Unha vez rematados os estudos primarios e facer os exames pertinentes, o xove Francisco Fernández del Riego, despois dun primeiro curso en Madrid, trasládase a Compostela no ano 1931. Previamente, na estadía madrileña, tivo relación con outros galegos residentes na cidade e seguiu con esa voracidade lectora que iniciou na súa nenez. Nestes tempos composteláns, cítase que unha das lecturas que vai conformando o seu espírito galeguista foi Teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco.

Como ben sabemos, Fernández del Riego mergullouse ben cedo na vida universitaria, tendo unha participación moi activa en diversos actos e publicacións de carácter galeguista. Despois de significarse como representante do estudantado na FUE, aparece como un dos asinantes do manifesto que Ricardo Carvalho Calero redacta e publica nas páxinas de El Pueblo Gallego o 13 de marzo do 1933. Desta publicación falamos no noso blog das Letras adicado a Ricardo Carvalho Calero no post Un limiar para un blog e unha lembranza do ano 1933 (reproducimos a imaxe tirada de Galiciana).
Á súa actividade veuse coroada ao ser escollido polos compañeiros da FUE para facer a lectura do do discurso de inicio de curso no ano 1933-34. As compañeiras da Biblioteca de Xeografía e Historia contaron moi pormenorizadamente no seu Intagram este feito, partindo tamén do libro homenaxe a del Riego que publicou a nosa Universidade no ano 2013, Sementar os ares novos : homenaxe da Universidade de Santiago de Compostela a Francisco Fernández del Riego no centenario do seu nacemento e no oitenta aniversario do seu discurso inaugural do curso 1933-34.. Neste 2023, e cumprindo unha década máis, publicouse tamén por parte da Universidade o volume Sementar os ares novos: a galeguización da Universidade durante a II República: o papel de Francisco Fernández del Riego, a cargo do catedrático da USC Henrique Monteagudo Montero.
Pero voltemos ao discurso daquel, xa algo lonxe no tempo, do inicio de curso. Temos na BUSC un exemplar deste discurso. Velaquí o temos.


Un apuntamento máis: neses primeiros anos composteláns, ademáis desta representatividade coa FUE,cultiva tamén a súa vocación literaria colaborando (e dirixindo segundo o seu propio testemuño) a revista de creación e opinión Universitarios,onde fai unha decidida aposta polo emprego da lingua. Desta revista, da que contamos cunha edición facsimilar, amosamos a colaboración de Fernández del Riego nun artigo dedicado a Prisciliano e unha imaxe da coberta , con ilustración de Seoane:

0 Comentarios.