do CSIC en Barcelona. A plataforma está a incorporar outras coleccións de música tradicional de diversa procedencia.

A partir da palabra "Galicia" poden recuperarse desde o buscador da plataforma documentos das compilacións realizadas polas misións folclóricas en Galicia, entre os cales se inclúen manuscritos con partituras e letras, nalgúns casos con nomes de informantes.

 

LOMAX DIGITAL ARCHIVE

Colección audiovisual de material gravado polo folklorista Alan Lomax (1915-2002) e o seu pai John A. Lomax (1867-1948) ao longo de sete décadas en países dos cinco continentes. Os resultados obtidos a partir dunha busca na base de datos pola palabra clave "Galicia" permiten facer unha discriminación polas persoas intérpretes e acceder ao audio ou audios asociados así como a datos sobre as gravacións.