Ir ao contido principal

Letras Galegas 2002 - Frei Martín Sarmiento

Martín Sarmiento e a Ilustración

Martín Sarmiento e a Ilustración

Un Apunte Biográfico

Se ben Sarmiento nace en Vilafranca do Bierzo (1695), comarca pertencente á antiga Gallaecia, pero daquela situada fóra da administración de Galicia, o seu pai, Alonso García de Seraxe, da familia Gosende, era da Terra de Montes (Cerdedo, Pontevedra) e a súa nai, Clara Balboa de Sarmiento, era natural de Samos, provincia de Lugo. Alonso García, en calidade de mestre de obras, foi solicitado polos Marqueses de Medina-Sidonia para dirixir as obras da Colexiata e do Marquesado en Vilafranca. Casan no 1682 e nesa vila nacen os seus tres irmás maiores (José Antonio, Alonso Antonio e María Bernarda Josefa). No 1695, cando a súa nai tiña xa 45 anos, nace Pedro José (logo Martín Sarmiento), a quen lle impoñen unha ringleira de apelidos: García de Seraxe, Balboa, López de Figueroa, Gosende, Sarmiento, Quiroga, Lorenzo. Aos catro meses de idade do seu nacemento, a familia García-Balboa trasládase a Pontevedra (o seu pai fora nomeado correo maior de Santiago). Alí nacerán os seus irmáns pequenos (Rosa e Francisco Xavier), polos que Sarmiento sentirá unha especial predilección, sobre todo por F. Xavier. A Pedro José familiarmente chamábanlle Perucho.

Frei Martín Sarmiento Pasa a súa infancia en Pontevedra, ata os quince anos. Aprende as primeiras letras e a doutrina cristiá (semella que quería saber de memoria a Biblia). Cando contaba sete anos aconteceu a batalla de Rande na que a armada inglesa queima a armada española no embude da ría de Vigo. Esta data quedará marcada na mente de Sarmiento ao ter que se refuxiar nun convento de monxas en Tenorio. Acode á escola do Colexio da Compañía. Dos seus mestres gardará un recordo negativo: falaban español, mentres que el, e a meirande parte dos nenos, falaban o galego que aprenderan nos seus fogares (esta experiencia negativa levarao de maduro a defender - como se se tratara dun principio pedagóxico irrenunciábel- a necesidade de ensinarlles aos nenos na súa propia lingua materna). Durante ese mesmo tempo, entre os sete e os catorce anos, estudia arte no mosteiro de Lérez, onde Feijoo actuaba como pasante e lector. Aquí coñece a Feijoo, co que posteriormente establecerá fondas relacións de amizade, de colaboración e mesmo de defensa.

Aos quince anos de idade, en 1710, parte cara o convento de San Martín de Madrid, coa finalidade de realizar o noviciado na Orde de S. Bieito, profesando na mesma en maio de 1711. E de Madrid a Irache (Navarra, 1711-14) para estudiar artes e filosofía; a Salamanca (1716-17) para estudiar Teoloxía no convento de S. Vicente. Semella que nestas datas é cando adopta o nome de Martín Sarmiento (o segundo apelido materno, Sarmiento, e o nome do patrono do mosteiro de Madrid). No 1717 proba como pasante no mosteiro de Eslonza (León); en novembro de 1720 iníciase como docente e predicador no convento de Celorio, pasando logo ao convento de S. Vicente (Oviedo), entre 1723-25, onde se atopa con Feijoo, co que está unido mediante unha grande amizade, que nin o tempo nin a distancia serán capaces de desfacer.

No 1725 remata a súa estadía en Oviedo e retorna a Madrid facendo un periplo que pasa por Luarca, Ribadeo, Mondoñedo, Betanzos, A Coruña, Santiago, Pontevedra (para visitar a súa nai, de 75 anos), Tui, Ourense, León, Madrid. Desde ese ano residirá permanentemente en Madrid, agás dunha estadía de quince meses en Toledo (febreiro de 1726 a maio de 1727). En 1745 (12-23 de maio), por mor da asistencia ao Capítulo Xeral de Valladolid, aproveita a ocasión para volver novamente a Galicia (sete meses). Sarmiento cumprira os cincuenta anos. En 1753, aos 58 anos, relata en carta ao Duque de Medina-Sidonia con bastante repugnancia unha xornada en Valladolid (por mor do Capítulo Xeral): "...y así salió ello, pues me estaba esperando allí una escalera para medirme un brazo y el último eslabón del espinazo. Caí coram Deo in conspectu solis, y a vista de tres generales y de otros monjes. Di un grito que se pudo oir en Aranjuez. Todos quedaron aturdidos y yo estropeado. Hice de enfermo ocho días y aún continúo (...) para servir a Usted y gracias a Dios por todo y le ruego perdone a los que inventaron los capítulos generales para sacar a los religiosos de su celda".

