Ir ao contido principal

Fondo histórico e patrimonial da BUSC

Condicións de consulta e reprodución

Condicións xerais

O fondo patrimonial da BUSC está excluído do préstamo a domicilio e a súa consulta farase nas condicións indicadas neste documento.

Por norma xeral as obras dixitalizadas só se consultarán baixo este formato. Cando, en circunstancias especiais, sexa necesario ver o formato orixinal, enviarase unha solicitude á Dirección da BUSC, ao enderezo: biblioteca.universitaria@usc.gal.

Pautas para a consulta:

  • O acceso ao fondo patrimonial da BUSC é libre, co único requisito de estar rexistrado en Alma. A aquelas persoas usuarias que, de xeito puntual, queren facer unha consulta, faráselles previamente un rexistro como persoa usuaria convidada. 
  • A consulta das obras do Fondo de Reserva (obras de especial valor) require a autorización previa por parte da dirección da BUSC .
  • A Biblioteca ten un servizo de petición anticipada ou de reserva, tanto dende o propio catálogo Iacobus como a través do enderezo do Servizo: biblioteca.xeral.salainvestigadores@usc.gal, polo que as persoas investigadoras poderán solicitar, ata ao menos un día antes da consulta, a reserva de libros, informando das datas nas que se levará a cabo a consulta.
  • Pódense consultar simultaneamente un máximo de dúas obras (1 obra cando a consulta sexa na Sala de Información), aínda que pola natureza da investigación poderase autorizar un número maior.
  • A consulta realizarase na Sala de Investigadores, baixo o control do persoal desa sala.
  • Fóra do horario de atención na Sala de Investigadores, a consulta  do fondo patrimonial farase na Sala de Información (se fose necesario tamén pode facerse na Sala de Lectura), baixo o control do persoal do mostrador da Sala de Lectura.
  • Quedan excluídos da consulta na Sala de Información (e Sala de Lectura) as obras do Fondo de Reserva (obras de especial valor), agás os facsímiles, así como calquera outro documento que por razóns de valor, conservación, etc determine a Dirección da Biblioteca.
  • A BUSC poderá rexeitar as solicitudes de consulta de obras por razóns de conservación, restauración, e calquera outra que a Dirección da Biblioteca determine.
  • Para a consulta de fondos de carácter  persoal aplicaranse os requisitos establecidos pola lexislación vixente.

Outras pautas para a consulta

  • Ao finalizar a consulta, as persoas usuarias entregarán as obras ao persoal, que revisará o estado do material devolto, con especial coidado se se trata de follas soltas.
  • Non está permitida a introdución de alimentos ou bebidas na Sala de Investigadores e, por extensión, en toda a biblioteca.
  • Os teléfonos móbiles deben estar en modo silencio.
  • A entrada de libros propios, así como de bolsos, mochilas ou maletíns de gran tamaño deberá ser comunicada ao persoal da biblioteca.
  • O persoal velará polo uso adecuado das obras por parte das persoas investigadoras.
  • Non se permitirá introducir ningún obxecto dentro do libro para marcar as páxinas; no caso de ser necesario empregaranse sinais de papel, que proporcionará o persoal da biblioteca.
  • Non se pode escribir, calcar, subliñar, etc. sobre as follas ou cubertas dos exemplares.
  • Para a toma de notas é recomendable o emprego de lapis, papel, tableta e/ou portátil.  
  • A Biblioteca facilitará atrís e fíos de chumbo para poder manter abertos correctamente os libros.
  • Pódese recomendar o uso de luvas de algodón para a consulta das obras que así se estableza, especialmente manuscritos e incunables. En todo caso a Biblioteca proporcionará luvas ás persoas usuarias.