Ir ao contido principal

Normativa de doazóns da Biblioteca da USC

Presentación

O Obxecto desta guía é describir os tipos de doazóns que acepta a Biblioteca da USC e o procedemento para doar exemplares a nosa colección.

Tipos de doazóns

Doazóns exemplares soltos

Doazóns de exemplares soltos. Son as mais habituais. Normalmente proceden de particulares, sobre todo dos autores, editores ou institucións. Acostuman ser obras de recente aparición.

Normalmente chegan sen regularidade e na maioría dos casos, sen posibilidade por parte do Bibliotecario de seleccionar o material ata a súa chegada.

A Biblioteca non se compromete a devolver as doazóns recibidas que non foron previamente aceptadas.

Doazóns de coleccións

Proceden de Bibliotecas persoais, profesionais, de departamentos universitarios, bibliotecas ou organismos. Adoitan ser importantes polo seu tamaño, valor, antigüidade ou interese para a Universidade. Dado o seu volume e características, requiren dunha selección e un tratamento máis exhaustivo. Estas doazóns poden requirir nalgúns casos dun acordo particular entre o doante/s e a Universidade.

Legados testamentarios

Trátase das doazóns que resultan de vontades expresadas no seu testamento polos causantes. Serán negociadas, previamente ao ingreso na Biblioteca coa familia e/o herdeiros do testador, para determinar a forma de recollida ou entrega máis conveniente para ambas as partes. A Biblioteca resérvase o dereito de aceptar este tipo de legados

 

Criterios xerais para a aceptación de doazóns

A xestión de doazóns é un proceso complexo que precisa analizar aspectos tales como a idoneidade dos fondos, o espazo dispoñible, o estado de conservación e os custos de manipulación e proceso técnico. Por iso, a Biblioteca só aceptará aqueles materiais que cumpran os mesmos estándares e criterios que os contemplados na súa política de adquisicións. 

Criterios xerais:

  • Non se aceptarán duplicados, inda que estean en formatos diferentes, a non ser en casos excepcionais.
  • O contido dos documentos deberá estar de acordo coa política de adquisicións da Biblioteca.
  • Debese ser estritos na valoración de separatas e folletos, e non se aceptarán resumos ou documentos abreviados.​​​​​​​
  • Os documentos deben estar editados. Non se aceptarán textos fotocopiados ou similares, a non ser que formen parte de legados ou coleccións de características especiais polo seu carácter patrimonial.
  • Os documentos deberán estar nun estado físico adecuado. Non se aceptará material deteriorado, agás que pola súa relevancia a Biblioteca decida que forme parte da colección.
  • Non se aceptarán obras que se atopen en formato electrónico de acceso libre.
  • Publicacións periódicas: Se o título forma parte da colección, buscarase completar os anos ou números non existentes. Se son números soltos dun título que non forma parte da colección, non se aceptarán.  Se se trata dunha colección completa dun título que non forma parte da colección, a Biblioteca decidirá a conveniencia ou non da súa incorporación
  • Non se aceptarán documentos en soportes en desuso (disquetes, casetes, VHS etc.) agás que sexa de interese para a Biblioteca. Non se aceptarán enciclopedias, dicionarios,  lexislación derrogada.​​​​​​​
  • As doazóns aceptaranse coa condición de que os materiais pasan a ser propiedade da Biblioteca que organizará, manterá e utilizará o fondo coma lle pareza oportuno, coma calquera outro documento da Biblioteca.
  • No caso de Doazóns de coleccións ou bibliotecas de especial importancia polo seu valor ou volume:

  • A institución ou a persoa doadora debe proporcionar á Biblioteca información sobre o contido da colección. De non poder proporcionar un listado, dará unha breve descrición: historia, materias, datas de publicación, volume... Pode darse o caso de que membros da Biblioteca consulten a Doazón para facer unha valoración previa.

  • A Biblioteca fará un informe que terá en conta o contido da Doazón, o seu valor para a Biblioteca e o coste da súa aceptación. E a partir deste, proporá a aceptación ou non da Doazón.