Entre 1754-55, cando cumprira os 59 anos, volve por última vez a Galicia, durante 18 meses. A final de novembro de 1755 retorna a Madrid, recluíndose na súa cela, da que xa non sairá ata a súa morte. Esta etapa de doce anos vaise caracterizar pola súa actividade intelectual. Aos 67 anos (1762) confesa que non saiu da súa casa nin da súa cela desde hai quince meses; aos 70, relata que "xa hai catro anos que non saio do curruncho da miña cela"; que xa non pode dar razón dos papeis que ten sobre a mesa, porque están amontoados e confusos. Aos 75 confesa o seu ocaso: "Xa non vexo, nin oio, nin me podo mover dunha cadeira. Xa perdín o uso de escribir como consta polos garabatos e borróns desta carta".

O 7 de decembro de 1772 falece en Madrid aos 77 anos "de sólo enfermedad natural de vejez y caducidad, a que había dado principio tres años antes, sin que se hubiese sujetado a médicos ni boticarios". Celebráronlle exequias moi solemnes na igrexa do mosteiro de S. Martín e foi enterrado na capela do Santo Cristo. Durante o reinado de José Bonaparte (o alcumado "Pepe Botella") a igrexa foi demolida (1809). Os seus restos mortais foron trasladados á nova parroquia de San Martín, sita na rúa da Luna; derrubada esta no 1812, os seus restos foron trasladados ás bóvedas das casas consistoriais. No 1813 o Concello remite un oficio ao párroco de S. Martín para que trasladara as cinzas de Sarmiento ao cemiterio do distrito de dita parroquia, "executándose con decoro y magnificencia correspondiente a los héroes de quien son las cenizas", depositándoas en novembro do mesmo ano na bóveda da igrexa de S. Martín, mentres non se rematara a habilitación dun dos panteóns do cemiterio. A partir destas datas pérdense as noticias sobre o lugar de repouso dos restos mortais de Sarmiento.

Personalidade e perfil estilístico

Entre os autores que constitúen a nómina de ilustrados en Galicia, e fóra de Galicia, se algún merece realmente a cualificación de ilustrado -en canto sinónimo de home culto no sentido máis amplo do termo, e en canto indagador da verdade en múltiples eidos- ese é Sarmiento. Á vista da súa obra, polifacética e polivalente, pódese afirmar que case ningunha das ramas do saber cultivadas ao longo da historia e na súa propia época vital lle foi allea. Abondan para confirmalo as seguintes referencias. Primeira: un simple reconto dos escritos recollidos na Colección Medina-Sidonia, agrupados por temas, daríannos a seguinte relación, de máis a menos: estudios de botánica, de tipo etimolóxico, xeográfico, histórico, bibliófilo, de códices e catálogos; estudios médicos, apoloxéticos, de privilexios e foros, de inscricións e heráldicos, xeolóxicos, viarios, léxicos, de romances, poéticos, matemáticos, numismáticos, mitolóxicos, e de curiosidades varias. Como sostén X. Filgueira "poucos escritores do seu século escribiron máis; ningún publicou menos". Os manuscritos comprenden douscentos cincuenta títulos de Xeografía, Historia, Arqueoloxía, Numismática, Artes, Filoloxía, Literatura, Bibliografía, Ciencias, Matemáticas, Físicas, ciencias da Natureza, Medicina, Socioloxía, etc. En segundo lugar, as Actas do Congreso Internacional sobre O Padre Sarmiento e o seu tempo (1995), por mor do tricentenario do seu nacemento, evidencian o que estamos a dicir verbo da pluralidade temática, en dous grandes bloques (I: Historia e ciencias sociais; II: Lingua, folclore, educación). Unha terceira referencia ven dada polo Epistolario de M. Sarmiento (X.Filgueira/M.X.Fortes, 1995) que recompila 208 cartas conservadas (outras moitas se perderon), en orde cronolóxica, distribuídas en tres apartados: 1) Familiares, dirixidas ao seu irmán Xavier, a meirande parte delas, e a outros familiares; 2) dirixidas a entidades e autoridades; 3) de carácter erudito e varias (destacando sobre todo as dirixidas ao Duque de Medina-Sidonia). En conxunto, un copioso acervo de datos sobre as ciencias da natureza, das memorias históricas, da filoloxía, da vida, etc. X.Ferro (1997), partindo dos contidos das cartas, organízaas en: feitos que testemuña; a vida na súa cela; o seu amor a Galicia; a loita contra a pedantería e os abusos; a lingua galega; o clero; os achaques e o ocaso.

