O noso primeiro post deste blog das Letras dedicado a Francisco Fernández del Riego vai tamén polo principio, polos inicios da escrita e da lectura. Conta Héctor Cajaraville na súa biografía de Fernández del Riego que foi "un neno afortunado", apostillando o que comentaba o propio don Paco sobre o seu nacemento "un regalo de Reis un tanto atrasado", dado que naceu un 7 de xaneiro. A eses primeiros anos de nenez feliz segue o bacharelato monfortino, onde xa se manifesta o seu interese polas polo cinema e pola lectura, tanto é así que decotío lia de noite, a luz dunha candea.
E cales eran as lecturas deste neno? Segundo Ramón Nicolás, del Riego "lembraba nas súas memorias as pegadas que os libros de contos da editorial Calleja deixaron nel, alén doutras voces clásicas como Swift, os irmáns Grimm, Twain, Salgari ou Julio Verne" .(p.17). Cabería engadir, seguindo o que sinala Cajaraville, tamén a Kipling ou Stevenson. Imos intentar "reconstruir" esa primeira biblioteca a partires dos fondos da BUSC, tendo en conta os anos de publicación e a posibilidade de que estiveran no mercado neses anos.
Comencemos por Andersen e Kilping: as dúas edicións que temos, ambas na Biblioteca Lago, son respectivamente, dos Cuentos e de El libro de las tierras vírgenes,con signaturas L2120 e L2109:


Daqueles "Juguetes instructivos" que publicaba a editorial Calleja, e que eran moi do gusto deste neno lector, podemos recuperar a colección grazas á dixitalización doada polo ilustrador Alberto Urdiales á Universidade Complutense e aloxada na súa páxina Patrimonio Digital Complutense.

Dúas edicións de dúas obras de Stevenson pertencentes á biblioteca persoal de Valle-Inclán, en depósito na BUSC. Trátanse de Aventuras de un mayorazgo escocés (1929) e Las tribulaciones de un joven indolente.

E unha cousa que, de seguro, emocionou ao neno lector é esa viaxe inmensa e submariña que, da man da mente de Julio Verne, levaba ata o incendio duns galeóns en Vigo. Na edición que temos na BUSC, da editorial Sáez de Jubera Hermanos e publicado arredor de 1900, o ilustrador (sen identificar) viu asi tal acontecemento.

Xa postos a facer "biblioteca-ficción", non resistimos a poñer un fragmento da biblioteca que o capitán Nemo reunira no Nautilus e que, sen dúbida, faría as delicias deste meniño lector. Ao mellor podería ser a primeira vez que lía referencias sobre autores como Rabelais ou Jenofonte. E, que imos decir nós: subliñamos tamén esa defensa da necesidade dos textos científicos como referentes para o estudo e o traballo (algo así como nas bibliotecas universitarias :) .


0 Comentarios.