Unha referencia bibliográfica é unha descrición normalizada completa de cada un dos documentos consultados no traballo, que quedan consignados nunha bibliografía final. Poden ordenarse alfabeticamente ou por orde de aparición no traballo, dependendo do tipo de cita elixido. Cada cita debe corresponder a unha referencia bibliográfica.
Segundo o sistema de citas que adoptemos podemos ter:
- Sistema de nome e data (Harvard). Neste sistema, á hora de redactar as referencias, o elemento do ano insírese despois da persoa creadora: CRANE, D., 1972. Invisible Colleges. University of Chicago Press.
- Sistema numérico e de notas continuas. Respéctase a orde dos elementos dados segundo a categoría do recurso. Neste caso o ano vai detrás da editorial: 8. BURCHARD, J. E. How humanists use a library. En: C. F. J. OVERHAGE y J. R. HARMAN (eds.). Intrex: Report on a planning conference and information transfer experiments, pp. 41–87. MIT Press, 1965.
Débese usar un esquema uniforme de estilo, formato e puntuación para todas as referencias incluídas nun documento
A redacción de cada unha das referencias vai depender do tipo de documento, do número de persoas autoras e doutros moitos elementos. Hai moita casuística, imos expoñer no apartado "Exemplos" como se deben redactar as referencias en formato UNE-ISO 690:2024.