E unha última referencia confirma neste caso, non os temas tratados, senón máis ben o interese de Sarmiento pola información, polos libros. A través dos libros que posuía na súa cela a tradición filosófica está representada por: Aristóteles e a escolástica (S. Agostiño, R. Bacon, Ockham); Renacemento e filosofía española; racionalismo (Descartes e novatores); empirismo (Locke); Ilustración etc. E verbo do Catálogo de autores de quienes yo tengo libros amosa Sarmiento unha grande variedade de temas e de autores aos que presta atención e estudia (P. Allegue/A. Barbazán, 1997, I, 46-63).

Con toda esta amplitude de temas e de intereses; con todo este potencial documental, centrándonos xa no aspecto máis específico ou concreto da Ilustración española, M. Sarmiento -o mesmo que o seu mestre Feijoo- reforza a crenza na razón e na capacidade trnasformadora da educación. Desde esta óptica racional, teórico-práctica e educativa, encádrase no marco preciso da Ilustración e reflecte os trazos característicos da mesma: moderantismo ou falta de radicalidade nas formulacións; vinculación, máis que ruptura, á tradición e estamentos do Antigo Réxime; autonomía do ser humano, capaz de pensar por si mesmo e de se converter en autodidacto. Velaquí a súa propia descrición: "El que es enseñado, según la moda vulgar, se llama didactus; mathetés discipulus. El que es enseñado por si mismo, y sin maestro, se llama autodidactus. Y se llama theo-didactus el que es enseñado por ciencia infusa. El número de theo-didactos es muy corto. El de los auto-didactos, es mucho mayor, y sería sin número si los que enseñasen a la juventud fuesen doctores, como quería Horacio" (A educación da xuventude, 43/64); proposta -seguindo cos trazos descritivos- da figura do Alethophilo ou veritatis amator, como representante do seu modelo ilustrado en canto sistema de valores; primacía da experiencia, adoptando unha posición raiana co máis estricto sensismo (no relativo á orixe, fundamento obxectivo e límite teórico do coñecemento humano); fomento dos coñecementos e mesmo a potenciación da crítica cunha orientación pragmático-utilitaria do saber; liberdade de pensamento no eido da investigación científica, pero compatibel cunha actitude fideísta no ámbito da fe e da crenza relixiosa; actitude que P.Allege/A. Barbazán cualifican de "novo averroismo", isto é, de defensor dunha dobre verdade: dunha banda, a verdade da ciencia e, doutra, a verdade relixiosa da fe (iso si, sen entrar en conflicto); crítica dos abusos cometidos, enormemente variada: das universidades e academias, da administración pública, dos cobradores e recadadores de rendas; dos escribanos, dos avogados; dos latrocinios perpetrados por mor das obras públicas; dos impostos e dos intermediarios; dos arbitristas e ociosos; dos gremios de comerciantes; do absentismo da nobreza galega; dos empregos hereditarios e dos cargos públicos; dos cataláns (empresarios); do militarismo; de curas, frades, monxas e beatas; de determinados actos litúrxicos; da administración dos bens eclesiásticos; das confrarías literarias; dos galegos rutineiros, supersticiosos e carentes de espírito comercial; dos médicos en xeral (agás D. Gaspar Casal e D. José Quer); dos políticos, etc.

