Ir ao contido principal

Letras Galegas 2021 - Xela Arias

Xela en Vigo

Xela en Vigo, O Castro

Xela, nena, iniciando o seu camiñar na vida

Cronoloxía

1962 Nace en Sarria onde a inscriben como María de los Ángeles,  o 4 de marzo filla de Valentín Arias López e Amparo Castaño López.
  Entre os catro e os sete anos medra en galego e comeza á súa formación na Granxa de Barreiros e no Colexio Fingoi.
1969 A familia muda a Vigo polo cambio de destino de seu pai, mestre.
1976 Ingresa no Instituto Castelao do barrio do Calvario.
1979 Finalizado o COU abandona os estudos e comeza a traballar en Edicións Xerais de Galicia onde nos anos noventa é correctora de estilo e editora das coleccións Xerais Universitaria e Biblioteca de Autores Galegos.
1980 Comeza a publicar en xornais  e revistas como A Nosa Terra, Diario 16 de Galicia, Faro de VigoDornaLuzes de Galiza ou Festa da Palabra Silenciada. Nestes anos desenvolve un crecente activismo cívico en organizacións como Greenpeace, participando asiduamente en actos e recitais de marcado compromiso social e político como a saída de España da OTAN, contra a Guerra de Iraq ou con Burla Negra en solidariedade cos afectados do afundimento do Prestige
1984 Muda por primeira vez oficialmente de nome pasando a ser María dos Anxos.
1986 Ingresa na Asociación de Escritores en Lingua Galega. Neste ano recibe o premio de tradución da Sociedade da Lingua Portuguesa por Amor de Perdición de Camilo Castelo Branco. Tamén é finalista aos premios Antón Losada Diéguez coa súa primeira obra, Denuncia do equilibrio e ao Esquío de Poesía con Lili sen pistolas.
1991 Decide retomar os seus estudos e inicia na Universidade de Vigo a carreira de Filoloxía Hispánica
1992 Casa con fotografo e matemático Xulio Gil Rodríguez con quen comparte proxectos como Tigres coma cabalos
1993 Publica a tradución de O derradeiro dos mohicanos de James Fenimore Cooper que lle valerá o premio Ramón Cabanillas. Na súa faceta de tradutora formará parte do consello de redacción de Viceversa que promove tamén a biblioteca virtual BIVIR, na que se publicarán algúns dos seus últimos traballos
1994 Nace o seu fillo Darío a quen dedicará o libro Darío a diario.
1995 Acada xudicialmente o definitivo cambio de nome pasando a ser oficialmente Xela, o nome ao que respondeu dende cativa.
1996 Obtén a licenciatura pola Universidade de Santiago de Compostela e inicia a especialidade en galego-portugués
1999 Inicia un periplo de substitucións como profesora de instituto de lingua e literatura castelá que a leva de Santa Comba a Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo, etc.
2003 Falece inesperadamente dun infarto en Vigo onde será soterrada. En anos sucesivos se lle dedicarán rúas (Culleredo), instalacións culturais (biblioteca  municipal de Chapela) e premios como o instaurado en 2018 pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación e que recoñece o seu labor neste eido. Postumamente obterá o Premio Plácido Castro 2004 pola tradución de Spleen de París de Baudelaire.