1913 | O 7 de xaneiro nace en Vilanova de Lourenzá. |
---|---|
1927 | Despois de estudar na escola unitaria de Vilanova, ingresa no Colexio dos Escolapios de Monforte onde permanecerá tres anos e onde realiza os primeiros traballos literarios na revista escolar Páginas Calasancias e no semanario mindoniense Vallibria. |
1930 | Aproba a reválida na Universidade de Santiago de Compostela e inicia a carreira de Dereito na Universidade Central de Madrid. Aquí desenvolve un forte activismo a prol dos dereitos dos estudantes e comeza a militar na causa do galeguismo. |
1931 | Xunto co seu amigo Carlos Rodríguez Alonso, redacta, imprime e distribúe un manifesto galeguista para o 25 de xullo en Lourenzá. Este ano trasládase coa familia a Santiago de Compostela, onde prosigue os estudos de Dereito e Filosofía e Letras ao tempo que se introduce no ambiente político e intelectual do nacionalismo. |
1932-1935 | Nestes anos coñece a Ricardo Carvalho Calero e estreita relacións cos persoeiros mais comprometidos cultural e politicamente como Sebastián García Paz, Antonio Fraguas ou Anxel Casal. Incorpórase ao Partido Galeguista logo da súa fundación e frecuenta o Seminario de Estudos Galegos. Publica habitualmente en El Pueblo Gallego, Heraldo de Galicia, Alento, Guieiro, Nós.... incluso dirixe temporalmente A Nosa Terra ata que toma as rendas Aquilino Iglesia Alvariño. |
1936-1939 | Coa Guerra Civil chega a inhabilitación para exercer como docente. É cesado como profesor universitario e pasa agochado algún tempo ata que decide incorporarse ao exército sublevado para salvar a vida. Pasará por varios destinos. |
1940- | En decembro, satisfeito o cargo económico, péchase o expediente que lle abrira o Tribunal de Responsabilidades Políticas, coa sanción de tres anos e un día de inhabilitación especial para o desempeño de cargos públicos de mando, confianza e directivos. Neste ano casa con Evelina Hervella Nieto (1908-2007) e instálanse en Vigo onde da clases de literatura e filosofía no colexio Mezquita. Tamén colabora, sempre dende o anonimato ou evitando o seu segundo apelido, en publicacións tan variadas como Industrias pesqueras (por mediación de Valentín Paz Andrade), a revista dos farmacéuticos de Vigo ou a revista deportiva Imán. |
1949 | Publica o seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito, editado pola Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires. Neste tempo coordina as emisións en galego da BBC de Londres e colabora no xornal compostelán La Noche onde xunto a Xaime Isla iniciará un suplemento cultural de curta vida xa que será pechado en xaneiro de 1950 por decisión gobernativa tras un número dedicado a Castelao. |
1950 | Xunto con Isla Couto decide constituir unha sociedade anónima, Galaxia S.A., que recibe numerosas adhesións tanto de Galicia como de América. A xunta directiva estaba presidida por Ramón Otero Pedrayo, e con Ramón Piñeiro iniciará os traballos do primeiro número da Colección Grial que so duraría catro entregas. Xunto con Piñeiro e Isla Couto será un dos principais impulsores da Editorial Galaxia, empresa que liderou o proceso de restauración cultural na posguerra. |
1951 | Publica a Historia de la Literatura Gallega (anos despois será traducida ao galego) que se suma ao seu labor de confección de manuais divulgativos relacionados coa nosa cultura. |
1960 | Elixido membro correspondente da Real Academia Galega en 1948, será nomeado membro numerario en 1960. O seu discurso de aceptación, Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores, terá resposta de Ricardo Calvalho Calero. |
1963 | Iníciase a publicación, xunto con Ramón Piñeiro, da revista Grial, Revista Galega de Cultura, que aínda continúa publicándose na actualidade. Tamén neste ano participa na fundación clandestina do Partido Socialista Galego e na creación da Biblioteca Penzol en Vigo, que se enriquecerá anos despois coa cesión da súa biblioteca e pinacoteca persoais e da que estará ao fronte ata os seus últimos días. Neste ano propón á RAG, xunto con Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román, a creación do Día das Letras Galegas vencellado á data de publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía e o seu centenario. |
1970-1980 | Nestes anos desenvolve unha tremenda actividade de participación en todo tipo de iniciativas culturais colaborando con todo tipo de entidades e fundacións como a RAG, Museo do Pobo Galego, Padroado Rosalía de Castro ou Fundación Otero Pedrayo. Publica libros dedicados ás figuras homenaxeadas nas Letras Galegas, traducións, colaboracións en forma de prólogos, etc. A década remata co recoñecemento da súa traxectoria co Pedrón de Ouro. |
1981-1996 | Continúa o labor divulgativo, a petición da RAG, dos autores vencellados ás Letras Galegas como Vicente Risco ou Anxel Casal. Nestes anos tamén presenta en Grial (n. 87) un adianto da súa novela O cego de Pumardedón que se publicará no 92. |
1997- | Accede á presidencia da RAG na que permanece ata 2001 promovendo a súa modernización e achegamento á sociedade. Se suceden os recoñecementos como a Medalla de Ouro da cidade de Vigo, o premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo, primeiro Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela, Premio Entreculturas, Premio Voces de Liberdade do PEN Clube de Galicia, etc. |
2010 | Na medida que lle permitía a súa saúde, continuou traballando practicamente ata o seu falecemento, que tivo lugar o 26 de novembro no seu domicilio en Vigo. As súas cinzas foron depositadas no cemiterio de San Pedro en Nigrán a carón das da súa dona Evelina. |