Esta actitude ambivalente tradúcese, ás veces, nunha linguaxe que máis ben semella ser un coloquio oral, co que Sarmiento conversa e fala non coma un "libro aberto", pero si coma un "home aberto". J.L. Pensado describe dita ambivalencia con enorme precisión: "No es fácil dar razones de este comportamiento. Sarmiento es, dentro de su época, una curiosa mezcla de arcaísmo y novedad, difícilmente conciliable. En un siglo de Las Luces es un ilustrado católico al nuevo estilo. No se le ocurriría racionalizar la fe. Hereda todas las intransigencias religiosas hacia judíos, moros y protestantes, toda la xenofobia de la España imperial. Es la herencia del pasado. Pero también mira al futuro. Lo único que no le parece interesar es el presente. Es un racionalista absoluto y su razón sólo admite una barrera in obsequium fidei: todo lo demás es opinable. Su vida no fue conflictiva al modo de la de muchos ilustrados, como un Olavide, un Jovellanos, un Conde de Aranda, etc. Es una mezcla de fe de carbonero y de racionalismo difícilmente concebible. Su ideario es profundamente materialista. Se alza contra la afición hispana a las abstracciones, vaguedades y charlatanería, y propone una enseñanza fundamentada exclusivamente en las ciencias físicas y naturales, hecha en idioma vulgar..."(1984, CEG, 28, 83).

En fin, critica de todo e case de todos, pero sempre crítica dos abusos cometidos polos intermediarios do Altar e do Trono, nunca dos sistemas e das institucións xerárquicas.

O conxunto destes caracteres, sintéticamente elaborados, deseñan a figura dun home enormemente culto, erudito, asistemático, a-metódico. Con estes caracteres, reflectidos por medio dun estilo lingüístico sinxelo, afectivo, natural, racionalista e mesmo romántico en moitos aspectos, podemos definir o perfil do Sarmiento ilustrado. El mesmo confesa ser libre (con liberdade relixioxa, filosófica, literaria e política) para falar de todo, utilizando frases vulgares e brincadeiras que poden semellar indecorosas nalgunhas ocasións, pero que fan agradábel a conversación. El mesmo o recoñece: "No sé hablar sino como pienso, no sé escribir sino como hablo...por eso debo vivir tan retirado del mundo, que no gusto de esas conformidades. No sé escribir sino como hablo y pienso" (El porque si y el porque no del P. Martín Sarmiento. Satisfaccion crítico apologética de su conducta, 1787, 125, 133).

Así, desta forma de se presentar a si mesmo como sinxelo, rústico, afábel, sociábel, divertido -trazos que contrastan con outras autodescricións ou autorretratos nos que aparece como ridículo, duro, adusto, hipocondríaco, insociábel, melancólico, irritábel, teimudo, descortés, descoidado, misántropo, pouco aseado, etc.-, pódese sacar a conclusión de ser unha persoa rara, extravagante, incoherente e mesmo de escasa profundidade. É o seu mestre e amigo B.G. Feijoo, quen reivindica a súa verdadeira dimensión e significado, salientando diversos aspectos da súa personalidade: milagre de erudición en toda caste de letras divinas e humanas, que bebe nas fontes limpas, orixinais; de feliz memoria, de capacidade discursiva áxil e penetrante, a quen só lle recoñece o defecto dunha excesiva modestia.

A valoración de Feijoo non deixa lugar a dúbidas, pero é preciso indicar, non obstante, que cando fai esta valoración Sarmiento xa non é "tan ignorado coma se vivise nun deserto"; xa non era un absoluto descoñecido. Sarmiento tiña 35 anos; correxira o primeiro tomo do Teatro Crítico (1726) e dera a súa Aprobación para a súa Ilustración Apologética (1729). No 1731 replica a Salvador Mañer, pola crítica que este fixera á Ilustración. No 1732 publica os dous volumes da Demostración Crítico Apologética, en defensa de Feijoo. Así que, pese á súa xuventude, á súa vida retirada e á vontade de non querer dar á luz os seus escritos, Sarmiento xa non era tan descoñecido, como dicía Feijoo.

 

Xosé Luis Barreiro Barreiro: Martín Sarmiento na Ilustración. A Coruña: Baia Edicións, 2002.

Fragmento reproducido coa autorización do autor